Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Noraboa, Eladio

miércoles, 24 de septiembre de 2014
Se nestes intres aplicase unha das máximas do xornalismo -é dicir, a de que toda referencia informativa que non proceda dunha fonte directa debe ser tomada con cautela- non me atrevería a emitir esta opinión.

E, como non estiven alí, loxicamente non escoitei a súa intervención, nin tampouco a procurei na rede, xa que logo, descoñezo se alguén tomou a molestia de gravala e colgala logo, despois. Polo que é posible -e asumo o risco- que a miña valoración se perda nos posibles matices que se perden nos resumos informativos, por máis que vaian entrecomiñados.

Malia todo iso, como acabo de escribir, asumo os posibles erros que poida cometer sobre unha lectura sesgada da súa intervención esoutro día en Baños de Molgas e dígolle de contado "noraboa, Eladio", non xa pola súa valentía (porque para emitir opinións sinceras e facerse eco de reivindicacións que se consideran xustas, non se precisa valentía), senón pola súa honestidade e polo exercicio de libre conciencia que amosou no nome do pobo ó que representa.

Como pode supoñer, benquerido e informado lector, estou facendo referencia ó alcalde de Baños de Molgas, Eladio Mangana, e á intervención que este realizou nunha convención política celebrada o pasado sábado pola súa formación (o PP) nos Milagres e na que, como alcalde desta Galicia sur, ancorada, envellecida e despoboada (nas cuestións de partido non entro) pediulle ó presidente da Xunta que non deixase caer ós concellos de Ourense "no esquecemento", aproveitando, así mesmo, para reivindicar "un reparto máis equitativo" porque (os entrecomiñados son tirados da información) do futuro dos municipios "depende o futuro da provincia".

Un dos grandes males ou das doenzas de calado que veu padecendo a política dende que a palabra democracia é sonora para todos nós, é o medo que na pirámide do poder teñen os que sosteñen esa pirámide, a emitir opinións que poidan incomodar ós que están situados nun chanzo superior, por máis que esas opinións estean totalmente xustificadas e sexan expresadas coa lóxica corrección coa que deben seren expresadas tódalas opinións. E non digamos xa, se o receptor desas opinións é aquel que se atopa no vértice da pirámide. Digamos, en versión anglosaxona, o "boss".

Por iso repito que, fender de vez eses males e facerlle saber cómo se ve a realidade (aquela que os que están na zona superior da pirámide non viven de preto, por máis que digan seren conscientes dela) non é unha expresión de valentía. É un exercicio imprescindible que todos, coma Eladio, deberían exercer e que o que está no vértice debería saber agradecer porque lle axuda a non perder a perspectiva de conxunto que un bo gobernante nunca debería perder.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES