Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Castelao non é poeta

viernes, 27 de junio de 2014
Co tema do novo rei Filipe VI estamos a recibir informacións das que cómpre tomar nota. Dalgunhas non tiña ata agora noticia ningunha. Lin, por exemplo, hai algúns días sobre o seu programático discurso de comezo do seu reinado un comentario escrito nun diario de gran tirada, que se pode ler tamén en Galicia, e atopeime sorprendido coa seguinte aseveración: ‘En su referencia a la pluralidad lingüística española ha citado a cuatro poetas, uno por cada una de las cuatro lenguas: Machado, Aresti, Espriu y Castelao’.

De modo que, a teor do que aquí se nos anuncia desde o mesmo centro da península, Castelao évos –tomade nota- un poeta.

Pensei que, dado o limitados que todos somos, igual existiría algún poeta galego chamado Castelao diferente do noso gran Castelao e que eu ignoraría. Mirei e remirei por se acaso, mais non atopei ningún poeta que así se chamase. Falábase, pois, indubidabelmente, ben ou mal, do noso polifacético e afamado autor, ó que desde altas instancias xornalísticas se lle atribuía agora, postumamente, de maneira gratuíta e suficientemente diáfana, unha excelente calidade máis aparte das moitas que xa posúe. Mais a verdade é que Castelao non é poeta.

É un gran político, un sensíbel artista, e sobre todo un excelente coñecedor da alma de Galicia, pero non un poeta. En resumidas contas, resulta que a suposta ignorancia non semella ser polo tanto miña senón do ilustre comentarista, que polo que podo ver é ademais director adxunto do xornal no que se publica tan iluminador comentario. Naturalmente, podería tratarse dun mero lapsus que lle pode ocorrer a calquera. Quédame porén a dúbida de se igual é algo máis, pois o mesmo erro repítese aínda de novo nese mesmo día, aínda que nunha anónima editorial.

En fin, queda aí a sospeita de que iso poida ser, unha vez máis, un síntoma revelador do lamentábel descoñecemento existente nesta chamada nación española verbo das diversas culturas e linguas presentes nela. Tal descoñecemento semella abranguer non só á xente pouco instruída senón tamén ós supostamente cultos e instruídos. Tales culturas e linguas non deberían ser olladas como mero ornato estético para proclamar de maneira ineficiente e oca a suposta riqueza da pel de touro hispánica, senón como algo vivo, respectado e directamente promovido por políticos e non políticos. Hai que engadir, nembargante, aquí que o rei semella estar mellor informado ou asesorado, alomenos neste punto, ca algún dos seus comentaristas. No seu discurso limitouse simplemente a dicir: ‘Así lo han considerado y reclamado escritores tan señeros como Antonio Machado, Espriu, Aresti o Castelao’. E está claro que un bo ‘escritor’ non leva consigo necesariamente ser tamén un ‘poeta’.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES