Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (XXVIII)

martes, 30 de septiembre de 2014
O problema das lexítimas ilexitimadas:
Os nosos emigrantes sempre foron xenerosos, e non só coa familia propia, aínda que por veces máis que virtude foi petulancia, presunción, matar complexos dándose de ricos, xactándose do que, ¡aínda!, pouco ou nada tiñan: devolvían a pasaxe, os cartos recibidos; pagábanllela a Espallando ideas (XXVIII) parentes e veciños que clamaban por imitalos; mandaban letras para que os morgados comprasen as herdanzas dos tíos, ou pagasen aqueles préstamos usurarios de don Benito...; e incluso costeaban edificios, escolas, para que non tivesen que emigrar, ou o fixesen con unha certa cultura, precisamente os fillos daqueles morgados, dos mesmos que lles causaran, a eles, a súa emigración, que era o colmo da xenerosidade.
¿Pero...? ¡O pero estivo, estaba, en que aquela prosperidade do emigrante ou fora ficticia ou decaera, chegando días, rachas, de mala ventura, de extrema necesidade! Nesas circunstancias, ¡lóxico!, escribíanlles aos irmáns da casa, pero máis ben aos sobriños, pedíndolles un xiro, neste caso inverso, polo que herdado tiñan. Daquela, os da casa, qué? ¡Pois..., o propio: regateaban, e incluso os houbo que nin as cartas contestaron!
Por unha parte, que é doado defenderse dos ausentes; pola outra, que a qué viñan aquelas pretensións de quen tan rico estaba, ou se lle supoñía! Neses regateos pasaban os anos, viña outra xeración, e..., se te vin non me lembro, que incluso se deron casos, coñezo algún, nos que os da casa patrucial negaron aquela relación parental!
Neses supostos, fosen moitos ou poucos, en qué paraba a cousa? ¡Pois..., haberá que dicilo, e iso que, que eu saiba, ata aquí ninguén ousou comentalo, que segredo mellor gardado cá este nunca houbo, ningún, nos faiados das casas! Xurdiron uns..., ¿especuladores?, que, con socios, ou cómplices, aquí, no país, aqueles ¿listiños? aló, en América, desde aqueles Centros Galegos onde a morriña desataba as linguas, sabían dos casos, así que eles, aqueles listiños, ¡bos samaritanos!, acudían á ferida: “Vosoutros tranquilos, que vos compro esas herdanzas, e así sácovos do apuro!”. Dito e feito: unhas veces por compra efectiva, e outras con poderes irrevogables, facíanse co dominio patrimonial! ¿Para qué, que desde América non se poden arar as leiras? ¡Pero pódense dar poderes ao cómplice para que se presente na casa patrucial, e poña a parir, de inmediato, sen esperar nove meses, aos paisaniños, que acaban por mercarlles aos intrusos, aos intermediarios, ao prezo que fose..., antes que verse metidos en preitos e/ou en difamacións!
Pero, habíaos desa catadura? ¡Houbo, si, e encima gozaban de certo prestixio neste país dos segredos; claro, pois mentres ás estraperlistas lles cortaban o pelo, a estes, ¿estraperlistas de herdanzas?, medráballes o seu, con boina e bastón, por suposto! Máis é, que as consecuencias daquelas ¿intromisións especulativas? teñen, tiveron, unha segunda consecuencia: Que tempo adiante, algún fillo, fillos e netos, daqueles emigrantes, ao verse en circunstancias aínda peores, seica quixeron apoiarse nos parentes para virse a España, para un retorno migratorio, e… xa non tiveron, non lles quedaban, táboas de salvación, puntos de apoio, cos parentes anoxados!
¡Nas nosas aldeíñas tamén houbo, e hai, segredos de Estado, e non dos de minúsculas, pero..., todo se esquece!
-.-

Heroicidades. ¿Meterse a redentor? ¡Xa o fixo Cristo, e así lle foi! Isto é o que pensan, o que din, os covardes, pero, sen valentes, aínda estaríamos nas cavernas. Que nos cravarán de pés e mans é certo, dínolo a experiencia, por pouca que teñamos, pero non o é menos que sen valentía e sen xenerosidade o mundo non rula, e aínda que rote, non se traslada. ¿Trasladarse, para onde? ¡Para o Ceo! ¿Parécevos pouco?
Pedro, para que non o acusasen de cómplice, negou tres veces, pero arrepentiuse, e chorou tres días, ata que viu ao Perdoador resucitado, consolando e animándoos para que seguisen, para que predicasen o Evanxeo, para que testemuñasen, así lles custase o martirio! ¿Nós, que nos damos de cultos, imos a ser menos?
Aínda que todo é mellorable, o samaritanismo de proximidades, aquí en España, e niso a nosa Galicia non está por debaixo da media, caso de Angrois por exemplo, funciona bastante ben, pero isto podemos predicalo nos casos vis-à-vis, nas distancias curtas, no visible, pois no invisible, cando as consecuencias se ocultan, ou se nos ocultan, non me atrevo a ser tan optimista.
¿Podemos axudar no invisible? ¡Podemos, e debemos, aínda que supoña heroicidade, pero o noso ego, ao non recibir un agradecemento expreso, directo, visible, palmario, arrefríanos os ánimos; por veces, xa, incluso, antes de comezar: tantas cousas que, podendo pasar, ou enfrontarnos a elas, segundo os casos, escondémonos, tiramos de largo!
Comezando polos mínimos: Aquí en Coruña, e noutras cidades outro tanto, ata que saíu unha Ordenanza ordenando recoller ás deposicións sólidas dos cans, quén o facía? Así tantas e tantas omisións, con prexuízos para terceiros, que non as daríamos enunciado. Só dúas máis, das pequerrechas, ou non tanto: Se vas pola beiravía, e te paras diante dun semáforo, agardando pola verde, verás, a cotío, ducias de valentes, ¡de valentes badocos!, que, ao non ter un garda por semáforo, fan alarde da súa afouteza, poñendo en perigo, de paso que pasan a destempo, a todo chofer que leve gastadas as zapatas dos freos, ou non sexa capaz de pisalos a tempo. Outra: Bótaste á estrada, a calquera, e a calquera das horas, pois, aínda que as circunstancias sexan diferentes, non hai hora nin tramo nos que os prudentes, se puidesen soltar os seus volantes non deixarían de persignarse dándolle as grazas a esa lexión de anxos da garda que debemos ter os motorizados a xulgar polos seus milagres. ¡Eses próximos que tanto se nos achegan van, pasan, entretidos, namorados dos seus aceleradores, e daquela os outros, aínda que levasen máquina, non poden pararse a retratalos, así que, impunidade ao canto!
Con isto ter o seu alcance, outras cousas hai, outras omisións dos nosos deberes sociais, teñamos ou non mando en praza, que, podendo, e debendo, actuar, como ninguén nos vai dar as grazas…, así provoquemos unha catástrofe!
Hai redentores, redentores anónimos, por suposto que si, que non esperan nin recibirán o noso persoal agradecemento, nin serán eloxiados nos mass media, pero saben, esperan, que os premiará Deus; isto, aínda que no fondo encerre un certo egoísmo, ten o seu mérito. ¡Hai que avanzar por este camiño, así sexa pedregoso, pero é o meritorio, o que nos leva a merecer o Ceo, que Aló Arriba, Aló Adiante, nunca se esquecen de darnos as grazas! ¡Non o digo eu, senón a Biblia, que é o único libro certo, o das matemáticas máis exactas!
-.-

Salus pópuli suprema lex est! ¡Xa; iso dicían, ou iso querían, para os Espallando ideas (XXVIII)seus, aqueles romanos! A saúde do pobo é a primeira das leis. É un principio do dereito romano, pero, noso, do noso Goberno? Polas trazas, e van trece anos deste século, do XXI, aínda non viñeron, aínda non volveron, os romanos, e os celtas están cansos, cansados do seu encortellamento castrexo.
Os Gobernos teñen portavoces, as Autonomías, tamén, pero de nós, dos poderdantes, quén é, ou se fai, portavoz; quen se sube á muralla do castro para berrar, para esixir, ese dereito ancestral? Eu, modestamente, desde a torre do meu blog, clamo, e proclamo, dereitos seculares, ¡que veñen dos romanos! ¿É que os nosos políticos, que tanto presumen da súa carreira, teñen suspenso o seu Dereito? Certo é que, a falta de pan, dannos circo; a falta de medicamentos, alocucións, pero, onde está, onde queda, onde e cómo esqueceron a nosa saúde, esa “Salus pópuli”? Nós, toda unha vida contribuíndo para as súas bacanais, e eles negándonos a gratuidade das menciñas, que non o é posto que as pagamos, todos, por adiantado, desde o primeiro día da nosa cotización á Seguridade Social! ¿Non será que queren aliviar, minguar, as listas do paro mandando á Eternidade aos enfermos, sexan vellos ou novos?
Señores políticos, señores mordomos infieis, déanlle un repasiño á Historia de España: Aqueles romanos trouxeron leis, pero a cambio dunha inxente cantidade de ouro, prata, trigo, viño…, así que daquela mesmo comezamos a ser pobres. Despois viñeron os bárbaros, que non o eran tanto posto que, a diferenza dos romanos, case non trouxeron dereito pero si vacas, pasando do arado romano, do de madeira, ao de ferro. Os musulmáns aportaron cultura, boa parte daquela que se refuxiara en Bizancio; e de paso, ensináronnos a fecundar a terra, con regadíos, con novas especies. Dos mouros pasamos aos indios, así que, neste punto, chamo a declarar á sevillana Torre do Ouro. Esgotado aquel Potosí, viñeron as remesas dos emigrantes, e tamén algún que outro turista friorento. En definitiva, que hai que administrar mellor, repartir mellor, ese pouco que temos, ese pouco que nos quedou, que llelo aconsello eu; lémbrense que os mordomos infieis, os mordomos papóns, aínda que teñan catacaldos, acaban mal, acaban vomitando!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES