Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A trivialidade in crescendo

miércoles, 23 de julio de 2014
Cando nos encontramos fora da nosa casa, e non por moitos días, os hábitos cotiáns vense interrompidos: As lecturas, o recurso á modesta biblioteca, os paseos co libro da quenda, a consulta programada coa persoa de confianza e, como non?!, a sosegada reflexión sobre algunha cuestión considerada de interese..., cuxa interrupción deixa espazo para repousar no que cadaquén xulga como trivialidades. E se un é vello, que élles o meu caso, xaora, a cor dos eventos vólvese escura.

Penso que ven ó caso un artigo recente dun famoso teórico e crítico político que non parece que lle faga falta abandonar os seus hábitos académicos para descubrir algunhas trivialidades preocupantes. Mais como ten raíces culturais seminaristas, exprésase moi ben mediante parábolas, e a que caeu nas miñas mans é, como dicían os nosos ancestrais, “ben traída”.

Hoxe, calquera espelido rompe unha botella de cristais correntes -ven a dicirnos- , póleos un pouco e sacos ao mercado, cun éxito de venda que admira a todo o mundo. Aplica o profesor a parábola á política e dinos que resulta moi preocupante que na nosa sociedade haxa tantos compradores, porque arrebolados talentosos hai abondo para facer ciscos as botellas.

Xa o creo: é preocupante que tanta xentiña sexa tan receptiva para as quincallas sociais e políticas, e lle poña facianas de circunstancias ao escaso ouro co que se encontra. Acaso terá que ser que os verdadeiros xoieiros dórmense no abandono das súas obrigas profesionais?.

Algunha razón haberá para que isto sexa así. Certamente son moitas as causas que podemos apuntar; pero entre elas están, sen dúbida, todos os medios de comunicación e información.

Canto espazo dedican a un deportista, ou a ocuparse da vida de familias que caen en desgraza ou son extremadamente afortunados?. Canto a embarullar as temáticas intranscendentes a debate, con irrelevantes personalidades, sen nada que aportar?. Cantas veces repiten as novas adulteradas?. Con que sutileza resaltan os méritos das persoas que interesa manter en postos de poder, e denuncian os deméritos dos outros?...Toda unha ladaíña de seleccións interesadas!.

Perdoen, porque agora xa non sei se estas son verdadeiras preguntas; estoulles abondo desconcertado desde que un físico de fama mundial nos di que hai preguntas que non o son, porque non basta que leven signos de interrogación. E eu estiven de acordo con el ata que descubrín que esas preguntas que non eran tales, viñan a ser as que non podían contestarse sen poñer en perigo o alcance dalgunhas afirmacións estendidas a outros ámbitos do saber non especificamente físico.

Di, por exemplo, que non ten sentido preguntar como era o universo ANTES do Big Bang, porque o tempo nace con esta explosión, e polo tanto a partícula lingüística ANTES non ten sentido. Ben, a miña ignorancia élles supina, pero se eu pregunto agora, situado no tempo, polo de ANTES da orixe do mesmo, non estou preguntando fora do tempo.

Pois o bo do físico, ao que eu lle teño especial respecto e aprecio (trátase de Wagensberg), dinos: “Aínda que pareza o contrario, a túa pregunta non é unha pregunta verdadeira, ou sexa, non hai pregunta”, p.173, “El Pensador Intruso”, Tusquets, 2.014, Barcelona.

O que sinto é que lles deu armas aos quincalleiros, que, aplicando o argumento analóxico, poden dicirme que as miñas preguntas non están no tempo, que é unha maneira ben elegante de cualificarme de vello, de desfasado, e que eles PODEN remediar a cousa política, aínda que sexa embarrándose no xa superado por pernicioso.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES