Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (XXV)

martes, 09 de septiembre de 2014
Eheu! Fugaces labúntur anni! Que si, Horacio, que nolo advertiches nunha das túas Odas, pero…, se fugaces son os anos, tamén o é a nosa memoria, que non retemos nin sequera aquilo que máis nos convén!
Decatámonos, e para iso non sempre, de vellos, cando reven as forzas, as forzas e maila memoria, xa incapaces de emendar as omisións, e con elas, os feitos mal feitos. Ás veces advertímosllelo aos netos… ¡Xa, pero a xuventude, con tanto ateo solto, nin case cree en Deus, para canto máis neses avós afónicos! Veñen, nacen, dispostos a comerse o mundo, pero esa présa, ¡esa!, impídelles fixar a vista; viaxan a cen por hora, ¡ou máis!, e con esas présas é imposible apreciar a paisaxe circundante.
Aproveitar o tempo non é correr, senón pararse, contemplar, analizar, discorrer. Só de parados, pero non inmobilizados, seremos capaces de aprender do próximo, dos seus vehículos: Cómo son, de onde veñen e a onde van; qué é o que fan, e por qué o fan; é prudente a súa velocidade; cren en Deus ou en si mesmos? Se vemos, se apreciamos, que se sitúan por riba de Deus, ¡malo, alerta!, porque eses tales son ídolos, crense deuses pero son ídolos; por moitos paspáns que os miren e os admiren, non deixan de ser ídolos, peidos, gases contaminantes, satánicos; son tebras pero relocen nas tebras dos ignorantes, valéndose da súa / da nosa cegueira.
Todos podemos, e puidemos, facer algo máis, sen por iso esgotarnos…, tal que nas oito horas da diversión, do descanso! ¿Téñome por bo? ¡Procura ser mellor, sen por iso deixar de ser humilde! ¿Gozo de boa memoria? ¡Pois non te valas desa calidade para facer aos outros de menos! ¿Meus pais déronme estudos? ¡Pois aprovéitaos, pero en beneficio compartido, como fixo San Martiño coa capa!
¿Qué son poucos anos, en idade media? ¡Dabondo para gañar o Ceo…, salvo que non nos apeteza! ¿Hainos deses? ¡Hainos, e mais non levan albarda!
-.-

España e Portugal, pouca fraternidade, menos, moita menos da desexable, da conveniente para ambas partes ao longo dos últimos séculos. Nisto eu teño a satisfacción persoal de aportar alma, vida e corazón nun pequeno / gran proxecto que, lentamente, con atrancos iniciais, pero, frutificou; se isto fixen na medida das miñas posibilidades, qué non sería coas dos gobernos respectivos se abundasen en quereres idénticos, auténticos?

Espallando ideas (XXV)Non vou facer un libro para sopesar a cantidade, a numerosidade, de ocasións perdidas aló arriba, nas alturas, pero si quero deixar constancia nesta colección de pensamentos íntimos que, a pouco que analicemos, a culpa imperdoable, principal, dos nosos desamores tívoa España, sempre e de sempre. ¡Non sabemos o que perdemos, en multitude de aspectos, tanto económicos como socio-culturais. Herdamos, malgastamos, unha península, que por leis naturais, e mesmo raciais, estaba chamada a ter catro polarizacións equilibradas, rendibles, simultáneas: A Cantábrica, con enfoques a unha Europa estimulante, traballadora, especializada en técnicas avanzadas; unha Lusitania, coa que fixemos partillas en Tordesillas, e coa que debéramos seguir en réxime, polo menos, de cooperativa, con un mercado atlántico de amplos e ricos intereses comúns; un Mare Nostrum, que xa se define polo propio nome; de equilibrio estabilizador un Madrid radial, herdeiro daquel Toledo das tres culturas. Por engado, Lisboa de contrapeso con Barcelona.

Se isto foi desexable para España, para a Galicia sueva ese, tamén secular, divorcio co Portugal igualmente suevo, de raíz sueva, foi un desgarro dobremente familiar. Lugo-Braga, qué irmandade tan preciosa; e menos mal que se logrou a dos dous Castros verdes!
-.-


Espallando ideas (XXV)
¿Mel de Portugal? ¡E logo, ou é que os irmáns non se intercambian obsequios? Esta é unha proba, outra, de que predico co exemplo: Fómolo comprar, uns trinta anos seguidos, ata que o pobre señor Domingues, coa filla de profesora en Coimbra, e a muller velliña, non tivo quen lle axudase no colmear, así que un mal día levantouse un vento inesperado, co cal a queima das malezas do seu colmear estoupou, algarafuzouse, acabando no cárcere, que en Portugal, a diferenza de España, non perdoan os erros involuntarios, para canto máis os outros!
O mel do Adrâo supera ao noso pola súa radiación solar, que carga máis de azucre os froitos, pero daquela non lle tiña medo á diabete. Pasando do particular ao xeral:
Antes do Mercado Común, que algo máis nos relacionou, era xeral en Castela rirse dos portugueses, e en Portugal aborrecer a soberbia castelá. Mesmo no franquismo, con Nicolás de embaixador, etcétera, etcétera, as relacións Franco-Salazar tiveron o seu vinagre, por dentro, que por fóra ben abrazos se deron: Tiveron sete encontros, sete abrazos, pero os máis deles a estilo Xudas, farisaicos a máis non poder. Cando a guerra de España, Portugal permitiulle a Franco conectar os sublevados do Norte cos do Sur, paso de tropas, avións, etcétera, pero despois veu, ou máis ben, seguiu, o namoramento incestuoso Franco-Hitler que moito preocupou a Salazar, afillado, de sempre, dos ingleses, un padroado que lle permitía soster as súas colonias, entre outras avantaxes. Cando don Hermenexildo viu a súa querida preñada de desastres, intimou algo máis naqueles abrazos coa criada, acolléndose ao Pacto Ibérico de 1942, etcétera, que tiveron, que tiñan, a picardía de postearse, de reconciliarse, cos Aliados! ¡Fariseo!
A desproporción en terras de cultivo / poboación levou a Portugal a decruar nas súas colonias, coa particularidade de que eles ían de colonizadores, e os galegos, nas nosas, nas ex, de criados, pero chegou a descolonización mundial, e coa mesma a baixamar, inundándoos de bocas famentas, as deles e mais as dos seus mestizos, tendo que lanzarse, de inmediato, sen repouso, por Europa arriba; neste caso, igual, igualiño cós galegos.
Das miñas continuas, frecuentes, viaxes a Portugal, onde cultivei profundas amizades, o que máis me asombraba, e así o teño comentado, foi que, mentres os españois comprabamos haigas, ¡o mellor que haiga!, eles dotábanse con furgonetas, que lles servían para todo, incluso para levar ás feiras aqueles mobles, primorosamente tallados, que facían a ratos libres, para vendérnolos aos señoritos españois.
¡Deus, o que perdemos por non casar coa veciña, tan xeitosa que era, e boa dote que tiña!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES