Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Se os aires son Bos Aires

miércoles, 25 de junio de 2014
Hai moito que veño exteriorizando o meu amor pola Arxentina e, en especial, por Bos Aires. Quizais, por iso, o día de Santos Inocentes do ano pasado moitos amigos do Facebook picaron cando como pulla puxen no meu muro que estaba instalado en Bos Aires e que o luns empezaba a traballar. Aínda que era unha inocentada non nego que me gustaría que fose verdade.

A miña querenza por Bos Aires vén por un recordo e agudizouse cando descubrín a Facundo, sempre inesquecible porque a súa música e a súa palabra é un xeito de vida. Entón xa tiña dous motivos para ir a Bos Aires e aínda hai un terceiro que garda o café Tortoni onde Lorenzo Varela, Luís Seoane, Rafael Alberti, Arturo Cuadrado ou Otero Espasandín falaban das súas incertezas e debuxaban as utopías da liberdade.

Logo veu Ismael Serrano e debuxou aquel Bos Aires en crise agromado no amor e eu seguín indagando na cidade que cada vez máis alimenta os meus desexos de coñecela. Entón, naceu un novo amor, esta vez con música de tango e milonga. Gardel e Atahualpa Yupangui debuxando nostalxias que eu convertera en saudades nun fado de Amalia mais, velaí que o recordo de tango e milonga seguía intacto á luz do fado e seguía voando en cancións de cantautor ata agarrarme da man e separarme dun tumulto de cargas policiais.

Descubrín que para min Bos Aires é ese recordo e que xa teño un aroma nostálxico para a primeira visita.

Máis alá de saudades, quero ir a Bos Aires porque preciso contextualizar parte dos meus soños e recuperar raíces culturais. Preciso seguir o camiño dos nosos mellores intelectuais e tamén pisar a terra de Facundo e cantar nela aquilo de “no soy de aquí ni soy de allᔠou mesmo xuntar amigos e sentir que son parte de outra realidade.

Bos Aires é para min unha patria espiritual a coñecer, unha razón poética que se sitúa no berce da miña utopía para lembrarme que hai moitos anos que teño unha débeda con alguén a quen lle prometín bailar un tango. Por iso, hei de ir a Bos Aires e os aires han de ser Bos Aires porque habemos de cantar.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES