Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Gañou o fracaso

viernes, 06 de junio de 2014
Un pouco a toro pasado e non entrando en detalles, referímonos aquí as derradeiras eleccións europeas.

En debates tales como o de o sexo dos anxos no asedio a Bizancio –citado fai pouco por Xulio Xiz con este mesmo motivo- o peor non é probablemente a inoportunidade das elucubracións -que non deixan de ter certa graza- senón a súa duración. A este paso, pronto teremos tamén entre os políticos a nova figura xurídica do asasino con premeditación e aburrimento.

Pero, a causa de tanto ruído, inda peor que non saber qué elixir é non saber a quén elixir. Moitos ideais, incluso os máis artrósicos, inda poderían soportarse un pouco máis se houbera alguén recoñecible detrás deles. Pero o terrorífico é que no futuro inda se nos podan vir encima máis listas pechadas de descoñecidos patriotas e patriotos feministas e austeros -por aquilo da novidade-
Somos rehenes dunha estraña voracidade política. Igual que no fútbol, case todos os políticos van soamente detrás dun balón baleiro e todos nós, sorprendentemente, vamos tamén detrás deles, peleándonos. E dicir que, pese as aparencias, ninguén vai detrás de nada, nin sequera do fútbol; soamente do gol.

Porque nestas memorables eleccións europeas 2014, a gañadora foi a abstención xeneralizada, con máis do 50% de “votos” a case tódolos niveles e case en todas partes. O resto da xente non fixo máis que perder.

Calquera outra sofisticada versión escurece un pouco esta verdade non soamente contundente senón apremiante. Porque algúns capitáns están abandonando xa o barco o máis dignamente que poden e moitos grumetes apréstanse xa a sustituílos sen más aparellos que os que hai. Novas políticas non van a arranxar o asunto. Nunca mellor dito aquilo de “morderse a cola” (de non dar saído nunca antagonicamente do antagonismo). Cando os políticos parece que van a renovarse, a discordia fai con eles o que a mala vida de Dorian Grey facía co seu retrato: envellecelo ata un apuñalamento final que rexuvenéceo, si, pero a costa da súa propia vida.

Esta abundante e contundente noticia, que, coma sempre non acaba de aparecer así por ningunha parte, vai tendo xa cada vez máis esa estraña tozudez das grandes leis naturais. O que agora empezamos a chamar un pouco o desgairo partido abstencionista, é o estrea sen bautizo dun nome probabelmente inevitable. Pero se por outra parte estes porcentaxes non significaran a vitoria do fracaso, a base mesma do sistema electoral estaría mal; é dicir, a democracia aritmética estaría mal.

Nin a penicilina nin a Lei da Gravitación Universal nin a Teoría da Evolución foron decididas por maioría. E o berro ¡auga ás cordas! do mariñeiro ligur aquel que, saído dunha multitude enmudecida baixo pena de morte, conseguía enderezar finalmente o obelisco da Praza de San Pedro, non se pode tomar precisamente como unha alegoría da eficacia colectiva. Foi soamente consecuencia dunha individualidade que, pese ó silencio e a represión, inda se atreveu a dicir que o cáñamo encolle coa auga.

A este respecto hai un tópico antagonismo entre democracia* e o individualismo –en certo modo entre a opinión e a reflexión, entre o Home e o home- que a escasa preparación dos políticos nunca poderá resolver. Pero ademais hai intereses: igual que a cabra tira ó monte, ningún pasto mellor que a política para corruptos e mandóns.

Nestas complicadas condicións, á parte dunha boa vixilancia e dos obvios recortes de salario, autoridade e prominencia, parece que o máis conveniente -o que verdadeiramente está pedindo Europa a tódolos niveis de agregación- sería plantearse a idea de gobernar sen políticos*.

Non escandalizarse. Igual que precipitadamente sucedeu coa física cuántica, a cosmoloxía, a bioloxía molecular, os antibióticos, os viaxes espaciais, a informática e tantas outras cousas, seguro que nalgún sitio hai xa uns poucos, moi poucos, que de paso que van pra Marte están preparando xa este salto. Porque seguro que foi así, a saltos, coma o home primitivo chegou ata nós.

Non lle recomendo en cambio ós neófitos ningún outro tipo de transporte.

Pero -coma tamén recomendaba Xulio Xiz- eu fun finalmente a votar coa nariz ben tapada.

_____________
*Pese a súa complexidade etimolóxica e histórica, coidamos que unha fiel, sinxela e actualizada significación da palabra democracia podería ser goberno dos gobernados. Falta agora unha igualmente fiel, sinxela, actualizada e, se se me permite, compatible definición de político.
Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES