Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (XX)

martes, 05 de agosto de 2014
As varas de medir

Así foi como me ensinou meu pai a medir as árbores, e non só ao seu fillo senón a tódolos seus alumnos, coñecemento ben interesante daquela porque viñan os madeireiros en busca de travesas para repoñer as vías que quedaran desfeitas, adrede, na incivil, e…, mentían, mentían no alto pois aló arriba non era doado subir, pero eles tiñan experiencia, e sabían calcular!
Espallando ideas (XX)
Empezaba a usarse o metro, pero a vara, ¡as varas! seguían en vigor, maiormente para os tecidos; nas terras comezaran a decaer, entre outras circunstancias porque…, porque eran tramposas! A vara, esa cousa dos 3 pés, chamada yarda nos países anglosaxóns, aquí sempre foi antagónica do ferrado: Onde o ferrado era grande, a vara revía! ¿Cuestión de clima? ¡Non; cuestión foral!
¿Ferrado de Meira, de Montecubeiro, de Samos…? ¡Grande; máis cós outros da bisbarra! ¿Botábanlle máis madeira? ¡Botábanlle máis cara…, porque eran frades, eran varóns, e cobraban rendas! Para medir as terras cedidas en foro, unha vara curta, de tres pés, dos de muller; para cobrar os froitos, ferrado grande, baril! Pero non vos escandalicedes, que sempre foi así; ben o sabía Romanones cando dixo: "Que hagan ellos las leyes: Yo me encargaré de hacer los reglamentos". ¡Ese é o quid pro quo: regulamentar! A lei era a lei, pero cada beneficiario beneficiábase segundo o seu propio regulamento.
Aqueles frades…, non tiñan Biblia? Si que a tiñan, pero…, estaba en latín! ¡Ata os Priores eran de carreira curta, meus pobres, e os cardeais, moitos e deles, da nobreza, séxase, incultos! Tiveron que vir os de SEPT para pasala ao galego: Mateo 7. 1-2; e Luc. 6. 37-38: -Non xulguedes para que non vos xulguen a vós. Porque co xuízo que xulguedes hanvos xulgar a vós, e coa medida que midades hanvos medir a vós. –Non xulguedes, e non vos xulgarán; non condenedes, e non vós condenarán; perdoade, e hanvos perdoar. Dade, e darásevos: unha boa medida –acugulada, rebordada, apertada- seravos botada no voso regazo, pois coa medida que midades hanvos medir a vós.
¿Desapareceron as picardías? ¡Que va, pois tamén sigue en vigor aquilo de que, quen fixo a lei fixo a trampa! E incluso no noso criterio persoal, que medimos diferente segundo a quen midamos, segundo nos veña o vento, segundo teñamos de educada a conciencia. Pero a conciencia non ten medida, ou si? ¡A conciencia tamén é elástica, vai e vén, segundo se terce, segundo nos conveña!

-.-


Hai unha cuestión, ¡unha, non, moitas!, nas que non acabo de poñerme de acordo comigo mesmo: ¿Por qué, a veces, ou case sempre, mandan os peores? ¿Por qué se erixen en führers, en líderes, en guías, en condutores, os lobos, e non as ovellas? ¿Poñémolos á cabeza do rabaño a sabendas de que nos van achicar, devorar, eliminar? ¡Isto é desconcertante; para min, si!
O cabalo da grea, cando venta perigo, concentra ao resto do bestiario coas cabezas xuntas e as patas de coucear para fóra; el quédase á marxe, de sentinela, de sentinela circulante, recorrendo a periferia para defendela alí onde preciso fose; en definitiva, exponse! ¡E témolo por animal! Os nosos líderes póñense no medio, nunha tarima ben protexida, blindada; incluso blindada a cartos! Daquela, só con este exemplo, cales son máis animais, os de dúas patas ou os de catro?
A virtude, ¡ou o defecto!, dos nosos führers está en que son os máis audaces da nosa grea, tirados para adiante se dicía en tempos, e por veces iso é bo porque hai decisións que non admiten dilación; ¡algunhas, por veces, tal que para apagar un lume! Esa audacia contraponse coa reflexión, coa meditación, coa ponderación, co asesoramento crítico, meditado, contrastado, mais facer as cousas ben leva o seu tempo, e non sempre o temos!
Para ilustrarnos montemos nun vehículo: se aceleramos demasiado deixa de ser vehículo para converterse nun raio mortal! Daquela non vemos, non atinamos a ver as curvas, os obstáculos. ¿Qué non? ¡Ah; pois algo así lle pasou ao führer máis führer dos últimos tempos, un tal Hitler, que tanto acelerou na súa febre vingativa que o levou a infravalorar, a desprezar, a forza dos seus contrarios. ¡Pero deulles qué facer…! ¿Deulles, ou déronlle? ¡Se o queren saber, pregúntenlles aos de Nürnberg, aos altos, aos da alta montaña, que ese topónimo teñen, porque, ademais da montaña, tiveron o Tribunal máis alto da Historia, o Tribunal onde os altivos se viron abaixados das súas néboas cerebrais!
Agora que saíu a verba: Os altivos, entre o seu ego deificado, e a nosa xenuflexión upándoos ao altar do mando, autocanonízanse, máxime se os temos arriba por riba dos oito anos seguidos, que xa é altura, xa! De tan arriba oen, poden oír, pero…, non queren! Nesas aras utilizan conselleiros, asesores, xa o creo que si, pero…, como panos dos mocos, para aliviar e tirar! ¿Isto dáse en España? ¡Mellor cá ruda, coa diferenza de que a ruda é, ou era, abortiva, e os caciques xéranse e críanse de marabilla, e non só eles, senón os seus fillos, e tras dos fillos, os netos…, xeración tras xeración, polos séculos dos séculos! Neste caso, prudentemente, non digamos, nunca, Amén!

-.-


Hai inventos rexistrados que, pese á súa valía, non tiveron éxito, tal que un tipo de turbina eficacísima que ideou meu primo Sergio, e non acaba de impoñerse, pero tamén os hai sen rexistro que, non obstante, tiveron unha aplicación xeneralizada. Estoume lembrando daquel compañeiro de Gijón, parente dos multimillonarios Fierro, que entraba nos cines con só facer o ademán de levantar a solapa da súa americana. Funcionaba así:
Daquela, en tódalas salas de espectáculos, era obrigatorio ter dúas butacas reservadas…, para a autoridade competente! O meu colega era tan “competente” que con só iniciar o ademán cadrábanselle os porteiros. ¿Descubrírono? ¡Igual si, igual non, pero nunca o cheguei a saber. O que si cheguei a coñecer foi o uso do seu invento, divulgado principalmente no gremio político, que entran sen pagar en todas partes, avións incluídos.

Espallando ideas (XX)¿Era práctico, non si? ¡E tanto, que por iso proliferou! Na Idade Media existiu aquel dereito de pernada, aquilo da prima noctis, e hoxe, estoutro, pero sempre o mellor do mellor. Tamén me lembro daquela obra de Carlos Arniches, ¡Mecachis, qué guapo soy! Só lles falta poñer nas listas electorais: ¡Non se admiten feos!
¿Qué nos traerá o ano 2014, seguirá habendo entradas gratis, e bicos por tras das rosas, e…, a intemerata? ¡Como isto siga dexenerando voume meter cartuxo…, para fuxir do mundo!

-.-


Francisco de Sales autodefiniuse ante Juana de Chantal con esta frase: Teño repetido, con frecuencia, que a mellor maneira de predicarlles aos herexes é o amor, aínda que non se diga unha soa verba en refutación das súas doutrinas. ¡Que tío; por algo te elixiron patrón, tanto dos escritores como dos periodistas!
Se eu fose escritor tamén me gustaría terte de patrón, pero, xa que son un “mil mañas”, que ese alcume me encambou o poeta Manuel María, en vez de patrón teño patroa, unha Estrela de mil raios, que a maiores é tocaia; ¡igual lle puxeron, adrede, Josefina, previndo que podía casarse con un Xosé, carpinteiro e/ou zoqueiro, aínda que non chegase a santo!
Este San Francisco merece o padroado antedito, pero sen esquecer que o Gran Escritor, o Gran Periodista, de tódolos tempos, foi aquel Xesús de Nazaret. Só escribiu unha vez, e para iso na area, pero foi o Gran Mestre porque ensinou a facelo, sinxelamente, con parábolas para que o entendesen ricos e pobres, letrados e ignorantes, que aí están os Evanxeos, inspirados, ditados, aos seus discípulos, nos que non hai ningún erro, todo verdade, verdade transcendente, definitiva.
Escoito un agareno que me está soprando que o seu Muhammad tamén ditaba, tamén ditou… ¡Ditou, si, pero erros, apresos dos nestorianos, e mesturados con un código machista, acaso propio da súa época, pero en absoluto definitivo!
A verba “amor” sempre estivo prostituída ao longo da Historia; ¡por algo sería, non si Satanás? ¡Pero vaste amolar porque, máis tarde ou máis cedo, escritores e periodistas acabarán acatando ao seu Patrón, e entraremos polo carreiro do amor puro, do grande, do verdadeiro, e daquela, pérfido Satán, acabaráseche, definitivamente, o teu reinado, coma ti, de herexes, Patrón dos herexes, que de ser Luz pasaches a Lucifer!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES