Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pregaria desde a prisión

martes, 24 de junio de 2014
PREGARIA PERSOAL E CONFIADA DESDE A PRISIÓN

TEIXEIRO, 19-06-2014.

“Déixame que tendido nesta noite avance como un río entre as tebras ata chegar a Ti, Deus dos homes”. Déixame, permíteme, oh meu Deus, recomporme e retomar alento. Veño maltreito do camiño e necesito un pouco de bálsamo sobre as miñas feridas. Descúlpame que empece sumíndome no silencio. Estou sen forzas. Escóitame e arróupame. Teño medo e veño xeado ata os fígados. Moitas cousas se me romperon por dentro. Estou aprisionado. Dei cos meus ósos nas masmorras da inmisericordia. Desde o máis profundo clamo a Ti, Señor. Apiádate de min, oh Deus, pola túa bondade. E borra a miña culpa.

Aquí estou, Señor, para facer a túa vontade. Quero renovar diante de Ti a fidelidade. Tómame a min coa miña historia, Señor.

Si. Xa sei que son egoísta e que moita culpa é miña. E que non son digno. Perdóame. Non mires tanto os meus pecados, canto a fe que me conduce cara a Ti. Si. Xa sei que nin nisto son moi xeneroso. Pero non me deixes lonxe do teu rostro. Non me quites o teu santo espírito. ¡Necesítote tanto! Devólveme a alegría da túa salvación. Afiánzame con espírito xeneroso. Necesito levantarme, Señor, e quero proclamar as túas loanzas, porque realmente estivéchesme agardando con paciencia e con dor, vendo os meus desvaríos de fillo malcriado. Pero hoxe volvo a Ti, e en Ti confío. Non me falles, oh meu Deus!. Nos días de tristeza e nas noites de esperanza o teu rostro brilla sobre min como un referente esencial: Si, eu voume erguer, e botarei xunto ao meu Pai. O amor, o teu amor, faime chegar confiado ata aquí. Grazas, Señor. Na miña vida véxome branco das burlas e do desprezo dos satisfeitos. Estou aquí, entre rellas e diante de Ti. Déixame saborear lentamente o silencio da túa paz. Déixame que, aos poucos, me vaia renovando por dentro con espírito firme. E virán tempos novos en novos espazos para unha nova vida. A túa vara e o teu caxato sostéñenme na gran tribulación. Intentei defender a túa causa. Non sempre fun comprendido. Pero non sempre, tamén é certo, mantiven a rectitude das túas sendas. Os teus camiños non sempre foron os meus camiños nin os meus medios foron os que ti me inspirabas. Por iso che pido que me renoves por dentro con espírito firme. E a miña boca volverá proclamar as túas loanzas por anos sen fin.

Déixome en Ti, Deus do amor. Ensíname a orar. Que me deixe impregnar do Espírito Santo de vida que me conduce amorosamente ata Ti, oh Abbá, Pai amoroso do pobre, fonte do maior consolo. Mira que baleiro traio, cando me faltas por dentro. A túa Palabra, feita carne, o teu Cristo, chegou ata min e nos meus eidos puxo a súa tenda. Seduciume e eu deixeime seducir. Como Bo Pastor tomoume da man. Co viño xeneroso da purificación lavou as miñas feridas, mentres que pacientemente me escoitaba nos meus salaios, que por veces eran insultantes. Coa suavidade do aceite encheume de unción fraternal e sobre os seus ombreiros tróuxome hoxe ata a túa presenza. E agora caio na conta.

Abríronseme os ollos do corazón: “Coñecíate de oídas, pero agora víronte os meus ollos”. E sei de quen me estou a fiar. E de novo oio o teu murmurio ao oído: Cando ti te convertas, cando ti te repoñas, dá razón da túa esperanza e confirma aos teus irmáns na fe. Sí. O Señor está comigo e tamén a min o Señor me vai cubrir coa súa sombra. E serei bendito coa mesma bendición do froito do ventre de María: Xesús. María, Santa Nai da Mercé, roga por nós, que recorremos a ti.

Aquí estou, Señor, para facer a túa vontade. Quero renovar diante de Ti a fidelidade. Tómame a min coa miña historia, Señor. E que o Señor nos bendiza e nos e protexa. Ilumine o seu rostro sobre nós e nos conceda o seu favor. Que o Señor se fixe en nós e nos conceda a paz. Veña para nós o teu Reino e a súa xustiza, Señor. Amén.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES