Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando Ideas (XXVI)

martes, 16 de septiembre de 2014
Home casado, home anestesiado. Home casado, muller é. E cando o lobo andaba á loba, sazón na que mataba sen dó, e non só para comer, tamén se dicía que, ¡Hai que casalo! Os estudados de entón dicían dos nosos labreguiños que eran incultos… ¡Tan cultos e tan cultivados eran, estaban, na Academia das súas lareiras, que, en moitas cousas pasábanlles diante aos que só tiñan aquel “Don” que asignaba o Bacharelato).

Home casado, home anestesiado. Calmados os seus instintos, os furores, o sosego atopábase precisamente no casoiro…, casando ben! Daquela, coma hoxe, casaba ben o que ben casaba, que por algo se di que dúas pezas dun aparello calquera “casan ben”, se coinciden; non se son iguais, senón se encaixan entre si, se son complementarias. Para iso hai que estudalas previamente, con tempo e sen ofuscamentos, pois estes, ao igual que os mixtos, acenden o lume pero duran pouco; ¡mixtos son, pero complementarios, non! Por suposto que esa anestesia debe levar, precisa, un diagnóstico previo, recíproco, recíproco e sincero, pois grave pecado é achegarse ao altar sen exame de conciencia, propósito de emenda, confesión de boca e satisfacción de obra. ¡Iso, satisfacción de obra, que tamén fai falta!

Home casado, muller é. ¿E logo din que as mulleres se teñen que igualar cos homes? E os homes, coas mulleres, qué? Un home normal, de casado vólvese, debe volverse, reciprocamente, submiso, que non significa escravo, senón acatamento recíproco, cada quen coas súas ideas pero sempre buscando un entendemento, un punto coincidencia. Eses homes que, de casados, seguen bravos, é que non son homes senón lobos, ou peor aínda!

Espallando Ideas (XXVI)Hai que casalo, dicíase polo lobo. ¡Aí o tedes! Pero casalo de verdade, pois os axuntamentos non son casamentos, por máis que se puxese de moda a prostitución deste vocábulo. Axuntamentos só son precisos, adecuados, os da letra maiúscula, e aínda así non todos funcionan ben, ou polo menos todo o ben que sería desexable. Xesús asistiu ás vodas de Caná, aló en Galilea, precisamente por iso, porque eran vodas, que se fosen bordeis seguro que non iría, e menos o de bendicirlles a auga!
Nos tempos actuais non hai exame que tanta preparación necesite coma un bo matrimonio, ¡que volo digo eu, que xa pasei das Vodas de Diamante, e para iso coa mellor experiencia deste mundo! ¿Cómo foi posible? ¡Moi sinxelo: estudámonos ben, para seguidamente ir ao altar sen trapalladas nin envoltorios, coa dignidade enteira, enteira e sincera! ¿Vedes cómo todo é posible, se camiñamos de bona fide?
-.-


Vindo da Banca, como veño, xa me teñen censurado que fale pouco do diñeiro; non é exacto, pois algo diso levo opinado, pero tamén é certo que este é un dos temas máis socorridos pero menos afondado nestes tempos da globalización xeneralizada.

O Mestre díxonos que désemos ao César o que é do César; ¡iso, o que é do César, pero do que é noso non falou, que non era preciso, que se sobreentende! Tirando deste fío hai que considerar lóxico que o diñeiro, ese símbolo, que primeiro foi pecuniario, pecus = res, cabeza de ganado, e despois metálico, para seguir co papel, que tamén parece ir camiño da súa desaparición posto que ata ás criadas lles estamos dando unha tarxeta electrónica para que paguen no súper, está chamado a circular, ¡circulación fiduciaria, das fiducias, das “confianzas”!, pero o malo, o grave, como pasa co sangue das venas, son os seus derrames.
A riqueza tende a ser derramada, a fuxir das súas canles, das normais; poñendo outro exemplo: dun xeito parecido a como a auga se evapora, e se eleva, formando nubes, que acaban desfacéndose, e volve á terra, para así fecundala, as riquezas evaporadas, esas que forman o fume, a nube dos potentados, chega un día en que se cansan dela é…, volve á terra, ao punto de partida, que sempre é, sempre foi e será, o traballo humano, a elaboración humana! O problema está en que non sempre “chove miudiño”, pois a veces baixa tormentosa, apedrando, rompendo, arrefriando: neve, sarabia… vicios en definitiva!

¿Qué dito así, en alegorías, resulta escuro? Mirade, mirade ao voso arredor, máis ou menos como fixen eu nos meus corenta anos de bancario: Escasísimas son as familias ás que lles duran as riquezas alén da terceira xeración; ¡por algo será! ¿Tamén queredes que falemos diso? ¡Fareino, pero non lles vai gustar aos potentados, e acabarán denunciándome á Santa Inquisición, que é precisamente a tendencia daqueles que non queren ser inquiridos! Refírome, por suposto, ás riquezas excesivas, avarentas, mal gañadas. Chega un momento en que se cansan de administrar…, e rompen augas! Isto é conto vello, que xa pasou, xa o vimos, cos señoríos medievais, que se esfumaron, no só polos seus vicios, polos seus abusos, senón, e tamén, por obra e graza dos seus lugartenentes, dos administradores: ¡Castelos e Pazos, propiedades inconmensurables, que pasaron discretamente, ou non tanto, ás mans de mordomos infieis! Sempre chega un momento no que os validos fallan, deixan de valer, aprenden do amo! Tanto se valeron dos criados, tanto abusaron, que se lles volven émulos incontrolados. E non só en España: Nesa América escravista, pouco a pouco, pero acabaron presididos por un descendente daqueles escravos, daqueles! É que a miúdo esquecémonos de que o mundo, a nosa terra, ademais de traslativa é rotativa!

Se non fose polas tráxicas consecuencias que trae para o mundo servizal esa acumulación galopante das riquezas, a súa evaporación, e subseguinte disolución, poderíamos catalogalas como comedia, comedia bufa, ríndonos da estupidez daqueles que primeiro se riron de nós. Así que, deixémolo en traxicomedia: Primeiro, que os avaros non viven a vida, ¡meus pobres, os ladróns sempre temen que os rouben, eles máis que ninguén! Seguidamente, o apoltronamento dos netos, que, ao poñerse barrigudos, deixan de verse o propio embigo, e case todos acaban deixando que nade o seu iate, en lugar de nadar eles. ¡Iso é ao que chamamos, Nadar na abundancia, que non é nadar, senón vexetar! O terceiro dos actos consiste no esfaragullamento dos caudais, que vén o diabro e císcalles os ouros, sen ton nin son, pois, de saturados de praceres, nin pracer obteñen nos seus derrames. Traxedia, non si?
Con isto, para hoxe, estivo ben, pois as traxedias engurran o espírito, e aos pobres cúmprenos madrugar…, para axudarlles aos ricos a ser máis ricos; unha boa obra, pois canto máis de nós reciben, canto máis se envelenan coa nosa suor, máis desgraciados se verán, se non é en vida, na propia, si que o será na dos seus netos, que nolo di a experiencia! A pregunta definitiva, a máis importante de todas: ¿Entrarán no Ceo? ¡Xa o están, pero aquí abaixo, que iso se cren no seu afumamento, nos seus vapores, que os cegan, e así non se decatan de que o deles é transitorio, transitorio e funxible!
-.-

O meigallo das verbas. ¿Quen dixo que xa non hai Botóns? ¿E logo, eses mudos do Parlamento, eses que abren e cerran as portas de todas e cada unha das decisións? A diferenza está en que os de agora téñeno máis fácil, pois chega con darlle ao timbre, e con iso, só con iso, fan cambalear os países, todo un país, o seu mapa enteiro!

Espallando Ideas (XXVI)Xa non van de uniforme… ¿Qué non? ¡Pero se timbran, se lle dan ao botón correspondente atidos a un simple dedo, ao dedo dun simple intermediario, xa uniforman o país! De moverse, se cambian de chaqueta, xa non saen na foto! Aqueles da Banca tamén obedecían, tamén eran recadeiros, tamén eran subalternos… ¿Daquela, onde está a diferenza? ¡Maiormente nos soldos, nos soldos pero tamén nas bicocas e nas ínfulas pois aqueles da Banca obedecían ao último dos Auxiliares, mentres estes aperta-botóns das Cortes só obedecen en presenza do mandamáis, do portavoz!

¡O mesmo nome, botóns uniformes, parecidos, e tan dispares as súas funcións! ¡Para que logo digan…! Os Botóns da Banca cadrábanse coma soldadiños; estes das pulsacións, con tocarlles unha sonata uniforme, xa baila o país, o país enteiro! Chámanlles plenos poderes…, e para iso, irrevogables, de catro anos, prorrogables indefinidamente, lexislatura tras lexislatura, algún por días de vida, séxase, vitalicios, teñan ou non boa saúde, estean ou non nos seus cabais.

Os da Banca abrían e cerraban portas, acatando a quen os elixira, a quen os admitira, clientes incluídos; e aínda que non o usasen, ou pouco, tiñan criterio propio; se falaban, escoitábanos; pola contra, a estes aperta-botóns da bancada parlamentaria nin os deixan opinar; simplemente actúan, apertan mecanicamente o mecanismo que os define, cómo, cándo e da maneira que lles digan. ¡Ata o pode facer por eles un compañeiro, sendo da mesma bancada, da mesma bandeira! Para isto sairíalle máis barato ao país que cada partido, ¡de partidos, nada, que todos están enteiros, dunha peza, dunha opinión, inconmovibles!, encargase un robot que dese tantas pulsacións como puñeteiros teñan, dispoñan, lograsen nas súas listas, coas pechadas, coas herméticas, enfermos e ausentes incluídos.

Na Banca tivemos Botóns tan eficientes que chegaron a dirixir Sucursais, pero iso, comparativamente, non é nada pois nas Cortes houbo, ten habido, pulsadores, simples pulsadores, auténticos monos adestrados, que non distinguían a dereita da esquerda, e chegaron a Presidentes. ¡O meigallo das verbas, que hai qué ver a potencia que teñen certas palabras, segundo cómo, cándo, e para qué, se utilicen!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES