Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O tempo tamén mata

viernes, 13 de junio de 2014
Acostumamos a dicir que o tempo é o mellor mestre, que ensina polo libro das experiencias. E é difícil negalo. Pero tamén se asaña nos seus discípulos e acaba matándoos a todos. E esta élles unha “verdade indiscutible” na Terra; non está tan claro ao nivel do Universo. Pero...qué diaños é, pois, o tempo?. Como dicía San Agostiño: Sabíao, preguntáronmo, e xa non o sei. Non pregunten, escoiten.

Que ben o coñecía Campoamor!: “El tiempo a todos consuela,/ sólo mi mal acibara,/pues si estoy triste, se para,/ y si soy dichoso, vuela”. É sádico, e, sen embargo, necesario.

Tampouco acaban aquí as súas andanzas, porque é insaciable: converte os erros en verdades e as verdades en erros. E se é así, algún tipo de realidade debe ter; pero só podemos intuíla borrosa.

Resulta sorprendente a nosa dependencia do tempo: Todos o sabemos con tan contundente certeza que sempre estamos pendentes do que nos queda, e tamén de saber ata onde nos da a razón. Isto parece que o tiña moi claro o filósofo Alexandre Kojève, nado en Moscou (1.902), instruído na Alemaña de Karl Jaspers e E.Husserl, especialista en Hegel (que non lles é tampouco moco de pavo!) e falecido en Bruselas (1.968). Escoitémolo.

“Supoñamos que un poeta da Idade Media escribiu nun poema: ´ Neste momento un home sobrevoa o océano.`” Isto sería, sen dúbida, un erro; pero hoxe xa non o é. O tempo encargouse de convertelo nunha verdade. Máis aínda, permitiu que nosoutros, homes e mulleres, lle axudáramos, el que transcorre polo mundo creando e arrasando todo; pero tamén ofrecendo novas posibilidades.

Reparemos, sen embargo, que para prestarlle tal axuda tivemos que facer avións, e, a súa vez, para isto, o home tivo que traballar, porque non pasa nunca sen levar algo nas uñas: O que nos da temos que gañalo.

Ata aquí todo vai bastante ben: axudar a desfacer un erro comporta, polo menos, a satisfacción de acadar un certo éxito. O peor ven cando vivimos, aínda equivocados, no erro, sen poder desaparecer, porque o tempo nin se acabou para nosoutros (por iso manifestámonos tan oufanos e teimudos nel) nin nos ofreceu aínda a posibilidade de desvelar a verdade.

Se transportamos todo o aquí dito a realidade social, tampouco saímos mellor parados con el, porque esa “realidade” constituímola nosoutros mesmos e o erro no seo dela só pode ser desvelado por unha autocrítica que, ao reverter en quen a fai obxecto do seu discurso, carece de obxectividade operativa, e, como din os alemáns (Weltgeschichte ist einzig Weltgerichte= A historia universal é o único tribunal que xulga o Mundo), só cabe esperar que o tempo (agora histórico) ofreza as condicións adecuadas para que o que está conxelado como erro na sociedade se desvele en toda a súa realidade.

Sería moi conveniente que lembráramos que a verdade é máis que unha pura realidade: é unha realidade revelada; pero como é a realidade máis a revelación dela a través dun discurso, na sociedade este proceso devén complexo, polas razóns apuntadas, e non hai ningunha garantía, sen o xuízo correspondente da Historia, no seu tempo, de que os erros poidan ser convertidos en verdades pola acumulación dunha papeleta máis ou menos nunha urna: A democracia non funciona adecuadamente se as vontades non teñen desvelada a realidade, e se a lectura da Historia non ofrece abondosos elementos de xuízo.

O tempo acusa os distintos momentos históricos coas correspondentes modulacións, e, por isto, xa os gregos utilizaban o termo KAIRÓS para referirse ao “momento oportuno”. Polo tanto, cando no proceso histórico ese “kairós” non está revelado como tal, para a posible transformación dos erros en decisións correctas, calquera intento de forzar ao tempo pode levalo a ser un elemento perturbador para a realidade social, como evidencian as lecturas históricas desde unha perspectiva posterior, suficientemente afastada dos acontecementos.

Pero cando a historia ten sinalado o “tempo oportuno” con rexistros fidedignos, tampouco se pode perder, porque o castigo co destempo faise irreversible. E non esquecemos que os ritmos temporais humanos e sociais veñen marcados polas posibilidades que os definen, non polos despropósitos das arritmias humanas que os interrompen ou as apatías que non os seguen.

Así que a nada mellor se pode aplicar a cordura que ó emprego do tempo, que, como di Campoamor, detense para facernos máis longa a anguria; e voa, para reducirnos o sentimento ditoso.

Xustamente por isto, a veces hai que “tomarse tempo”, e outras “aproveitalo”, se non se quere ir a contratempo na vida. Pero adoptar esta precaución esixe un talento específico e un autocontrol que só da a experiencia, se desexamos de verdade evitar as acrobacias dos sentimentos.

O malo é que os acróbatas, como temerarios, soen ser teimosos amantes do perigo, e os apáticos, como preguiceiros e indolentes, só semellan non temelo ...!.

Non sei se vale a pena de reflexionar ata onde España está soportando estas actitudes patolóxicas no político-social, cunha etioloxía de matiz anacrónico: Ben polo arrogante e insensato desprezo do “kairós”, ben pola espera de que el corrixa os erros, confundindo así ás solucións coas oportunidades.

E non o dubiden: o tempo tamén mata, acaba gastando os sentimentos ousados e os cándidos, escórrese sen ruídos, defrauda as nosas esperanzas e ilusións, (...); hai que estar atentos e analizar os períodos de paz!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES