Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xavier Docampo, escritor de baixo para riba

viernes, 27 de junio de 2014
O sábado día 21, parentes, amigos e coñecidos de Francisco Xavier Puente Docampo tivemos ocasión de asistir ó acto de entrega da letra E de escritor que lle fixo a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Foi un dos actos culturais máis fermosos dos moitos que se teñen celebrado no Concello de Castro de Rei e en concreto na vila de Castro de Ribeiras de Lea.

Xavier Docampo, escritor de baixo para ribaEsa polo menos é a miña apreciación, que non ten por que coincidir coa de todos os asistentes. O primeiro que converteu este acto en excepcional é a calidade humana do homenaxeado e a afabilidade e cordialidade que sementa a mans cheas. O marco no que se celebraron os actos tamén axudou, sobre todo porque foi o querido por el. A organización resultou impecable e os discursos de cada un dos que falaron foron de gran altura literaria e expresiva como corresponde a personalidades xa consagradas como son Cesáreo Sánchez, Fernández Paz e o mesmo homenaxeado. Pero, nos seus máis concisos parlamentos, non se quedaron atrás o Alcalde de Rábade, Francisco Xosé Fernández Montes, Mario Outeiro ou o Alcalde de Castro de Rei.

Expresiva tamén é a gran pedra que inmortaliza o momento e a cereixeira ou cerdeira que Xavier quixo que se plantase ese día no lugar dos feitos para regalía dos ollos humanos e goce de merlos e paporroibos.

Precisamente esta cerdeira deulle pé ao Alcalde Francisco Balado
para dicir palabras preñadas de poesía e inxenio que arrincaron cálidos aplausos. Dixo: “Que esta cerdeira dea tantas cereixas como ti libros tés escrito e que ti aínda escribas tanto libros como cereixas poida dar esta cerdeira”. Fermoso, non si?

Mario Outeiro, Deputado provincial da área de Cultura, rebordante de gozo polo retorno da Colección de Álvaro Gil ao museo provincial, froito de atinadas e maduras negociacións coa familia, destacou a altura literaria do escritor e ao mesmo tempo o seu uso dun galego moi achegado aos que o conservaron: labregos e mariñeiros.

Cadro moi conforme con esta valoración. Francisco Xavier, Paco, nunca renegou do uso literario dese galego desprezado por algúns como excesivamente rural. Estes non é que reneguen da lingua das xentes da aldea. É que non a coñecen. E, baixo capa de depuradores do idioma e de barrendeiros de contaminacións castelás, decántanse por un galego poida que moi conforme con normas gramaticais constrinxentes, pero ao mesmo tempo, moi desecado por falta do zume que mana de fontes que contan e cantan historias de séculos.

Lembro que, con motivo da entrada de Manuel María na Academia Galega da Lingua, dixo Méndez Ferrín no Auditorio de Vilalba: “Con Manuel entran na Real Academia os carros, as zocas, as árbores…”. Eu pensei: “Se non tiñan entrado xa, chegan tarde, porque os carros están morrendo e con cada un morren cen palabras, as zocas xa non se levan e as árbores son pasto de lumes asasinos.

Francisco Xavier inmortaliza e devólvelles vida a carros, zocas e árbores e dinos a todos que o galego dos considerados analfabetos é tan rico que nel pode expresarse calquera concepto filosófico, social, político, científico e tamén teolóxico. Mágoa que desertores do arado, resentidos contra as súas raíces, se empeñasen en ensinarnos que Deus non entende o galego e que por iso hai que falarlle en castelán! Mentira! Deus non só entende o galego senón que tamén o fala. El é a Palabra, o Verbo, e a Palabra é universal. O pobo sinxelo tamén o entendeu así e así o vive. Cando a oración non é aprendida, senón filla do corazón, exprésase en: “Deus (ou Dios) me valla, sexa comigo, non se esqueza de nós, nos teña da súa mau, etc.”

Graciñas, irmán Paco, e por moitos anos; que aínda seguen facéndonos falta persoas que rocen silveiras, derruben balados e abran camiños para que a nosa identidade non se perda esnaquizada por trampulleiros e esquizofrénicos bilingüismos con apoio oficial de desleigadas conselleirías.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES