Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A parábola

viernes, 19 de septiembre de 2014
Hai uns días, nun debate televisado que vin e oín, fixéronme reflexionar un pouco unhas palabras de D. Ramón Tamames, quen referíndose ao Sr. Rajoy, en relación ao problema de Cataluña, dixo, máis ou menos, isto: “Con desculpas dos crentes e non crentes, o Sr. Rajoy que se deixe de parábolas, que el non é Cristo, e que explique as cousas”.

Facía alusión a aquilo de que un andaluz podía vivir cun corazón dun catalán, para destacar, supoño, a necesaria solidariedade entre os pobos, e, no noso caso concreto, entre as nacionalidades. A min, que vamos facerlle...!, esta especie de parábola tampouco me pareceu oportuna.

En primeiro lugar, porque parece como se de paso, e indirectamente, se ocupara do problema catalán, ignorando que este debe enfrontarse directamente, non como “aquel que non quere a cousa”, expresado en estilo coloquial; e, en segundo lugar, non debería facer uso dos recursos sentimentais, un campo ao que os nacionalistas acoden habitualmente, senón ao da estrita racionalidade, do que eles foxen con infantís falacias.

Eu, aínda que non son ninguén para aconsellar a tan importantes personalidades, se mo permiten, diríalle ao Sr. Presidente que, se ten afección ás parábolas, bote a man dunha do século XIX, “A falacia da ventá rota”, que ten unha boa tradución económica, da autoría de Frédéric Bastiat, en 1.850.

A parábola deste famoso economista e político francés é a de un neno que rompe o cristal dun comercio. Ao principio, todos simpatizan co comerciante; pero logo xa empezan a ver o cristal roto como un beneficio social: O comerciante ten que compralo, e o cristaleiro que o vende pode comprar pan, beneficiando ao panadeiro, que compra zapatos, e beneficia ao zapateiro... . Pero as tornas cambian, porque visto o caso dende o comerciante, xorden os “costos escondidos”, xa que o comerciante ten que reducir as súas compras e aforrar para comprar o cristal: perde o panadeiro e tamén o zapateiro...

Conclúe o ilustre economista francés que a sociedade perde o que destrúe inutilmente e así resulta que a destrución non reporta ningún beneficio; pero desta parábola tamén se pode obter un enfrontamento entre a moral e a lei: Uns gabarían ao neno por causar tanto beneficio infrinxindo a lei, e os outros negarían os beneficios, porque a sociedade perde destruíndo inutilmente a cousas e institucións coas que conta.

Pero isto tamén o recolle moi ben o autor no que di neste importante parágrafo: “Cando a lei e a moral se encontran en contradición, poñen ao cidadán na cruel disxuntiva de perder a noción da moral ou de perder o respecto á lei, dúas desgrazas tan grandes unha como a outra, entre as que é difícil elixir”.

Se algúns cidadáns reflexionaran sobre isto, tal vez foran máis remisos nos seus intentos destrutores, e se foran capaces de ter en conta que “ a quimera de hoxe é enriquecer a todas as clases, as unhas a expensas das outras, e a de xeneralizar a espoliación baixo a pretexto de organizala”, como tamén apuntou o economista estranxeiro, evitarían a vergoña de evidenciarse como sospeitosos de delincuencia, arrastrando a todo un pobo a sentirse nas mans de condutores bébedos dos cartos alleos.

O curioso é que, segundo algúns moi versados en todo isto dos recursos oratorios dos políticos, parece que acudir aos sentimentos resulta eficaz e pertinente nunha democracia. E non o dubido polo que respecta a conseguir votos; pero descúlpenme que non crea que sexa nada eficiente para a solución do problema catalán.

Por outra parte, penso que tampouco se debería facer uso en vano do termo “democracia”, entendendo por tal unha espaleira que vale tanto para un roto como para un descosido. Porque o amparo democrático non da para tanto, ten límites e fundamentos constitucionalmente establecidos. E, incluso, condicionantes biolóxicos. Si..., non o dubiden.

A democracia atínxenos a nosoutros, e non estaría de máis lembrar algo sobre o propio coñecemento. Algo elemental: O home ten unha dimensión social, fundamentada na versión que cada un de nosoutros posúe non só cara a os nosos semellantes, senón fundamentalmente á especie, ao phylum. De aquí nacen as dúas tensións que, dunha maneira ou doutra, están sempre presentes na sociedade: a defensa e promoción da nosa individualidade e a necesidade de CONvivir para levala a bo termo; pero este “con” esixe limitacións reguladas.

Incluso cando fundamentamos a democracia naquel slogan que se espallou en Occidente no 1.789, cos termos de Liberdade, Igualdade e Fraternidade, estamos en presenza dunha triloxía á que non hai que deixar tampouco no ámbito do sentimental, porque nalgún momento haberá que preguntarse, se a Liberdade é para todo, a Igualdade é en todo, e se a Fraternidade (a más sentimental) ha de basearse, ou non, en vencellos comúns, que esixen estruturas razoables.

Baseándome nisto, e aínda dándome conta de que a gata coas presas pare os gatos cegos, apresúrome a considerar a democracia, en concordancia coa historia e a bioloxía, como o espazo entre dous estremos: a individualidade e o social. Buscar situacións de equilibrio é o propio dun bo “home de estado”, para evitar que a liberdade sexa para todo (como cren os camorristas da quenda), a igualdade en todo (para dar satisfacción aos que igualan por abaixo, sen preocuparse dos medios para que todos poidan igualarse ata onde cheguen), e que a fraternidade non deixe de impregnar a solidariedade dun sentimento mínimo común, fuxindo das funcións utópicas.

E esta busca de equilibrio debe estar asentada nunha estrutura na que o normativo conte cos instrumentos necesarios, e necesariamente eficaces, sen ambigüidades, para evitar calquera “anomia” socio-política.

Por iso é mester ter moi en conta que ningún sistema democrático debería perder a súa consistencia, e sobre todo cando, aínda que sexa en versión minoritaria, pon en perigo a visión unitaria de Humanidade, opoñéndose, con evidente miopía intelectual, as tendencias xerais que están aletargadas nas sociedades actuais, incluso por debaixo dunha posible conflitividade bélica mundial non descartable, que o mesmo Francisco I parece outear dende o pináculo do Vaticano.

Supoño, pois, que os tempos non están para parábolas, senón para unha análise seria da situación, dando cumprida, e non metafórica, información aos cidadáns, para que reconsideremos o noso comportamento con suficientes elementos de xuízo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES