Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (XIX)

martes, 29 de julio de 2014
A arte de falar sen dicir nada

¡Existe, si, de verdade, que volo digo eu, cadora máis, só que niso hai un erro, pois, máis que arte, compre chamarlle…, artimaña! ¿É que non saben, ou non queren dicir o que saben? Na miña experiencia, as máis das veces falan, falamos, por falar; quere dicirse que farfallan, farfallamos.
Farfalláns sempre os houbo; na aldea, menos, pero algún, tamén. A tal momento estoume lembrando do señor Xusto de Gandoy que, cando non podía, ou non quería, dicir verdades, era cando máis verídicos lle saían os pensamentos; ¡verídicos, convincentes para os seus oíntes! Para mostra: Tiña unha vaca, a Toura, que xa lle chamaba así porque daba menos leite que un touro. Con esta experiencia, nada máis venderlle a primeira cría, mantida, criada máis ben con caldeadas, antes de que secase de todo tívoa unha semana sen muxir, que así se lle puxo unha ubre de campionato. Xa na feira de Castroverde, un comprador tentou descubrir a verdade daquela oferta:
-Xusto, ti, que es de Montecubeiro, e por tanto verdadeiro, dime a verdade: ¿Esta vaca dá tanto leite como aparenta?

Xusto, facendo honor ao seu nome:
-¡Mira, ho, e míraa ben, que non sabes o que levas!
-Pero, dá leite, ou non dá leite?
-¡Mira, ho, se cho digo non o vas crer!

E así, dicíndollo, non llo dixo, e a vaca por boa foi comprada. ¿Comprada, ou vendida? Xusto non mentiu, nunca o facía, pois certo é que, se lle concreta a capacidade láctea, o outro non mercaría, e a vaca seguiría coméndolle ao Gandoy por riba do seu produto.
Do mesmo Xusto: Tiña unha neta guapísima e boísima, pero sempre andaba co pescozo comido das pulgas. Cando lle preguntaban ao avó a causa daquel asañamento das Siphonapteras, respondía invariablemente:
-Métense con ela pola súa docilidade, pero, como Deus a críe, ha dar qué sentir! ¿Qué era o que dicía, e non dicía? Quitáballes a culpa ás pulgas, á vez que lle asignaba á rapaza un carácter prometedor, forte, loitador. ¿Un contrasentido? ¡Non; contrario, non, de dobre intención, si, pois á vez que disimulaba a súa miseria enxalzaba a sensibilidade e maila valía da moza!
Outro caso notable, entre os moitos que lembro, é o de Amaro, que andaba polas feiras con unha tenda de tecidos barateiros, anticipándose aos chinos en medio século, nas que vociferaba:
-¡Amaro no vende; Amaro regala! ¿Qué se regalaba? ¡Á súa maneira, si, pois en cada venda regalaba un alfineteiro, dicíndolle á paisana:
-¡Aquí ten o meu regalo…, para que despois digan que Amaro non regala! Á miña avoa, que lle preguntou o por qué dos alfinetes, respondeulle:
-En previsión, e non os perda, para cando teña que remendar esta saia! El ben sabía que eran tecidos baratos, propensos ás roturas inminentes.
Isto nas aldeas, pero, nas capitais? Nas urbes sempre tiveron, sempre tivemos, a palleta máis solta, máis aínda, e xa non digamos hoxe en día, que tanto sabemos mal sabido, mal oído e mal entendido, mal dixerido, pasando dunha sinatura á seguinte en menos dunha hora; entre a curtidade do curso e o tempo dedicado ao móbil, á tele, ao botellón, vacacións e latares, á fin de curso chégase antes que ao San Xoán, obrigándonos o profesor a saltar de folla en folla coa rapidez, coa soltura, dun saltón. A comida mal mastigada non trae máis que gases, saian pola boca ou polo ano; gases, verbas gasificadas, inconexas, soltas, presas tan só neses falares con aceleramento cerebral impropio da dixestión, da asimilación, do cultivo humano; un cerebro, o noso, que nolo fixo Deus, a Verba Divina, á súa imaxe e semellanza: daquela, como El non ten présa, que é Eterno…, por qué nós si, que somos menos artistas, e non digamos científicos?
Non de fronte, senón en paralelo, están as farfalladas abreviadas, as curtas, das que non chegaría un libro para recoller, para amosar tan só as que coñecemos a maioría dos analfabetos. Algunhas:
De Madrid, al Cielo! Slogan creado e fomentado, divulgado, por aqueles xerifaltes que ascenderon á fortaleza madrileña, cortesá, desde os seus castelos periféricos. ¿Qué pretendían? Que os vasalos se sentisen atraídos pola Villa y Corte, pero sen perder a súa condición vasallar, barateira, tal que a de desprazarse para aleitar aos seus fillos con abandono dos propios, que lles quedaban a medio criar, encomendados á avoa, e como xa secara, por delegación, á vaca Marela!
Barcelona es bona si la bossa sona.- Invitación aos inmigrantes, para que acudisen a encher a bolsa…, a cambio de traballar barato, de renderlles …, para que soase a deles! ¡Explícase por si mesma!
Coruña, ciudad en la que nadie es forastero. ¡Tamén é certa, pois, nun conglomerado de forasteiros ninguén se pode chamar forasteiro! Vaian, por exemplo, á rúa Barcelona, e alí pregunten se son cataláns ou lugueses; ¡pregunten, pregunten! Cando os romanos levantaron o seu faro foi precisamente para que acudisen os seus barcos, para repoboar a que entón era unha illa desértica, e aínda así quedou sitio, pois tras deles viñeron os suevos, e poboaron o ensanche, establecéndose, asentándose, no actual Suevos.
Lugo, a ben murada. Non foi Lugh, nin os de Lugh, os que cerraron de sobre si ese bosque, que foron os mangantes, para que non lles roubasen o roubado. Daquela, foi ben murada? ¡Ao contrario, indebidamente murada, e para máis inri, pola xente do país, a golpe de látego!
Parando cos localismos, vaiamos aos personalismos:
La calle es mía! ¡Vaia forma de advertirlles aos pisados que non laiasen, e menos na rúa, posto que non era deles senón do Centurión!
Spain ist different! Unha dobre verdade: Pois este país era dos poucos que seguían crendo, aceptando, a doutrina Tout pour le peuple, rien par le peuple! Por outra parte, outro dobre efecto: Que así se lles facía crer aos turistas potenciais que aquí atoparían…, o nunca visto, nunca visto ou desaparecido, e era verdade, en tantas cousas, en tantas antigallas demodé, que xa non se vían noutros países! Por parte, presumindo de turismo, escondíanse as miserias patrias, aquel torrente de divisas, salpicado de bágoas, que nos viña da nosa emigración, dos nosos ¿turistas? forzosos! Con estes disfraces carnavalescos, os economistas, que non son precisamente os economizadores, aforraban os seus cálculos: ¿canto hai que importar, canto hai que gastar no país, para atender aos turistas, co cal, do que traen, descontado o que comen, o que usan, o que manchan, o que fornican, canto nos queda deles é pouco máis que este slogan! Minto: Que tamén nos quedaban os Paradores de Turismo…, para as prima noctis dos nosos especuladores!
Puedo prometer y prometo… ¡Inocente, meu crédulo, que esperabas che deixasen cumprir o prometido, o merecido!
¿Chégavos? Se é así, cambio e corto, pois, do que non, esta noite non poderedes acudir ao botellón, que precisaredes as oito horas para ollar estes parágrafos espiñentos!
-.-


Siéntate en la puerta de tu casa y verás pasar el cadáver de tu enemigo. ¿Este proverbio é árabe ou chino? Os chinos teñen pensamentos, expresións, parecidas, pero isto oínllo a un nativo da kábila Ait Ba Amrán, así que por árabe o teño.
Espallando ideas (XIX)
A nosoutros non nos deu resultado, nin en África nin en España. ¿Sería porque os principais inimigos soen ser os dunha idade igual ou parecida á nosa, séxase, dentro da mesma xeración? ¡Coido que, maiormente, si! Os inimigos tardan en morrer…? Con outra pregunta: ¿Quen vai ser tan animal, tan mal cristián que lles desexe a morte? ¡Eu, nós, Deus mediante, non!

Naqueles dez anos africanistas tamén oímos dicir que, Si cabalgando en nuestros camellos nos detenemos para ahuyentar a los perros que nos ladren por el camino, nunca a la Meca llegaremos! ¡Isto é máis certo, máis seguro, máis recomendable; afellas que si! ¿Ladran? ¡Es que cabalgamos, amigo Sancho! Os pasotas, os que van de vagar, ¡de vagos!, ou nin iso, eses tales teñen menos risco de friccións, de liortas, sexa por tras ou por diante, que hai das dúas, e máis ben penso que abundan as traseiras, as puñaladas trapeiras, que así nolo dita a experiencia.

¿Preitear? Esta definición seica é dos xitanos: ¡Preitos teñas, e que os gañes! Cando o din os xitanos, verdade debe ser, pois eles, ao longo da nosa Historia, ben nómades foron, o que se di, de cu inquedo, acolléndose aos seus carromatos tan pronto se sentían incómodos no lugar do seu último asentamento.
Experimentando, experimentando, e tamén facéndolle caso o Catecismo da nosa Santa Igrexa, cheguei á conclusión de que é un absurdo enfrontarse a un inimigo determinado, salvo que sexa inevitable, ben por grave detrimento da nosa dignidade, ben por un alto prexuízo económico. Máis é, que entretidos con un dos cans, os outros estana gozando co seu aproveitamento da incidencia para lapidarnos todo ao redor; ¡iso si, coa man escondida! Dá máis resultado a petición “… y líbranos del mal”, que vén a ser, líbranos do inimigo malo, pois sempre se trata do propio Satán, encarnado naqueles que outrora, acaso, tivemos por amigos.

Démonos, pois, a paz, polo menos aos máis inmediatos, e nunca coa punta dos dedos, senón de corazón, coa man aberta. ¿Aos inimigos? ¡Meus pobres, que abonda penitencia levan consigo, pois, tarde ou cedo, xa lles chegará, que no pecado vai a penitencia, certamente, que tamén nolo di a experiencia!
Por outra banda, como din os bandeantes, ¿quén é capaz de distinguir amigos de inimigos, coa de sorpresas que se leva un nesta vida perrea? Pero aínda temos outro consello: Auga que non vas beber, déixaa correr! ¿Quen bebe da auga sucia téndoa limpa? ¡Iso non o fan nin os animais! Tomemos exemplo das vacas que, segundo van pacendo van cheirando, e ás malas herbas, ás nocivas, déixanas de lado, déixanas medrar, que xa lles chegará o seu San Martín, por porcas! Ás malas persoas, se nolo admiten, démoslles un bo consello, razoemos con elas, pero, se nin así se arredan dos seus pecados, respectémoslles o seu libre albedrío, tal e como fai Deus connosco, en xeral con tódolos pecadores. ¡Amén!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES