Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No centenario de Díaz Castro eu fun...

miércoles, 20 de agosto de 2014
NO CENTENARIO DE DÍAZ CASTRO EU FUN Á SÚA PASTORIZA

“O tempo vai de Parga á Pastoriza”, pero neste ano el non foi quen de “desorballar os prados como sono”, coma no poema Penélope, porque nos días anteriores “choveu auga a Deus dar”. A xeito de crónica de romeiro quero deixar para a memoria esta miña andanza en solitario.

O 03-08-2014 eu peregrinei desde Mandiá-Ferrol á Pastoriza de Díaz Castro, no santuario do Sant’Alberte en San Breixo de Parga o primeiro domingo de agosto como manda a inmemorial tradición.

Cheguei cando a misa xa ía rematar e comezaba a procesión, presidida por Don Antonio Rodríguez Basanta, Vicario da diocese de Mondoñedo Ferrol. Había como cen persoas. Nada comparábel con aquilo que eu vivín de neno nin cos tempos de Díaz Castro cando se enchía de romeiros toda a redonda. Mollei a cara na auga da Fonte do Santo, puxen a man no cruceiro e xa rubín para a igrexa pola porta pequena. Puxen o Santo e a Santa e recollín unhas estampiñas-postais.

No centenario de Díaz Castro eu fun...Tiven a sorte de dar cunha dona, coñecida por nós como Susana de Xan, que atende a capela, quen cunha atención exquisita facilitoume tres imaxes da Pastoriza, secuenciadas no tempo.

A máis antiga, estou por dicir, que é a que viu Diaz Castro e tamén eu sendo rapaz. Canto lle agradezo a súa colaboración. Sen esta moza xeitosa de seguriño que estes detalles, por falta de ocasión, xe se ían perder para a historia. Tamén recuperei graficamente a imaxe do “Sant’Alberte Pequeno”, máis antiga da que actualmente procesiona pola festa en todo o mes de maio. Mágoa que hai coma quince anos esta capela foi espoliada por roubo doutras imaxes antigas que alí había. Hoxe fican gardadas, con acordo dos veciños de San Breixo e do Concello, en lugares seguros e só deles coñecidos. É moi de loar esta iniciativa popular.

Entrei desde Baamonde pola parroquia lindeira de San Xiao de Roca, onde deixei o coche na entrada da estrada antiga, xa que cruzar a N-VI, a vía do tren, co paso a nivel, e logo pasar pola estreita ponte románico-oxival do s. XIII, con tránsito indo e vindo, implica certos riscos abondo perigosos con historias lutuosas ben coñecidas polos que destes lares somos. Así tamén se goza mellor da paisaxe, por máis que hoxe nesa entrada xa non se divisan nin a Pena Chá, nin o Coutobateiro, nin o Rego de Sant’Alberte e xa non digamos o Rego da Viña nos arredores do Santuario. Nin hogano, mirando desde o adro cara ao norde se poden ollar ao fronte os montes de Roca, constituídos polas bacías dos tres regos: O Rego de Fontrexe e o monte do Lombo e Suscoutados, O Rego da Fraga e monte da Valga, O Rego da Perdiz co monte da Alvariza. Quen si segue vindo de Parga á Pastoriza, como antano e desde sempre, é o fermosísimo río Parga de camiñar paseniño que vai acubillarse xunto co Ladra ao noso pai Miño por terras de Begonte e Rábade.

Por aquí pasaba o Camiño Real que viña desde Madrid ou mesmo desde Santander, e as antigas carrilanas de cabalos con relevos no Mesón da Cabra en Trasparga, onde en tempos estivo o Concello, no que traballou o pai de Díaz Castro.

Como se vivía nas contornas do San Alberte. Nas miñas acordanzas de neno, (anos 1944-1955), aquí vivían Manuel López Lapido, coñecido por Manuel de Xan e a súa dona Flora. Tiñan unha nena recollida da Inclusa, chamada Magdalena que logo foi para Madrid, a quen eu visitei coa súa familia unha vez polos anos sesenta. A outra vivenda era a de Sagérico, casado con Josefa, que rexentaba o muíño e xa daquela tiñan unha pequena planta de luz eléctrica particular. Iso era un avance impresionante que lle permitía ter un aparello de radio e saber do mundo moito máis do que cantos por alí viviamos que tardamos moito en ter electricidade, debido a uns conflictos que tiñan entre si FENOSA e BARRAS ELECTRICAS, SA.

Este matrimonio tiñan dous fillos: Pepe, o máis novo, e Estrellita, que casou para o Canto do Muro. Desde Roca, na entrada da ponte e a carón da vía do tren, estaba “A Casilla” dos peóns da vía do Ferrocarril, atendida polo Sr. Baio e a súa dona Flor. Tiñan dous fillos: Pepe e Angelito. Hoxe dela non fican nin restos. Desapareceu cando a reforma da Nacional VI por finais dos anos sesenta. O artista de Baamonde, Víctor Corral, elixiu este lugar para a súa escultura en homenaxe Á Augadora, que moitos chaman: “Monumento á leiteira” ou “A MULLER DE PEDRA”.

Nestas paraxes celebrou Irimia a V Romaxe de Crentes Galegos, o 12/IX/1982, co lema: "A fala é camiño", creada e promovida principalmente polo eximio escritor chairego Xosé Caho Rego.

Nunha próxima entrega falarei dun romeiro egrexio: Xosé María Díaz Castro.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES