Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (XXIV)

martes, 02 de septiembre de 2014
“Decíamos ayer…” ¡Que non, meu Fray Luís de León, que non foi onte, senón hoxe, hoxe mesmo, e para que vexa que non minto, contemple o Espallando ideas (XXIV)encabezamento da nosa Constitución, da actual: A aguia carniceira, coas ás abertas, disponse a voar como de costume, atrapando incautos, comendo sen escrúpulos de todo ser que se deixe comer; as frechas mortíferas dos romanos, que non as de Cupido; e por parte, o xugo, que mellor símbolo, máis axeitado, imposible! Daquela, esta Constitución é franquista, ditatorial? ¡Tal cal, só que en letra gótica, que por algo nos chaman “godos” en Canarias!
¿Cómo se explica? ¡Por si mesma: Cambiárono todo para que, por dentro, nada cambiase, que así seguían cabalgando os mesmos cabaleiros, aínda que disfrazados: Uns, co “p” de populares, e os outros co “o” de obreiros; país de hipócritas, país de listos!
Mais agora temos un Rei… Si, un Rei, que en nada, ou en pouco, se parece a aquel Salmerón defenestrado, ao que chamaban “O Rei da República” aqueles paisaniños do meu Lugo, tan intelixentes eles! Aquel non toleraba, non tolerou, iniquidades, e menos o de matar persoas. ¿Qué agora non se mata…? ¡Si que se mata, de fame…, como consecuencia de non pararlles os pés aos tiranos, aos especuladores, a estes toureiros, a estes semideuses da pel do touro!
Hai unha Lei de partidos… ¡Xa, xa; de partidos, non, de enteiros, máis enteiros có cabalo da parada, tanto, que non só fornican senón que violan, violan tódalas leis naturais, e para iso ao socairo, coa cobertura do BOE!
Acátase a Lei D´Hont… ¡Unha boa capa para que os Xefes sigan de tiranos, iso é verdade, que así, de ben abrigados, de ben protexidos, os de arriba non pasan frío! ¿Pero esa capa non é de armiño…? ¡É de votos, de votos sen “X”, sen discusión, que son os que máis abrigan, irrevogablemente! ¿Pero, aquel Hont non era español? ¡Xa, pero aquí sempre nos gustou copiar, aínda que a roupa foránea non se asente no noso corpo, na nosa feitura! Entón non era certo aquilo de que, “Volverá a reir la primavera, que por cielo, tierra y mar se espera? ¡Volverá, volverá, algún día…, mais para iso temos que abrirlle a ventá grande, a das Listas Abertas! ¡Pois iso é doado…! ¡Xa; é doado pero non é querido…, precisamente por eses das queridas, das queridas e dos queridos, que tamén os hai, tamén os temos, que beben whisky e mexan auga bendita, fariseos eles! Daquela a ver se esperta a xeración seguinte…, que iso din, iso esperan, os optimistas!

Eu, desde esta teclas, fago unha suxestión: Darlles o voto aos nenos da Primeira Comuñón, pero…, sempre que o seu confesor acredite que lle fixeron propósito da emenda!

-.-

Vías mortas son aquelas que conducen a ningures, e hai tantas desas, e non só nos ferrocarrís! Unha delas é esta da Coruña, que ocasiona unha ponte inútil, inutilizada. ¿E as demais? Témolas na propia vida: Camiños, decisións, que remataron, ou que acaban, en nada; en nada, ou en pouco. Nos dicionarios chámanlles frustracións, e sonas!
Espallando ideas (XXIV)
Hainas de propia decisión, pero tamén abundan as inferidas, as ocasionadas polos malos consellos. Por iso sempre aborrecín os consellos oficiosos. Aconsellar require dúas ou tres circunstancias que non sempre se dan: Non ser parte, non ser beneficiario, directa ou indirectamente, da meta proposta ou suxerida; estar formado; e ser formal. ¡Tres, sine qua non!
¡Cantas vías mortas naceron de consellos imperfectos, uns por ignorancia e outros de mala fe! Por iso, para aconsellar, primeiro persignarse, poñerse en estado de graza; e despois documentarse, estar seguro de coñecer tódolos datos do problema, que non sempre é doado!
Cando nos din, sexa persoalmente ou polos mass media, que isto, aquilo, o de máis alá, pasou de tal maneira, un bo matemático non acepta a solución se non abarca, se non lle dan, previamente, tódolos datos do problema. A propósito: poucas cousas odio máis que eses relatos de certos crimes onde se nos dá unha apreciación persoal ou superficial dos feitos. Os feitos adoitan ser físicos, e por tanto palpables, pero, as causas, as motivacións? Por poñer un exemplo cotián: a parella infiel, pero, ¿cómo era, cómo fixo, como actuou, o outro/a outra? ¡As máis das veces, nin sequera a policía, e por tanto os xuíces, chegan a sabelo, a deducilo; menos mal que, detrás no noso xuízo, virá o de Deus!
Nas agras dábase moito isto: Camiños que remataban nunha cancela privada, só accesible para os agrarios. Eu téñome metido por algún deles, e, ao non ver saída, saltar a cancela para cruzar a campo través, máis na vida cotián, na ordinaria, non sempre se pode, nin convén, saltar valos. ¿Volver atrás? ¡Xa, pero custa tanto desandar os camiños, pedir perdón polos erros! En evitación disto, pensemos antes de falar, antes de actuar, que é moi sa pensar, matinar, pedir datos, consultar, sexan libros ou confesores. ¿Qué nos dá vergoña pasar por ignorantes? ¡Peor será retornar co rabo entre as pernas, como fan os golpes cando atopan o poleiro pechado!

-.-

¿Qué, acabouse a festa; volvemos ao traxe de pana, aos fachuzos de palla e ao caldo de grelos? Levo vinte anos predicando que hai que engadir valores, pero non se me fixo caso, nin os máis próximos, así que, agora, como haxa que volver ao caldo van ter que sementa-los nabos nas penas da Ferradura pois as agras téñenas a eucaliptos; será polo ben que cheiran!
Falando de cheirar: Isto de agora cheiráballe a calquera, aínda que só entendese de Economía familiar. Non hai neto que non tivese uns avós que lle insistisen nestes ou en parecidos consellos:
-Que non se pode estirar o pé alén do que colla a manta.
-Que para comprar hai que vender.
-Que iso de aforrar vémolo a cotío no formigueiro da carballeira de cada quen.
-Que o traxe dos domingos non vale para o luns.
-Que nas terras de folgado é o home o que máis folga, pois elas, onde non dan trigo, silvas dan.

E máis, máis, moitos máis, que por falta de consellos non foi, pero…, o dito, que nos afixemos a eses bafos do eucalipto! Tamén daquela da guerra, a falta de tabaco, os meus paisanos fumaban follas dos tróqueles, dixitalina pura…, boísima para irse ao Ceo, incluso na retagarda!
Agora, de presente, nesta crise socio-económica, moito lla agradezo a Deus pola falta que nos facía, e por iso lle pido que nos sirva de purga, para que vomitemos dunha vez por todas tantas e tantas inxestas velenosas como levamos engulido; a maiores, cando me esperto, coas fotos dos meus fillos na súa primeira comuñón, que as teño/que as temos na parede frontal, o meu rezo é:
-Grazas, Señor, por esta prole tan xeitosa, pero, apelando á túa bondade, tamén teño que pedirche: Que conserven a pureza daquela día, e llela saiban transmitir e conservar aos deles; que aproveiten a escola da vida para vivila laboriosa e dignamente; por último, que aprendan a esixirlles aos seus delegados, e que nunca, nunca, teñan a covardía de dicir que chove cando mexen neles os do segundo piso!

-.-

Se o Gran Mestre, o Mestre dos Mestres, en vez de andar por Galilea andase por Galicia, e o fixese neste século, eu, servidor, aínda que casado, ¡pero supoño que esa circunstancia non sería óbice nin atranco posto que Pedro, aquel Petrus, tamén o estaba!, metería o auto no garaxe, e aló que me iría, tras del, cos audiófonos postos, para non perder palabra!
De metido no seu auditorio, cando lle oíse dicir aquilo de que, “Coñecerédelos polas súas obras…”, eu, que son un mal falado, murmuraría, “E pola merda que levan ao contedor, tamén”. ¡É doado de comprobar pois chega con acompañar, nun amencer calquera, a eses municipais da limpeza, haxa ou non haxa crise, houbese ou non houbese festa!
Xa sei, xa, que se forma moita cos envases, pero tamén a temos de sobrantes, con frigorífico ou sen el. Tras da artesa, que tanto servía para facer o pan como para conservalo, e co pan, os queixos e mailo touciño, viñeron os frigoríficos, pero…, nin con esas! A primeira das neveiras que tivemos a miña dona e mais eu, ¡que non preciso pecha-los ollos para lembrala!, foi aló en Sidi Ifni, na nosa casa vivenda de Director do Banco. Era tan grande coma unha cámara destas das carnicerías, ¡pouco menos!, e funcionaba a base de petróleo. Con unha particularidade, que á nosa Fatima non lle importaba abrila, abrila e limpala, porque aló dentro nunca jalufo tivemos. ¿E logo, para qué? Simplemente para tres ou catro cousas: para que non se pasasen aqueles ovos que nos viñan do campo, despois de Deus sabe cantos días; aquel queixo de Burgos, que nolo vendían no Economato do Grupo de Tiradores, traído nos Bristol do Exército; o leite “Nestlé”, despois de abertos os botes; aquelas latazas grandísimas de sardiñas, que nos duraban un mes; e por último, as talladas de carne de camelo, comprada no Zoco, máis duras que as solas dunhas botas monfortinas!
O único desperdicio apreciable, naquela década dos Cincuenta, eran as botellas de auga de Firgas, e mailas do viño, que tiñamos experimentado, ben experimentado, que o viño a granel só valía para os lexionarios, ¡meus pobres!, que lle baleiraron ao xudeu Moise D´Attar aquel cargamento de bocois, peñorado nos almacéns do Banco, e vendido, de feito flores, aos sucesivos, sucesivos e simultáneos, capitáns de cociña.
Se les o periódico, ou abres a radio, lle dás á tecla da tele, ou baixas á rúa, ten por seguro que o tema principal, predominante, aterrador, é este da crise. ¿Pero, é que non hai nada que lles leve a contraria? ¡Si que o temos, na beiravía de tódalas casas: os contedores do lixo!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES