Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pandemia de fillos orfos

viernes, 19 de septiembre de 2014
Teñen nai e pai, pero son fillos orfos. Pasan sós, illados boa parte do tempo. É algo malvado que nenos e nenas vivan nun ecosistema tecido de soidades. A crise, dicimos. O traballo, a angustia da inseguridade, de non chegar a fin de mes transforma aos pais en simples proveedores obrigados a delegar coidados e educación dos fillos.

Ese tempo que lles quitan son as horas que non pasan con eles. Son os espazos roubados á contrución da familia. Pais que non son pais, nais que non exercen como nais. Que non teñen tempo para aprender a ser máis pais, mellores nais.

Na época dos fillos orfos medran as présas e os sucedáneos. Cambiamos tempo por agasallos, cariño por móbiles, presenza por cartos. Eliximos o camiño equivocado cando tentamos ser colegas, amigos dos fillos. E van aparecendo formas inéditas e impensables de maltrato: o maltrato por sobreprotección, nenos e nenas de xelatina, bobos desmotivados envoltos en algodóns de azucre, de coidados excesivos, cando os fillos medran mellor, aprenden máis sen a presencia abafante dos pais.

Está tamén o maltrato por soidade. A entrada masiva e necesaria dos dous membros da parella no mercado laboral fixo que moitos rapaces pasen horas sós. Son os fillos do mando a distancia, nenos chave loitando contra os demos da soidade, pechados na casa, coa única posibilidade virtual de asomarse ao mundo a través da ventá da televisión e das pantallas. Abonda unha ollada ás diferentes cadeas desta sementeira de malas herbas da televisión dixital, para se decatar de que as miradas infantís sobre o mundo son irreais e distorsionadas. E sucias. A tribo necesaria para educar a un neno perde así os sinais de identidade comunitarios.

Os pais necesitan tempo para exercitarse como pais. Aprenden o oficio de pais ao mesmo tempo que educan aos fillos. Falando, escoitando, lendo e xogando con eles, establecendo normas e límites, bicando e castigando. E comendo xuntos, que a cociña é un lugar cheo de quentura, contacto, palabras e posibilidades de aprendizaxe, mentres que o cuarto do neno é territorio de exilio.

Os tempos, os imprescindibles espazos para a familia que toda sociedade debe preservar e favorecer son tempos e espazos de calidade para estar xuntos, para compartir experiencias, para expresar sentimentos, para educar non só o cerebro, senón tamén para amoblar o corazón, alí onde aniña a empatía, o amor, a piedade. Os enxeñeiros que contruíron as eficientes cámaras de gas de Auschwitz tiñen moi ben amoblado o cerebro, pero frío, cativo e baleiro o corazón.

Se minguamos os espazos da familia. Se roubamos os tempos dos pais. Se esquecemos a familia, haberá que engadir á desolación económica, unha pandemia de fillos orfos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES