Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xesús Mato Mato

martes, 20 de diciembre de 2005
Chámase Xesús Mato Mato. Tivo a honra de nacer en Paradela, e Paradela ten a honra de telo como fillo. Chámase Xesús Mato e está tolo.

Dito así, soa forte. Pero ten unha moi doada explicación.

Quen pense que nesta vida o máis importante é subir pese a quen pese; quen pense que o material pode co espiritual; quen estime que unha idea non pode estar por riba de calquera realidade, ten sobradas razóns para pensar que Mato está tolo.

Mato está tolo, pero dunha forma especial.
Esta tolo por Paradela, a terra que o veu nacer aló por Cabodevila.
Esta tolo pola Fe, que xa é estar, e por eso dedica a súa vida ós demáis.
Esta tolo pola música, porque entende que esta linguaxe universal é unha conexión segreda que Deus establece cos homes como o mellor A.D.S.L. espiritual.
Está tolo pola xente, porque esta convencido de que todos somos os seus semellantes, e a todos está chamado a servir.

A estas alturas do artigo teño que dicir que “matto”, en italiano, é “tolo”.

Mini e Mero contan sempre aquela anécdota italiana cando nun bar alguén preguntou por Mato... Xesús non puido evitalo e proclamou ben alto: “Mato, sono io...”. A confesión quedou patente, e todos damos fe de que é así.

Mato ten 73 anos pero traballa, vive e pensa como se tivese 37. Construiu vivendas para xente humilde, auspiciou o nacemento de Fuxan os Ventos e A Quenlla, investigou música e cantares dos devanceiros, creou Auxilia para dignifica-la vida dos minusválidos, e milleiros de accións máis.

Na Radio Popular do comezo dos anos setenta, chamabámoslle “Cuore Mato”, pola cercanía verbal entre “Cuore” e “cura”.

Porque Mato é crego. É crego, e eso imprime carácter. Pero en Mato ese carácter é especialmente humano. É un crego feliz traballando nas aldeas da montaña. É un crego feliz falando cos vellos. É un crego feliz coa música, coa cultura, coa xente.

Tendo en conta que Mato está “matto”, pero nunha categoría especial, o pobo de Paradela botou conta dunha vida dedicada ós demáis, e decidiu tomar cartas no asunto.

O goberno do Concello de Paradela, interpretando meridianamente o sentir dos paradelenses, nomeou a Mato “Fillo predilecto de Paradela”, e fíxolle entrega desta distinción en xuño de 2005, nun acto no que nos xuntamos arredor de Mato máis de trescentos amigos.

Falamos dez ou doce pero poderíamos falar os trescentos.

Xantamos en irmandade, houbo actuacións, houbo amizade... E Mato, a botar balóns fóra, dicindo que o mérito foi de seus pais, que o encamiñaron ben; dos seus irmáns, que posibilitaron que estudiara; das xentes de Paradela, desprendidas e garimosas...

O certo é que o 19 de xuño de 2005, Mato entrou na historia da Paradela e Paradela entrou -aínda máis- no tolo corazón de Mato.

Tomade boa nota. Se alguén entra en calquera lugar e pregunta por Mato (Xesús), e Mato responde: “Mato, son eu”. (“Mato, sono io”...), tede ben claro que ese home está tolo.

Tolo do mellor xeito de tolear: Tolo por axudar ós demáis. Tolo de todo, e por todo. ¡Toliño de vez!.

Os seus amigos


(Pola transcrición: Xulio Xiz).
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES