Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (XXII)

martes, 19 de agosto de 2014
Plaudite cives! O retorno das modas é inevitable, e para iso sempre o foi, ao longo de toda a Historia. Esta era a esixencia dos actores ao rematar a súa comedia, a súa interpretación; pois ben, vinte e tantos séculos despois, os nosos políticos, ¡outros comediantes!, esixen o mesmo: ¡Que os loemos, que os aplaudamos! ¿Directamente, abertamente, con esa frescura? Direino: Tan directamente non, porque para iso teñen a súa manipulación, os seus lacaios, en particular os mass media, por eles, en xeral, ou case, controlados, manipulados! ¿Quen dixo que non repiten as enfermidades mal curadas? ¡A ese tal néguenlle o Nóbel de Medicina!
Espallando ideas (XXII)Pois hai modas, comedias, que non merecen o meu aplauso; esta é unha delas! Así que vai sendo hora de pitarlles aos malos actores, que non só fan comedia senón que nin a saben facer, e non obstante, encima de pagar a entrada, de abonar relixiosamente a nosa contribución, de aguantalos catro anos, aplaudimos. Ante as humillacións, ante a mala administración da obra asumida, representada, rebelémonos: Indocti discant et ament meminisse périti! ¡Que aprendan os ignorantes e que gusten de recordar os doutos …, se é que os hai!
No ínterim…, abramos os ollos, que xa está ben de mexar por nós, e nós dicindo que chove!
-.-
A cruz máis lixeira de todas… sabendo, querendo, levala!
Desde a máis remota infancia, tódolos nenos soubemos que os estados de agregación da materia son tres: sólido, líquido e gasoso; tempo adiante descubrimos que os estados do home, e por ende da muller, son tres, poden ser tres: solteiros, casados e/o viuvos. ¡Pois non, que tamén poden ser catro, así que paso a demostralo!
Destinado á sucursal de Sidi Ifni, cando ningún compañeiro quixo aceptar aquela vacante debido a unha epidemia de peste bubónica xeneralizada naquel Territorio, ¿de soberanía?, eu, valente ou temerario, ¡de Montecubeiro!, aceptei a praza, se ben coa conditio sine qua non de que tería que ir solteiro, por razóns obvias. Daquela non había vacacións “coloniais”, ¡qué contrasentido, “coloniais” chamándolle “Territorio de Soberanía”!, así que non poderíamos casar ata dentro de dous anos… ¿E para iso emigrei, para iso me arrisquei? A solución, despois de certo incidente co Cura da parroquia, e descuberta a nosa picardía de casar en segredo, era…, ¡por poderes, coma quen manda comprar unha leira!
Pensado e feito: Un 13 de Xuño, martes por máis datos, do ano 1953…, presentouse meu pai na capela de Rois, co mandato na man! Eu non din o “Si, quero”, persoal, pero dicíao o papel, que vén a ser o mesmo. Tamén teño referido que, despois de convidar aos compañeiros do Banco, funme para o hotel Suerte Loca, e…, durmín a sesta! ¡De aburrido, durmín, dun tirón, coa conciencia tranquila, ata as dúas da mañá, de tal sorte que, cando espertei, e baixei ao comedor, adeus cea! Naquela situación, ata que a miña…, ¿a miña, qué?, pois aquel matrimonio era rato pero non consumato!, eu, servidor, ¿qué era, cal era o meu estado? Solteiro, xa non; casado, ¿un casado sen muller?; viúvo, tampouco. Neste caso concreto os estados, e non por iso menos naturais, xa non son tres senón catro, catro!
Pero todo isto é anecdótico; o realmente importante é que a estabilidade dun matrimonio, a base, os cimentos, están en casar con ganas, e seguir así, por días de vida, que non hai cousa máis preciosa, nin máis preciosa nin máis bendita, máis agradable, que levar con amor, con amor perfecto, perdurable, o xugo matrimonial. Dígoo para que os rapaces aprendan na miña cabeza, pois levando a lección ben sabida non hai suspensos, non hai divorcios, nin falta que fan!
¡Hai que predicar co exemplo, que é un mandato bíblico!
-.-

Espallando ideas (XXII)
Los ángeles a porfía
grandes azotes le dan
(a San Jerónimo)
porque a Cicerón leía.
-¡Ira de Dios, qué sería
si leyera a Montalbán!

Francisco Gómez de Quevedo Villegas y Santibáñez Cevallos


Ler entre liñas sempre foi difícil, menos, se acaso, para Quevedo, que tiña ollo crítico, pero isto de agora, isto dos audiovisuais? Tanto na vista coma no oído atopámonos con unha percepción activa (escoitar, mirar) e con unha pasiva (oír, ver), así que temos que comezar por esta análise, pero o caso é que, na vida cotián, ambas actitudes mestúransenos!
Se, por poñer un exemplo, estou abeirado, pouco me importa que chova, así que verei as inundacións aínda que non me moleste en mirar. Daquela, se miro, se miro con atención, igual me poño a tremer polas consecuencias que traia, ou poda traer. Mais, quén pode escoitar a radio ou acender a tele sen prestarlle un mínimo de atención? ¡Pois con ese mínimo xa estou sendo manipulado; para ben ou para mal, pero, manipulado! Coa lectura é distinto porque dispoño do meu tempo para ler, para reler, para ir ao dicionario se o preciso, para cavilar…, e incluso para aparcar o tema, reiniciándoo ou non, segundo poda ou me apeteza!
Nos audiovisuais atopámonos, sempre ou case sempre, medio a medio da tormenta, do torrencial: imaxes e verbas a todo gas, así que, ou non entendemos nada ou se nos almacenan no cerebro, a granel, sen espallar! Caso de que collésemos a onda, e a seguísemos, con esa velocidade quén é capaz de analizar, de discernir entre a realidade e o que nos din? ¡Non hai tempo, nin tempo nin ocasión!
Para máis inri, nas tertulias acabálganse, entrecórtanse, superpóñense, de tal xeito que a ver quén é o guapo que os entende, así que rematamos optando por aquel que consigue espazo independente, teña ou non razón. Sobre o mesmo tema, cen opinións! ¿E a nosa, qué, pois, aínda ben non remataron xa están con outro asunto, veña ou non ao caso?
Na escrita, con algo de caletre, e tamén con algún antecedente informativo, podemos achegarnos á verdade, pero nos audiovisuais máis ben caemos no cómodo, nese deixarnos levar polas parvadas dos demagogos…, porque son, ou adoitan ser, os que máis nos afagan, os que máis se acomodan ao noso pasotismo, á nosa inercia!
En definitiva, que non lles damos, nin podemos dar, azoutes, por máis que nos engaiolen. ¡Iso, precisamente iso, porque nos meten na gaiola das aparencias, pechados, amordazados, séxase, cativos e captados, coas propias cadeas dos nosos sentidos, infrautilizados e/ou atordados, deformados!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES