Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Máis caixas negras

viernes, 08 de agosto de 2014
“Caixa negra” é a metáfora dun aparato que, sen ser obrigadamente caixa nin negra, recolle testemuños de sucedidos ocultos. A metáfora coido que podería estenderse a calquera cousa que faga o mesmo; por exemplo, a algúns inexplicables depósitos en ”paraísos fiscais” e a algúns silenzos. Non é difícil recoñecer outros moitos tipos de “caixas negras”, técnicas, prácticas, administrativas, empresariais ou, moi especialmente, políticas, que impliquen dalgún xeito testemuños pretéritos e comprometedores; “corpus delicti”, diríamos.

No 2/8/13 chamábamos xa dende eiquí a atención da xente sobre as variadas “caixas negras” que, ademais das propiamente ditas, estaban xa nutrindo dabondo á información causal de Angrois.

Entón, despois das primeiras impresións, empezaban xa a verse inexplicables conivencias institucionais -case todas elas consistentes na atribución exclusiva, imposible, do accidente a un só maquinista confeso e “maniatado”-. Tratamos entón de prevenir á xente de que, trás tales conivencias, as veces persistían incompetencias e actitudes, “corpus delicti”en suma, inadvertidas pero moi perigosas das que era urxente protexerse. Máis alá da evidencia, baseándonos sempre no que puidéramos chamar a “flagrancia” ambente, reivindicábamos sobre todo a verdade -máis que a xustiza-.

Pero, pese ó esforzado senso común con que se iniciou a instrución do caso, as cousas pareceron empeorar derradeiramente. Despois dun ano, crecéronnos novas “caixas negras” ; por exemplo:

-O feito de que tódalas expectativas de partida reviraran de novo ata ENCAIXAR perfectamente na moi espontánea primeira atribución gubernamental a un maquinista, soamente.

-As preventivas emendas tecnolóxicas e político-administrativas acometidas en España a toda présa despois do accidente, que eran a proba do nove de que a situación anterior non só era incorrecta senón previsible-.

-A xeral ausencia de imputacións políticas, parapetadas coma sempre tralas engorrosas revirivoltas da estratexia e a retórica.

-O conciliador artigo sobre Angrois, “Galicia, xunta no fundamental” (Galicia Dixital, Opinións, 24/7/2014), no que aínda é posible ouvir coma se retorce máis alá do senso común a automática ferramenta das solidaridades institucionais. Porque non é certo, clamorosamente, que Galicia estea agora “XUNTA” no fundamental; a non ser que o fundamental sexa a incertidume. Por outra parte, resulta ridículo dicir que nesta ocasión a solidaridade de Galicia ASOMBROU Ó MUNDO, ou outorgar MEDALLAS DE OURO a unha serie de vítimas “indefensas”*, ou dourarlle a píldora ó ORGULLO DE SER GALEGO (esa especie de autocomplacencia de mala leite que, se Dios nono remedia, é pra algúns a cousa máis importante do MUNDO –coma se sabe-.).

Pero, por favor, ¿POR QUÉN SE NOS TOMA ? , ¿QUÉ SE NOS VENDE? Hai eiquí unha especie de desprezo das nosas entendedeiras, de Galicia mesma. Porque, non lle dean voltas, nestas ocasións resulta que a nosa Patria é o Home –que o Home pode ser a Patria da nosa nación, de Galicia, e de tódalas demais nacións posibles-. E isto é o que fai un ano demostraron practicamente por riba de todo localismo os de Angrois - ironicamente, a causa dun tren de alta velocidade-.

Probablemente é por isto, por ofrecernos ese cachiño dista inegable realidade, é polo que, conscientemente ou non, estámoslle tan agradecidos.

O problema da verdade é pois moito máis grande do que se pensa. É obvio que este tipo de solidaridade víñalle xa de moi atrás ós de Angrois, de moito máis alá que calquera ideoloxía, de ámbitos moito máis capaces que a compaixón. Coma vaise vendo xa en casos como o das reaccións mundiais fronte ó alarmante Oriente Medio, tódolos nenos asustados do Mundo son xa os nosos nenos e tódalas nais dos mortos que nos matan son as nais secas que xa nunca teremos.Non vai ser posible pasar todo isto por alto.

Entre tanto, e agora que xa case todos somos de Angrois, conviría ir facendo algo máis que seguir así. Hai outras moitas “caixas negras” que buscar, moitos silenzos que ouvir, moito caudillo salvavidas e doutor en pobres que examinarr, moito heroe periquetas que pentear, moito infiltrado que destetar, moito mandón que mandar. Pero sobre todo moita miserenta ruína en nós que apuntalar.

Limitareime nembargante hoxe aquí a reiterar soamente o aviso de que calquera “caixa negra” mal lida puidera ser no futuro un crime de certo, e que, inda que as leis non coincidan exactamente coa xustiza e que nin unhas nin outras dean sempre cumprida conta da verdade, a verdade contén todo: a seguridade e a clemencia.

----------------------------------------------------
*Ó rematar este traballo leo na prensa de fin de mes que os de Angrois non están tan indefensos como parecía; que os que inda puideron, rexeitaron cortesmente a nosa codiciada Medalla de Ouro. Coma xa esperábamos o ano pasado, as súas dramáticas lembranzas non os deixaron á mercede de ningunha celebración.
Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES