Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Castelao, hoxe

miércoles, 27 de agosto de 2014
Hai autores que constitúen unha referencia moral que os fai atemporais na historia dun pobo. O problema vén cando esa atemporalidade está presa das teas de Penélope que tan ben retratou Xosé María Díaz Castro. Xeralmente, os autores atemporais cadran con aqueles que teñen o nome escrito con letras de ouro na historia do seu pobo, como é o caso de Castelao.

Unha vez máis hai que dicir que Castelao foi o máis grande defensor da diversidade cultural e humana que tivo Galicia e fixo esta defensa dende a arte tanto gráfica como literaria, sendo recoñecido como artista e xenio incluso dende os polos opostos ao seu pensamento, si, dende eses polos que o levaron ao exilio arxentino do que xa non retornaría. Polo tanto, Castelao é unha figura indiscutible que permanecerá sempre ligado á diversidade humana e á defensa constante do desenvolvemento de todos os xeitos de vida así como da liberdade e da democracia.

Ás veces arrepía ver reflectidos nos debuxos de Castelao os mundos de hoxe e cavilar en que a cousa non cambiou moito ou, polo menos, non cambiou o suficiente como para dicir que somos un país maduro. Aquela vergoña que retrataba Castelao no cartel pro-estatuto do 36 segue vixente. As nosas vacas aínda non teñen no mesmo sitio o presebe que os tetos pero, alén desto (que é cousa sabida) Castelao foi un profundo defensor dos máis febles, alimentando a súa ansia de emancipación e, cando non era posible, reflectindo a súa anguria nun clamor pola igualdade e polo dereito a existir vindo na diferenza.

É doado empatizar con Daniel cando debuxa unha nai e un fillo que preguntan “e pra que serven os diputados?” E a nai responde “eu non o sei, meu fillo”. Con debuxos e pequenos comentarios, Castelao deixounos constancia dunha sociedade, en certo modo, estamental e clasista na que as situacións límite sinxelamente non tiñan futuro e é por ese futuro polo que Castelao ergue a súa voz.

Aquí é onde se ergue o nexo entre o noso tempo e o de Castelao, ben reflectido nun debuxo onde un home lle di a outro “hay que defender a España” e o outro contéstalle “mellor sería que España nos defendese a nós”.

Novamente, parece que Castelao teima en descubrirnos a diversidade que nos negan ao tempo que nos describe artimañas de caciquiño que ás veces se reflicten en feitos da realidade. Nun debuxo, un político abre un arca e di: “cuando el arca esté llena seremos ricos”, e un labrego contesta “e quén vai te-la chave?”

Velaí a gran incógnita da España de hoxe, se temos a chave da casa en mans seguras ou se desa chave se están facendo múltiples copias para espoliadores.

Eu quedo co retrato diverso e poliédrico que fai Castelao dunha sociedade afeita a sucar tempestades a través da historia encadeada en continuas voltas atrás.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES