Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A revolución pendente: educar para dubidar

viernes, 17 de octubre de 2014
A historia non camiña linealmente, desenvólvese a saltos. O péndulo poucas veces permanece nese centro a onde o empuxa a inercia.
Din que no Neolítico houbo unha revolución baseada nos inicios da agricultura e da gandeiría que poñía raíces nos pés dos homes para afincarse na terra, e que a aparición da cidade supuxo outro salto cualitativo. A cidade, a cidadanía, o aire de liberdade correndo libremente polas rúas.

Outras revolucións foron. Acendéronse, brillaron e apagáronse, pero sempre quedaron rescaldos quentando o corazón dos homes e das mulleres. Como a gloriosa Revolución Francesa, a que nos facía pronunciar naquelas severas aulas do bacharelato o de egalité, liberté e fraternité, con ese erre imposible.

A Revolución Industrial do XIX, a Revolución Tecnolóxica do XX, a Revolución Dixital colocou nas nosas mans ferramentas inimaxinables que vemos con esperanza e outras veces con medo porque moitos pensan que hai máis amor temendo ao futuro que desexándoo. É dicir preparándoo, traballando para que sexa máis xusto, máis igual, máis solidario.

Atrapados no presente o mundo preséntase como caixón de xastre, caótico e desordenado, no que poucos se atopan a gusto. Especialmente a mocidade. Instalados no presentismo obrigado pola falta de traballo boa parte da nosa rapazada non cre no futuro. Deixou de preparalo e de inventalo co traballo que supón o esforzo duro e cotiá, como duro, mal pagado e desesperanzado resulta o pouco traballo que se lles ofrece.

Hai rapaces que camiñan polos sendeiros fáciles da Primaria e da ESO ata a Universidade cunha fartura de dereitos tan obesa e lamentable como a ausencia dos deberes que constitúen o carnet de identidade para exercer a cidadanía, ese compromiso social que é ingrediente esencial da liberdade.

“Fago o que quero, cando quero e porque me peta, e pouco che me importan as consecuencias”, pode ser o credo duns fillos que dificilmente atopan un pouco de presencia duns pais, dunhas nais sen tempo para exercer de pais e nais, é dicir, para educar. O resultado xa se ve: barra libre ou libertade total para levar o ritmo de vida que lles apetece.
Unha segunda Ilustración sería necesaria para avanzar cara á sociedade do coñecemento, para atreverse a dubidar, para atreverse a pensar. Unha revolución ilustrada, imprescindible, para que volvamos a ensinar, se é que aínda estamos a tempo, ós nosos rapaces a dubidar e a pensar, algo que choca contra os propietarios de certos medios de comunicación (armas de destrución masiva), empeñados, polo que estamos a ver, en erradicar dos cerebros “a funesta manía de pensar”.

Imaxinen a toda esa inmensa rapazada usando a tope os cen mil millóns de neuronas que cablean a máis portentosa máquina que constrúe a persoa, que está porque dubida na base de cada cambio, e que debuxa con trazos humanos os vieiros máis transitables da historia.

Pero unha tal creación é totalmente incompatible coa descarga de decibelios que soportan semanalmente eses rapaces, con toda unha cultura-economía baseada no alcohol co que os donos deste tinglado están enchoupando os soños da mocidade, territorio de heterodoxias. Pensan, non sin razón, que un rabaño de ovellas atordadas polo ruído e atemorizadas pola falta de futuro é máis manexable que un só rebelde que dubida.

Por iso, neste pequeno planeta con tantos cambios pendentes, moitos instaláronse, instalámonos, na desesperanza do carpe diem, que en correcto galego podería traducirse como ‘divírtete-mentres-poidas-que-isto-foise-ao-carallo’.

Por ese camiño imos, e por iso é necesaria unha segunda ilustración que ensine a dubidar, que desconfíe dos dogmatismos. A primeira atreveuse a mirar, a criticar, a dubidar coas luces da razón arrincando á Humanidade dunha oscuridade acomodaticia para inaugurar unha nova sociedade.

Todos somos beneficiarios desa fermosa herdanza. E por iso, agora, se nos atrevemos a dubidar e a pensar, se enterramos sementes de dúbida na mente dos nosos rapaces, se os instamos a pensar, outra terra será posible, outro desenvolvemento será posible, outra sociedade será posible. Outro futuro será posible.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES