Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libro de Manuel Cabada sobre o P. Seixas

martes, 22 de julio de 2014
David Otero (colaborador de Galicia Dixital) presentou na Estrada o libro sobre o Pai Seixas de Manuel Cabada (tamén colaborador desta casa).
Libro de Manuel Cabada sobre o P. Seixas

Velaquí as súas palabras:

Hoxe síntome realmente feliz e asemade moi agradecido aos meus compañeiros e ás miñas compañeiras de Vagalumes por me deixaren presentar este acto e en especial, por unha parte, coa participación de Quico Domínguez, Silvestre Gómez Xurxo e pola outra o noso veciño Manuel Cabada Castro.

Cando vivindo polo barrio do Castiñeiriño e a cada día me atopaba con Don Severino Riveiro Tomé, con Antonio Gómez Vilasó, o Crego, e tiñamos reunións na súa casa de detrás da igrexa e así tamén na catequese e no Monte do Xeixo cos da JOC, de Conxo e de “Vuelva mañana”, entre eles Fico e Suso Mosquera… eu escoitaba falar do Pai Seixas… Un compostelán coma min. Logo, coma moitos e moitas… xa fomos doutros lugares.

E no caso do Pai Seixas direi: Compostela (1915), Bélxica, Palencia,Vigo, Bordeos, A Coruña, Salamanca, República Dominicana, Compostela, Vigo, Valladolid... e Vigo en terra sagra…cos seus de sempre.

E DIGO que estou contento de estar aquí porque por medio do libro que hoxe presentamos da autoría de MANUEL CABADA sinto moi de cerca nomes e vidas no tocante ao Pai Seixas.

Nomes e vidas como:
Severino Riveiro Tomé, mestre e a súa dona. Antón Gómez Vilasó, crego do Castiñeiriño, os mozos da JOC do Barrio, o meu curmán Álvaro Rodríguez Pumares que axudou ao Pai Seixas no libro Catrocentos Nomes Galegos. Para homes e mulleres, galegas e galegos, que logo deu lugar ao libro de Xesús Ferro Ruibal, o Diccionario dos nomes galegos. Tamén Manuel Espiña, Pepe Chao Rego, Xosé Alvilares, Amando Araúxo Iglesias, Miguel Araúxo, Xesús Silva (o Pai Silva da Cidade da Mocidade), Antón Beiras, Antía Cal, Editorial SEPT, Xaime Illa Couto, Domingo Fernández del Riego, Francisco Fernández del Riego, Fermín Bouza Brei, Quico Domínguez, Manolo Meixide, Lois Meixide, Alfonso Zulueta de Haz, Xohan López Facal, Camilo Nogueira, Paz López Facal, Xosé Manuel Beiras. Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé González Martínez… Pepiño de Teis e Redondela, Ana Miranda, Francisco Carballo, Avelino Pousa Antelo, Laura Cobas, a UPG, Galiza Socialista, o PC.

E DIGO tamén cando o 25 xullo de 1965, en San Domingos de Bonaval, de xeito oficial e por Rosalía, o Pai Seixas fai a primeira misa en Lingua Galega, aínda que antes, en 1961, o 25 de xullo, o noso veciño de Tomonde, Cerdedo, Tabeirós-Montes, Antón Rodríguez Fraiz, membro do Pedrón de Ouro, coñecido tamén e a ben como “o Crego de Campañó”, tamén fai outro tanto no camposanto da Chacarita en Bos Aires na honra e memoria de Daniel Castelao. Alí en Bonaval, na misa do Pai Seixas, estaban Don Ramón Otero Pedraio e tamén o noso veciño estradense Xosé Porto Matalobos. E así consonte a iso, á identidade e galeguidade, o Pai Seixas deixou dito: nacín galego denantes que ningunha outra cousa.

E DIGO tamén cando en Vigo, na residencia de Velázquez Moreno, se reunían os Membros da Xunta Democrática, logo a Plataxunta, e tamén no Castro como había mornura e acougo, acubillo e guía, para traballadores, en irmandade, da que saíron líderes e loitadores nas fábricas da cidade e arredores.

E DIGO máis cando se crea unha Comunidade de Homes Ceibes ao servizo da Humanidade e que así reza no punto segundo, que se concreta para nós no pobo no que estamos integrados: O POBO GALEGO.

Niso e máis, a xeito de síntese, do Pai Seixas dixo Quico Domínguez (o galego exemplar aquí presente):

“El converteuse para nós nun referente e paradigma que, tanto en vida coma despois de morto…continúa a estar en nós…”

Tempos aqueles, dicimos nós, nos que “cumpría tomar mensuras…”, como así dicía o propio Pai Seixas. Hoxe tamén cómpre e máis que nunca. Pois el… un home de DEUS, O PAI SEIXAS… PROGRESISTA…, xa que logo galeguista… e así… galeguista, como xa dixo Castelao… Universalista. El soubo ben sentir a nosa cultura acoitelada, a educación agolada e o noso pobo simplemente (placidamente) adormiñado na longa noite de pedra.

Desta maneira a súa palabra, a do Pai Seixas, na exemplaridade, foi o soporte e o valor para ir contra a ignorancia promovida polas institucións e polos poderosos. O Pai Seixas teimou na loita, non se resignou, non se rendeu… e transmitiu con forza e “tomou mensuras…”, pois debía ensinar e facer vivir… sentir… que non é o posuír, que non é o amasar en demasía o que nos fai felices. O que nos fai felices é gozar das cousas… do traballo e das propostas… do que somos… do que queremos ser…, do que soñamos… Iso, el sinalábao moi ben… Iso, repetía…, "non cadra nunca co afán de lucro”.

Pois como dicía Franzt Fanon…
O irmán, a irmá…
o camarada…
son palabras proscritas
polos elementos colonialistas

Porque para estes
a irmá e a carteira…
o irmán o negocio

o camarada …
o seu compinche…
a camarada …
a explotación


AMIGAS E AMIGOS… No baseamento da mensaxe, da lección… do pai Seixas… preguntamos… "HAI QUE SEGUIR A TOMAR MENSURAS…?

Non esquezamos… e como nos dixo Paulo Freire, pedagogo brasileiro…

Ninguén se salva só,
Ninguén salva a ninguén…
Todos nos salvamos en comunidade…


Ben o sabía o Pai Seixas…

HABÍA DAQUELA QUE TOMAR MENSURAS…?
HAI HOXE QUE TOMAR MENSURAS…?

David Otero (na Estrada de Tabeirós no andar do ano X. Mª Díaz Castro, MMXIV).
Otero, David
Otero, David


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES