Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Benito Montero, un fiscal de lei

lunes, 15 de septiembre de 2014
Xubílase don Benito Montero Prego, fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra. A Irmandade Xurídica Galega, rama xurídica da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG), vaille organizar unha homenaxe. Os seus abondosos méritos fano merecente da gratitude daqueles xuristas que seguiron o seu exemplo na utilización da lingua galega na actividade xudicial.

A súa contribución á galeguización da administración de xustiza foi transcendental.Cando todo era un ermo, a lingua galega era deostada polos profesionais do Dereito que, sen embargo, non tiñan máis remedio que atender a moitísimos clientes na lingua maioritariamente falada polos galegos. As sentenzas xudiciais escribíanse en castelán utilizando os topónimos deturpados, que era un contrasentido,porque a obriga dun funcionario xudicial é aplicar as leis vixente.

En maio de 1985 publícase por primeira vez unha sentenza en lingua galega dictada pola Sala do Contencioso da Audiencia Territorial da Coruña da que formaba parte o maxistrado Claudio Movilla Álvarez, que foi quen a escribíu a instancias de AFNLG. Esta anécdota actuou de desencadeante doutras accións.

Benito Montero e outros compañeiros convocaron unha xuntanza á que asistirán unha vintena de xuristas entre os que se encontraban Daniel García Ramos, Xosé Xoán Barreiro Prado, Orencio Pérez González, Carlos Varela García, Xoán Horro, Xoaquín Monteagudo , o notario Victorino Gutierrez Aller. Desa xuntanza saeu o cerne do grupo que había de dinamizar a lingua galega nun ámbito difícil e mesmo belixerante. Pero nada é difícil se os medios que se utilizan son os axeitados, como foi o caso.

A “Declaración de Rois” foi una folla de ruta para desenvolver un proxecto coherente e realista. Organizáronse xornadas de debates dirixidas a funcionarios xudiciais coa presenza de figuras relevantes do dereito e da xudicatura; traducíronse os códigos civil e penal; Victorino Gutiérrez Aller elaborou o primeiro “Formulario Notarial”; iniciouse unha colaboración estreita con todos os grupos parlamentarios galegos e estatais coa finalidade de promover iniciativas lexislativas que modificasen o ordenamento xurídico que puña atrancos á cooficialidade lingüística; instouse á Xunta de Galicia a crear os servizos de asesoramento lingüístico nas audiencias provinciais; solicitouse das asesorías xurídicas dos concellos e centrais sindicais que utilizasen a lingua galega para así poder galeguizar a xurisdición laboral; e co mesmo obxectivo asináronse convenios de colaboración cos colexios e asociacións profesionais do dereito e xudicatura; programáronse cursos específicos para o estudo da linguaxe xurídica e administratriva impartidos na Escola Galega de Administración Pública, e publicáronse vocabularios e dicionarios xurídicos para avezar lingüísticamente aos funcionarios xudiciais.

Ao longo de todos estes anos a AFNLG foi tocando todos os paus. Mesmo se celebrou unha xornada de debate de dous días cos xefes dos corpos e forzas de seguridade en Galicia da que saeu a “Declaración de Acibeiro”, no que se buscou un consenso básico para facer oficial o dereitos dos cidadáns, continuación daquel outro encontro histórico celebrado no Hostal dos Reis Católicos ao que asistirán trescentos cincuenta uniformados coa asistencia do director xeral de seguridade do Estado, no que se presentara o libro “En galego,con toda seguridade”. Neste intento de crear un clima favorable ao uso do galego nas comisarias e cuarteis da garda civil publicáronse os “Contos de agardar”, que foron espallados amplamente nesas dependencias policiais, e o libro “Contos da Policía” que tivera un éxito nas librerías sen precedentes.

De todo este proceso estivo formando parte o fiscal Benito Montero Prego, que o día 26 do mes que andamos recibirá o recoñecemento e afecto de moitos compañeiros e avogados. A tarxeta desta convocatoria, que leva como lema uns versos de Curros Enríques,non deixa lugar a dúbidas: “Unha vida enteira/ á patria ben consagrada/ é de por si unha fogueira”.

(xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES