Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Desde o Top-Quark ós políticos

viernes, 29 de agosto de 2014
Son tantos os títulos que nos medios se poñen para acabar escribindo dos políticos, que, os que non andamos moi abundantes de imaxinación, ocórrensenos verdadeiras extravagancias. Mais..., caramba!, se tamén estas están na vida de todos nosoutros, por que non facer uso delas.

Existe materia e enerxía, dinnos os físicos; pero moitos outros, entre eles os informáticos, non acoutan se non sumamos a información, que ven almacenada en todos os seres ao largo do proceso da xénese do universo (ou multiverso, segundo algunhas hipóteses que esperan confirmación científica), ata os nosos días.

O caso é que, dende o Big Bang, esa Gran Explosión que deu a sinal de saída deste proceso, fomos evolucionando (si, nosoutros tamén: polo menos na creación das condicións para entrar na fase xerminal), ata chegar a constituír comunidades de viventes, partindo de certas partículas elementais, moitas das cales parece que nin as vemos nin as vamos a ver; pero están aí, porque deixaron trilado o camiño polo que pasaron.

Entre elas, hai unha que é moi inquieta, moi voluble, moi inestable, xa que, din os que saben destas cousas, ten unha masa inmensa de materia, e xaora, na dixire ben. Estou a referirme ó TOP-QUARK, que, segundo parece, sempre anda polo medio, facéndose notar sen deixarse ver.

Sabido é que a evolución non parou ata que chegou a traernos á existencia ós homes e ás mulleres, e aínda non se sabe se está conforme con esta labor e da por terminado o seu empeño de crear novas entidades.

Pero esa memoria cósmica, nos dous sentidos, tanto por pertencer ao cosmos, como á que nosoutros temos deste, levounos a sentirnos arrepiados polo misterioso de todo isto, e a experimentar un certo respecto e dependencia dun inespecífico poder dimanante da mesma realidade cósmica.

E hoxe estúdase esta intuición da vinculación de dependencia como unha dimensión teologal da persoa humana. Por iso, a incerteza en que estamos sumidos, ante a insuficiencia dos distintos saberes para explicalo (o misterio) con un grado de certeza aceptada entre todas as persoas, lévanos a situarnos nun abano determinado polo escepticismo e a crenza nunha Intelixencia que presida o proceso cósmico.

O teólogo da Liberación, Leonardo Boff, escribiu, ao respecto, que todo isto “está sepultado nalgún curruncho da nosa psique e no código xenético de cada célula do noso corpo”, que, seguindo misteriosas instrucións, colabora en manternos en tal situación.

Sería, pois, de desexar que a evolución arranxara algunha solución apropiada para levarnos de novo a un estado de equilibrio, a unha nova hemoestases.

Esta nosa existencia no estado actual dificilmente se pode xustificar como froito do azar; máis ben se ofrece como moito máis razoable e, incluso, racional, pensar que debe ter algún fundamento, xa dende o primeiro top-quark, que ven a ser, segundo hipóteses científicas, á modo dun ladrillo orixinario do edificio cósmico.

Se somos sinceros, sentímonos como aquela parte da Terra, que, tamén en palabras de Boff, “anda e danza, que treme de emoción e pensa, que quere e ama, que se extasía e venera o Misterio”: O que estaba xa virtualmente no Universo, está agora nas nosas vidas, que se cadra non as conducimos moi ben, porque descoñecemos os vieiros do universo, e só podemos contemplar os escombros que vai deixando o proceso evolutivo en nosoutros, que aínda estamos sen acicalar.

Claro, para que a evolución acabe sendo progresiva ten necesariamente que desfacer algo (ten que crear un certo caos e desorde); pero isto imponnos a condición de soportalo, porque os equilibrios son dinámicos e non se rompen con brusquidade: Así estamos enredados nunha situación tanto máis trepidante canta máis enerxía teñamos, de aquí, ao mellor, as inquietudes xuvenís e os acougos da vellez.

Menos mal que nos acompaña a imaxinación, un paliativo que amortece as resonancias do normativo cósmico na sociedade, imaxinando unha nova vida, unha nova casa, un satisfactorio traballo, e nos permite outear o indefinible, grazas á poesía e á música, ao estético en xeral, que nos axuda, tamén, a configurar os comportamentos éticos.

Pero..., ollo á boia!, que Boff recórdanos que “a imaxinación produce a crise existencial e o caos no orde cotián...(e) pertence á sabedoría de cadaquén articular o cotián co imaxinario, o prosaico co poético e refacer o desorde e o orde”. E ten razón, porque o que atende só o imaxinario está nas nubes e o que se deixa absorber polo caos do cotián, pode acadar un posto no manicomio.

Terán algo que aprender disto os homes e mulleres que dedican espazos da súa vida cotián á política?. Todos temos moito que aprender e non pouco que reflexionar (un hábito en extinción), do positivo e do negativo; pero aqueles políticos que se presentan sabendo de todo e prometendo reconducir o caos á orde, non deberían esquecer que o cotián cocíñase moi ben cunha dose apropiada de imaxinación. Pero algúns compórtanse como o TOP-QUARK: Teñen tanta materia (e tan pouco espírito!) que, a miúdo, adoitan caer na inestabilidade, e son escravos da volubilidade, cando non das artimañas que conducen ás non pouco soadas situacións de corrupción.

Elles esta unha reflexión de urxencia estival, que moi ben poden pasar de largo e seguir gozando do sopor habitual á hora de acometer o esencial, e dos estereotipos lingüísticos cando abandonen o letargo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES