Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Penasillás, encrucillada de peregrinacións

miércoles, 02 de julio de 2014
Penasillás, lugar da parroquia chantadesa de Seoane, nas estivadas do Faro, protagonizou antano un centro de encontros en súas feiras do dia 2 de cada mes; unha das mais antigas que os monxes de Oseira souberon Penasillás, encrucillada de peregrinaciónserguer e nutrir de gando do que se criaba nestas latitudes de montaña. Un centro tradicional que mostrou orixinalidade de concentración feiral, diante da capela de S. Antonio e dos petos de ánimas que recolleron esmola de Igrexa e para rescatar almas en pena. Tres monumentos que proclaman o barroquismo rústico. entre quebradas rúas que fan de Penasillás esa benquerenza de ir a ese encontro de feira, aínda só para degustar do polbo e carne ao caldeiro. Sobre todo, rescatar memoria do que noutros tempos, non lonxincuos, foi a feira, con eses pendellos esborrallados, coa ferrería e ferrador que xa non ten, e outras artes que fixeron célebres a este lugar, onde o val remata e a montaña comeza.

Penasillás é un lugar de rutas transversais, polo camiño que vén dos eidos ribeiraos cara a ermida de Santa María do Faro e de Xohán de Requeixo, o das trobas iniciáticas e festivas do século XIII. A ruta das peregrinacións ascendente, dos que procuran milagre para vida irredenta. Así ían de longas terras, de aquén e alén Miño. En Penasillás comezaba a magoante subida, no Chan de Seixas, auga fresca do rego da Ortiga, un descanso e pulsar costa até chegar ao ermo cume do Faro, facer oración e ollar terra aberta desde o Pico Sacro até os tesos do Courel e Pena Trevinca. O alzado sacro dos celtas, como lle chamou Frei Martín Sarmiento.

O pasado ano, o crego de Vilanova de Lourenzá, Xosé Antón Miguélez Díaz, meu vello amigo e veciño, provocoume a unha subida ao Faro, dado que os anos pesan, non resistín a ese desafío. Saímos de Merlán ás 8 da mañá e chegamos catro horas mais tarde. Esa andadela permitiume saber que xa non teño pulo como aquel adolescente que fun e facía carreira sen notalo. No cume, mentres o Xosé Antón rezaba por todos e por este rebelde ateo, eu comía pan con queixo á vella usanza e ollaba paisaxe inmorredoira.

Mais este camiño vertical, non só deu aceso aos peregrinos do faro polo 15 de agosto e 8 de setembro (festa desbordante), mais este era o camiño antigo e de acceso ás terras cambotas de Rodeiro, por Santa Baia e S. Martiño de Esperelo. Un camiño mítico de fontes milagreiras, como a dos Meniños e das Pipas, e outras nacentes que frutifican as verdosas veigas.

En Penasillás o rechouchío da auga fai oración matinal neses regos que temperan hortas e lameiros, e falan con quen os escoita. Mais por aquí vai o camiño real, a vía maior, a mais antiga que desde Ourense a Lugo ía bordeando os remansos das serras da Martiñá, do Faro e do Farelo, pasando por Penasillás con parada obrigatoria, facer oración a S. Antonio, ou diante dun dos petos e rescatar pecadores no suplicio infernal, ou degustar viandas enxebres que neste lugar se producían.

Feirantes, xente do pobo e peregrinos de excepción, como Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, pasaron por este camiño en peregrinación a S. André de Teixido, o 5 de xullo de 1929, facendo parada en Penasillás. Os tres peregrinos ourensáns deron noticia desta aventurada andaina. D. Ramón escribindo sobre a ruta, que deu en libro e publicado ese mesmo ano pola “Editorial Nós”, titulado: “Pelegrinaxe”. Vicente Risco ilustrou este libro con delicados debuxos saídos da súa talentosa prumiña. Cando os tres descobren o ático e corpulento Faro, Otero Pedrayo escrebe: “Faro. Nú, esgrevio, forte, ergueito n’un pulo rexo hastra os mil oitocentos e pico de metros. Na cume albexa com’un seixo a ermida da Nosa Señora. Festa o día das Miragres. Moitas augas cría e manda o lombo do monte car’o Miño r pr’as rías baixas”.

Otero, cando albiscou as terras de Chantada, indo polas dúas Vianas e apousentándose no lugar da Xulfe, comezou a cronicar o encanto da paisaxe con excelsos regueiros e regadas, das arquitecturas labregas de casas, pallares e pontes que D. Ramón recolle na súa crónica e Risco debuxa o pazo de Riazón, a ponte de Comezo, un hórreo, pallar e lavadoiro do lugar de Nuxilde. Subindo esa media costa chegan a Penasillas e o relato e Otero Pedrayo é o seguinte: “Chegamos a Penasillás con ardente curiosidade. (...) No pobo hai tráfico: os paisanos feirantes e profesionales da longa brusa negra acóllense na porta d’un mesón con tenda abaixo, ventaniña verde, muller faladora, tratos e contos. Hai un campo de certo vagantío c’unha ermida do S. Antonio. Un home fala da feira e Esquirón; contento d’ouvir un nome coñecido. Outros comentan os miragres do S. Antonio; son do oficio e non cren que un porco curara d’unha perna crebada pasando frente da ermida. (...) O Risco dibuxa o peto d’ánemas baixo o pariaugas d’un tratante que o acolle dicindo: “-Non, istas cousas vellas son ben interesantes: de fixo sairán na “Esfera” ou no “Branco e Negro”.

Risco recolle con realismo maxistral o edículo e o retablo do peto das ánimas de Penasillás, coas almas ardendo no purgatorio e S. Miguel encadeando a Satán, encarnado nun dragón. Unha peza interesante para preservar da erosión e dos estragos que produce a polución. Vicente Risco continúa debuxando, por esta ruta real, o pórtico románico da Igrexa de S. Cristovo de Mouricios, o coto de Adá, os paneis dunha casa de S. Vicente de Argozón e a súa igrexa, entre un espectacular souto de castiñeiros. Un traballo o de Risco que desvela a arte arquitectónica e artesanal labrega que implora mantemento desa grandilocuencia da nosa estética etnolóxica dunha arte funcional que se elimina en tantos silencios que a administración local tamén opta polo transgresión.

D. Ramón Otero Pedrayo remata a súa crónica polos abeiros desta enxebre aldea: “Dend’o campo da ermida Penasillás baixa en rúas labregas estradas d’estrume, pavimento elástico, forte e enxoito namentras non chega a un certo estado de descomposizón. Ademais un traballo comunal dos poucos que quedan. Agora baixamos: o Faro vaise pôndo un pouco de proa a nós com’un grande navío maniobrando: a ermida do outo parez d’outra figura. Coadrada, limpa, soila, sin arbres: e a cume dos 1180 e pico de metros, mail-a montana segue en lombos ondeados de serra. Descenden grandes herdades de millo e pol-a ezquerda un regato asombrado por mestas procisiós d’arboredos sobr’un pobo acugulado afondado en rúas coma corredoiras: S. Cristobo de Mouricios. A eirexa garda a sinxela vibración artística do bon tempo románico. Ben-Cho-Sey sinte saudades de facer a pranta. Porta ladeiral ben postiña”.

Velaquí a crónica dunha peregrinación a S. André de Teixido, na que recolle protagonismo Penasillás. Ese pobo que ficou sen feira, sen peregrinos e sen a súa fachenda de ter presenza no vademecum das feiras con temperanza popular, de vender e mercar só o que se cría. Nestes tempos de globalización, comeza a restituírse a feira do día 2, neses comes e bebes que se preparan no “Bar Peto”, con polbeiros do Carballiño a recuperar memorando.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES