Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Parece oportuno: Lean para lembrar

viernes, 26 de septiembre de 2014
Dixo CAMÔES que sempre irá por bo camiño quen aproveita o tempo oportuno; e, con moita graza, tamén dicía Rabelais que a ocasión (e a oportunidade) tiña todos os pelos na testa, por iso se a deixamos pasar, non se pode atrapar. Eu, que ben saben que conto moi pouco nestas sentenzas, atrévome a escribir que quen esqueceu o pasado, perdeu a ocasión de conducir ao futuro. Aínda que, sen dúbida, sempre hai que poñerlle cancelas a oportunidade e a ocasión, cun PARA-QUE de chave.

Hai dous termos que están moi sobados nestes nosos tempos da inquietude catalanista: “Utrecht” e “Federación”. O primeiro imposto como a fonte histórica máis inmediata do dereito á secesión de Cataluña do resto do Estado Español, e o segundo como a panacea reiterada, non sei se para que desapareza o problema ou para darlle solución.

Modestamente, penso que nin o problema vai desaparecer, nin a solución está nesa tan cacarexada reforma (ou cambio?!) constitucional, porque estamos no caso dunha patoloxía recidiva, como pasa coa infección dos fungos nas uñas. Trátase e volve a repetir cando lle peta. Por iso falo da oportunidade, pero do tratamento, non da que se lles da aos fungos para que “recidivan”.

Nunha sinxela Historia do bacharelato, podemos encontrar algo do que temos que lembrar para non desaproveitar a ocasión de evitar que se nos expropien a todos os españois os dereitos que a Constitución nos confire como elementos constitutivos do suxeito da soberanía de España.

O rei Carlos II morreu o 1 de novembro do ano 1.700, e con esta morte, a Casa de Austria puxo fin ao trono español, dando paso a Felipe V, de Borbón. E como o poderoso Luís XIV de Francia pertencía a mesma Casa reinante, os españois tiñan a esperanza de que as cousas melloraran, que boa falta facía.
Pero a arrogancia do rei francés e o receo que se avivou en Europa pola unión entre Francia e España desencadeou unha guerra que durou case 15 anos, e nela intégrase a da Sucesión en España, que tivo carácter civil, e onde se desatou unha loita fratricida, sementando o país de odios e crueldades, co correspondente impacto económico. (E aínda sen guerra, moita xentiña evidencia a súa insolidariedade coidando os rebentos deses sentimentos).

Non obstante, parece que Felipe V reinaba coa aceptación de todos os súbditos, incluído Aragón. A Barcelona concedéuselle ser porto franco e incluso podía enviar dous navíos ao ano ás Indias.

Como non pretendo relatar aquí todos os feitos históricos, omitindo algúns, deberíamos recordar que se produciu unha sublevación dos países aragoneses: Parte de Aragón e Cataluña pasan a favor do bando austríaco; pero NON HOUBO SENTIMENTOS SEPARATISTAS. Incluso Cataluña, e dunha maneira especial Barcelona, loitou ata o fin POLO CONXUNTO DE ESPAÑA.

Por suposto, os Borbóns en Castela contaban cun forte apoio do pobo. Sen embargo, a nobreza e o mesmo clero estaban divididos: Uns a favor dos Borbóns, e outros, partidarios do arquiduque Carlos, aspirante tamén, pola Casa de Austria, a Coroa española.

E as cousas chegaron a poñerse tan mal, que o mesmo Carlos logrou vir a Madrid no 1.706, aínda que os casteláns obrigárono a deixalo e tivo que refuxiarse en Valencia. Pero na batalla de Almansa (27 – abril- 1.707) caeron nas mans de Felipe V os reinos de Aragón e Valencia e tamén Lérida, decretando o rei a abolición dos foros que tiñan.

A loita seguiu no Continente e na Península; pero os acontecementos, a partir do 1.709, obrigaron ao rei francés a desexar a paz . No 1.710, os aliados (Austria, Inglaterra, Holanda, Saboya e Portugal) atacan dende Cataluña e avanzan ata Madrid, onde instalaron de novo ao arquiduque Carlos; mais os casteláns reaccionaron e véncenos en Brihuega e Villaviciosa, e recuperaron Aragón e Cataluña para Felipe V.

Acontecementos posteriores levaron á Paz de Utrecht: Felipe V conserva os territorios españois, menos Xibraltar e Menorca, e tamén conserva as Indias, menos Sacramento, que pasa a Portugal. Hai que destacar que na Cataluña partidaria dos aliados só resistiu Barcelona e algunhas guerrillas dispersas. Os políticos cataláns poden darlle as voltas que queiran a hermenéutica do contido do Tratado; pero Cataluña seguiu formando parte de España

Ata aquí o que deu de si o Tratado de Utrecht, e agora permítanme dicir algo do outro termo, “Federalismo”.

No 1.873, houbo un Proxecto dunha Constitución Federal. En 23 apartados podemos informarnos das atribucións que lle quedaban a Federación, das que só saliento algunhas que considero relevantes, para que o lector poida valorar: Relacións exteriores, tratados de paz e comercio, declaración de guerra, cuestións territoriais, CONSERVACIÓN DA UNIDADE E INTEGRIDADE TERRITORIAL, ..., contribucións e rendas, débeda nacional, ..., SANIDADE, montes e minas, CONSERVACIÓN DA ORDE PÚBLICA FEDERAL e RESTABLECEMENTO DA LEI POR MEDIO DA FORZA CANDO UN MOTÍN OU SUBLEVACIÓN COMPROMETA OS INTERESES E DEREITOS XERAIS DA SOCIEDADE. Comparen, pois, coa descentralización autonómica actual en Cataluña, e consideren que quen vai fora para xustificar as súas argalladas, desnaturaliza as solucións e evidencia a súa propia pobreza imaxinativa.

En agosto de 1.873 iniciouse o debate nas Cortes, cos partidos Constitucional e Radical opoñéndose ao Proxecto, alegando que era un INICIO DA RUPTURA DA UNIDADE NACIONAL. Suspéndese o debate ata xaneiro do 1.874, con Castelar, a quen nunha moción de censura lle preguntaron polo Proxecto, e contestou “¿E o Proxecto?”. “Queimástelo en Cartaxena”: Referíase ao acantoamento. Xa ven como estaba o patio. Imaxínense algo parecido neste momento en España. Acaso non terán xa queimada esa reforma (ou cambio?!) constitucional algúns políticos cataláns?.

Considero insoportable, por claramente insostíbel, o razoamento de que haxa que alterar a normativa dos principios constitucionais porque algúns non se sentan cómodos con ela: Aceptada esta estúpida falacia política, volveríamos os españois a xogar coas Constitucións, reproducindo a estela histórica da nosa frivolidade. Non quero pensar tan sequera no caso de que tiveramos, como Inglaterra, por exemplo, unha Constitución non escrita!!!.

E manténdose nesta liña, permítanme que lles suxira, para o de Cartaxena, a lectura da seguinte obra do catedrático de Dereito Constitucional, D. Roberto Valdés Blanco: “El laberinto territorial español. Del cantón de Cartagena al seccesionismo catalán”. Alianza Editorial, Madrid, 2.014.

Termino agradecendo, por suposto, a paciencia do lector; pero un pouco máis a dunha reflexión crítica. En todo caso, parece elemental ter moi presente que hai que chegar a tempo para resolver os problemas, evitando crear ocasións que se convertan en oportunidades, ou, se o prefiren, oportunidades que abran espazos ás ocasións para ás hipocrisías políticas e ás perversidades da arrogancia, ás que nunca se lles debe permitir que cheguen a “substanciarse” como entidades anti-constitucionais, sobre todo mediante o proceso de sedimentación, subministrando os materiais dende os mesmos Gobernos Centrais.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES