Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando ideas (XIV)

martes, 24 de junio de 2014
¡Qué difícil de coñecer é a xente, polo menos mentres vive! Vén isto a conto porque acabamos de regresar dun funeral, no Tanatorio de Mosteiro, e tan impresionado veño que, nada máis gardar o coche no garaxe, póñome ao ordenador para que non se me esquezan os detalles: Á saída, achegóusenos a señora Luzdivina de Gondel para dicirnos que, se nos interesa, ela pode ocuparse de limparnos a casiña das ”Andoriñas”, de cando en vez. O diálogo foi este:
-Pero ti, non estabas de asistenta, ou de coidadora, algo así, do señor Amador de Luaces?
-Foise; non sei se para o Ceo ou para o inferno, pero o caso é que se foi!
-Oíndote, fasnos pensar que non te deixou de herdeira…
-Deixoume a casa, coas fincas do arredor, pero a tallada grande…, para o Cura!
-Muller, a Igrexa de algo ten que vivir…
-¡Que carajo de Igrexa, pois o capital, case todo, millóns e millóns…!
Atalleina:
-Luzdivina, non esaxeres, que en todo caso serán millóns, pero, de pesetas!
-¿Qué máis dá? O caso é que, a partires de agora, o señor Cura ten poderes para retirar dos Bancos, en cada casoiro que haxa na parroquia de Luaces, sete mil euros, seis mil para os noivos que se casen pola Igrexa, e mil para o Crego. ¡Semellante roubo…!
-A ver, muller, explícate, que da historia do Amador sabemos algo, pero só algo. Como temos présa, que se nos bota a noite enriba, e de noite a autovía, nestes fins de semana, cando non hai néboa hai borrachos, e por veces, as dúas cousas!

En síntese, o que nos referiu foi isto:
Aquel Amador de Luaces quedouse célibe porque amaba os cartos máis que ás mulleres, así que se deu ao xogo para facerse rico, ¡e conseguiuno: un millón de euros, nunha bonoloto! Cando o souberon os da Casa Grande cortaron a auga daqueles prados porque sabían que o pozo do Amador secaba cando retiraban o regadío, así que tomaron precaucións ante o medo que lles entrou de que ese veciño dese en comprar as fincas dos arredores, co cal a Casa Grande pasaría a ser a Pequena, e a do Amador, a Grande, a Nova.
-Muller, iso xa o sabíamos, sigue; ¿qué pasou despois?
-Pois que Amador comprou un daqueles prados, unha parcela da Rega, precisamente a un dos herdeiros da Casa Grande, así que no sucesivo non o puideron privar da auga, pero enseguida parou de comprar fincas dedicándose a facer burradas…
-¿Cóntanos algunha…?
-A primeira xa foi cerrar aquel campiño que había en Subarreiro, detrás da casa das Golfas, que eran tres viúvas que seica recibían visitas nocturnas, así que, ao non ter onde aparcar os autos disimuladamente, aquelas mozas, miñas pobres, tiveron que poñerse a traballar, dedicándose a asistir polas casas, pero nas de lonxe, pois onde as coñecían, as mulleres non as querían cerca dos seus homes. ¡Unha desgraza! Despois diso propúxolle ao Cura, ¡que nin que fosen irmáns!, retirar o cemiterio de xunto da igrexa, e levalo para unha finca súa, a cen metros, co cal agora a xente da parroquia baila encima do que foron covas dos seus entregos. ¡Ah, e non só iso, que moitas familias arruináronse en mármores para os panteóns, pois no novo xa non enterran na terra! ¿Qué é iso de enterrar sen terra, díganmo?
-¿Nada máis?
-¡Máis, máis! Que tamén comprou a taberna, e agora, os pobres rapaces, así coma os viúvos, canto poden facer é ler, libros, periódicos, todo iso, pois o Amador conseguiu que o Concello puxese unha biblioteca no local da taberna…; ¡unha desfeita encima da outra!

A miña dona, que estaba trinando por marcharnos, por fuxir daquela Luz, daquela Luzdivina, que demostraba máis devoción pola de Lucifer que pola divina, cortou en seco, dicíndolle:
-Querida amiga, descúlpanos, que é moi agradable a túa conversa, pero fáisenos de noite…, para conducir! E no da limpeza, mellor non, que ti es demasiado señora como para limpar o noso refuxio. ¡Queda con Deus…!
Non lle dixo máis nada, pero eu, que teño a obriga de coñecela, estou seguro que, polas ganas, houbese completado aquela fórmula: “¡Queda con Deus, que falta che fará a súa asistencia, unha asistencia moral, maldita Asistenta, que ti es capaz de queimar un Santo!”. O dito: ¡Agora coñecemos ben ao Amador, precisamente polo mal que del nos falou unha herdeira insatisfeita!
-.-

A un fotógrafo pode chamárselle artista, pero nunca científico, pois a ciencia pona a súa máquina; un pintor, un escultor, un literato…, eses si que son científicos…, se saben ser, de profesión, retratistas!
Por veces deforman a realidade…; ¡xa, pero é que hai realidades, poño por caso as noxentas, que están mellor deformadas, aínda que, noutros casos, o que fan, ou tentan facer, é engadir encanto, mellorar o que teñan diante.
Anda por aí unha estatística comparativa, ¡todas o son!, que nos desacredita aos españois niso de interpretar a lectura… ¡Xa o teño dito: non pode haber bos lectores tendo malos escritores, malos retratistas! Queda fóra de contexto a arte abstracta… ¡Xa, pero esa é propia de abstractos, de xente que non é xente, quere dicirse, que son semideuses, e por tanto viven noutra realidade, na dos seus sonos! ¿Daquela, son, ou non son? Nin son, nin están…; ¡son extraterrestres, non teñen gravidade, voan e voan, pola estratosfera!
¡Deus, co doada que é a sinceridade, ver as cosas tal e como son, da cor que teñen, chamarlle pan ao pan, e viño ao viño, que de ser tinto é máis san; pero non, que os hai maquilladores que enzoufan a cara, que a branquean, ¡que pretenden facelo!, para que non lles vexamos o interior, sen decatarse de que as caras brancas son as dos defuntos! O propio Xesús, que tiña palabras de vida eterna, expresouse en parábolas, en verbas, en expresións sinxelas, tiradas da realidade circundante, na lingua do seu pobo, na da súa bisbarra, en arameo, obviamente para facerse entender, para que o entendesen…, e aínda así! Se iso lle pasou ao Fillo de Deus, ¿qué non será cos pedantes relambidos! Pois…, que a eses non os entenderá ni o propio Deus, canto máis os seus lectores, os deles e mailos meus, de darse o caso!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES