Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cesáreo Sánchez Iglesias

viernes, 20 de junio de 2014
Parlamento das Letras: Cesáreo Sánchez Iglesias


Cesáreo Sánchez Iglesias é todo el cordial verba. Corazón de palabras que alenta pola boca do idioma, que se domea en conversas e silencios, en luces e sombras da nosa terra e das landas outras. Un arcano de símbolos que lembra a bufarda da praza do Campo, os antontes das sacabeiras, os mares da fin da terra e aínda a diamantina árbore dos sete dicires.

Poeta antes nada, tamén capitán de barcos tan imposibles coma ilusionantes que foron semanarios e editoras, asociacións e agrupacións culturais, mesmo sindicatos. Guiador de diplomacias, señor das falas como chaves, a súa traxectoria pública converteuno nunha das voces referenciais do mundo literario galego das últimas décadas.

Os mestres orientais, os helenos da época dourada, a terra máis baldía ou a sombra fugaz do aire na herba son para el compañas amigas, como tamén o son nai Rosalía ou o mindoniense que abrazaba noventa carballos.

Dende as atalaias de Clunia ata os arboredos do Irixo unha intuición de futuro habita un poeta. Cómpre escoitalo.

- ¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Foi da mao de Edicións Celta, en Lugo, hoxe desaparecida, que viu a luz o meu primeiro libro, Silencios e Conversas de Inverno, que en realidade eran en orixe dous libros: “Conversas de Exilio” e “Silencios de Inverno”. O limiar de Manuel María foi quen abriu camiño ao libro. A miña primeira critica, que foi a ese libro, veu da mao de Celso Emilio Ferreiro no suplemento do ABC. Despois chegou Ediciós Castro que tantos camiños iniciou.

- ¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

É difícil verse a si mesmo en relación coa valoración da propia obra. A mellor tratada foi A árvore das sete palavras, que tamén foi, sorprendentemente, dos libros de poemas mais vendidos no momento e finalista do “Premio Nacional” do Ministerio. A que pasou máis desapercibida, en relación ao esforzo persoal en escribila ao longo de moitos anos foi, O paraíso das sombras, que é un poemario denso polos distintos planos que contén para un espazo mítico e, se engadimos a isto a súa extensión e complexidade, supoño que pode dar certa preguiza entrar nel.

- ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Escribir sobre texto en limpo. Traballo a mao os textos e paso as versións a limpo, todas as veces que sexa preciso. Imprimir os textos crea certa distancia con eles. Unha vez que o libro xa está acabado, comeza o traballo do escultor tallando nos poemas até que só fica o que creo é o esencial. Quizais a máis definitoria é que traballo ao longo de moitos anos, de xeito descontinuo e con distinta intensidade, nos poemarios que escribo a un tempo.

- Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Sempre é grato figurar ao pé dos compañeiros e compañeiras de tempo xeracional e, como non, cos que son ou foron nalgún momento da miña existencia persoal mestres indiscutíbeis: Uxío, Manuel María, Bernardino e o grande Antón Avilés, que o foron non só na poesía, tamén na vida. E así, deste xeito, visualizar o relato do devir da nosa historia literaria, no tempo que me tocou vivir. Antón Avilés dicía que co paso do tempo el cambiara de xeración e xa era dos mais novos. Eu, se me permiten elas e eles, xa son da xeración de Olga Novo, de Antía Otero.

- Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

Tentei habitar a poesía con distintas poéticas. Un poeta non ten só unha poética, pois escribir poesía é pensar as emocións musicalmente. Unha delas é o dialogar coa natureza coma ser humano, coa natureza que é antes de ser vivida polo home. Outra é a poética da historia que o home de xeito colectivo, que non anónimo, creou en territorios concretos humanizándoos culturalmente e que así se volveron míticos. A Ribeira Sacra, a Costa da Morte, os Camiños a Compostela. E a poética do amor que atravesa todas. E quizais algunha da que non son consciente, ademais dos poemarios que xeran as miñas viaxes e que son froito dunha aprendizaxe da soidade.

- ¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Acompáñanme os poetas clásicos gregos coma Safo e chineses-xaponeses coma Wang Wei ou Li Po e Bascho. A Divina Comedia. T. S. Eliot. Mais, en cada tempo vital, tiven diferentes lecturas ás que regresar, sempre acrecentándoas: a Pessoa, a Espriu, a Borges, a Valente e, por suposto, a Pimentel e a Cunqueiro, que é coma volver a J. S. Bach. Dalgún xeito Cunqueiro e Bach tiñan o mesmo método de creación.

- ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Creo que lle falta o recoñecemento social do papel que ten na construción da nosa identidade coma pobo, de depositario da alma colectiva, da patria. Creo que ten un grao de normalidade que é superior á normalidade cultural ou social do propio país. A nosa literatura sempre estivo atenta ao devir da historia, en cada tempo de noso. Sobrar sóbranlle os que non as aman, que nos di Bernardino, os que impiden a normalidade do noso idioma e en consecuencia da nosa literatura.

- Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Os poemarios que teñen como fondo as paisaxes humanas e culturais das viaxes que fixen a outras culturas ao longo da vida e das que teño os cadernos de viaxe feitos, en concreto da Ruta da Seda e o de Grecia. Están a sedimentar, a coller o pouso do vivido, agardando que pasen polo filtro do tempo e se volvan memoria soñada. Sempre hai un libro agardando.

- ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Ten a rica tensión creadora de todo momento en crise. A calidade da escrita do noso idioma mellorou moitísimo. Os novos e novas escritoras tan brillantes son o relevo xeracional que xa chegou. Queimáronse etapas necesarias en moi pouco tempo. Todo isto acontece cando a nosa industria editorial está a ser afogada e está baixo mínimos, o noso teatro, que dá a altísima calidade cultural da nosa sociedade, está a ser pouco a pouco extenuado, o noso idioma está a perder a transmisión aos máis nenos.

- Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Como continuación da pregunta anterior, e dígoo desde a convicción, a nosa literatura será máis forte que os que non a aman, e volvo a Bernardino. Unha nación que ten unha cultura milenaria, con raíces tan fondas, sobrevivirá aos que a negan, sobreporémonos a este tempo tan difícil.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES