Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fai o hábito ó monxe...?

viernes, 06 de junio de 2014
É un tópico que “o hábito non fai ó monxe”. Eu, sen embargo, xa non estou tan seguro que sexa así. Non tiña ningunha razón para dubidalo, pero sempre se mete o diaño polo medio e arma das súas. Élles que os que temos o vicio de ler algo, tamén temos a posibilidade de encontrarnos cun SI e cun NON do mesmo, non só con iso que tanto se oe agora, en forma disxuntiva, en persoas moi ilustradas: SI ou SI, para expresarse en forma teimosa ou testalán.

Pero permítanme que diga algo do HÁBITO, que é un termo bastante equívoco. En latín tradúcese por HABITUS e Aristóteles dedicoulle un especial interese, interpretándoo como unha categoría cosmolóxica: estarei no campo (situs) e terei esta vestimenta (habitus); pero tamén se entendeu como unha calidade: Este mesmo filósofo aplícao ó home que pose algún saber ou ten algunha virtude.

Hai algo que tampouco sobra que o lembremos: o “hábito” remite a unha posesión permanente, mentres a simple “disposición” ven a ser algo transitorio. O “hábito” tamén é un estilo, unha maneira de facer as cousas e de expresarse. Evidentemente, pode ser bo ou malo. A este San Agostiño dicía que había que resistilo, senón convértese nunha necesidade.

Só facemos este breve apunte para que o lector vexa que non se trata dun termo de escasa importancia, sobre todo inducido polo significado que se lle da á roupa ou ó traxe que visten algunhas persoas para diferenciar a súas funcións sociais.

Pero se nos referimos aos relixiosos, hai que recordar que os apóstolos e os primeiros cristiáns xa vestían unha TÚNICA á semellanza de Xesús. Ademais da túnica utilizaban o PALIO, un manto que se poñía sobre a túnica e era considerado como un vestido humilde, porque no debían estes cristiáns exhibir luxo e suntuosidade, máis ben modestia e mortificación. Parece que os Padres da Igrexa non aconsellaban que eses vestidos estiveran cubertos de flores, nin con bordados de ouro ou prata para diferencialos dos actores e dos iniciados aos misterios de Baco.
O clero en xeral, as dignidades eclesiásticas e as ordes relixiosas teñen as súas vestimentas diferenciadas; pero na sociedade civil existen así mesmo diferenzas, como é o caso de militares, xuíces, maxistrados e incluso os profesionais que ostentan representacións ou defensas nos tribunais. E tampouco hai que descartar as modas predominantes, nin o que os “desfasados” chamamos extravagancias impulsadas por uns atavismos que, hoxe en día, resultan aberrantes, e non utilizo o termo en sentido pexorativo, senón etimolóxico: AB-ERRARE= desviarse do...habitual, que xa é gana de armala.

Non obstante, na mesma Igrexa ven observándose un abandono masivo do uso dos hábitos. Supón isto un relaxamento nas obrigas e comportamentos das persoas afectadas?. No me considero capacitado para contestar despois de haber obtido a seguinte información.

Leo en “Tendencias21” (unha revista dixital), sección de Sociais, un apunte cuxo epígrafe di literalmente: “A roupa que levamos cambia a nosa maneira de pensar”. Corresponde a Universidade de Hertfordshire (Inglaterra). Nela a investigadora Karen Pine asegura que a roupa que levamos non só cambia a nosa maneira de pensar, senón tamén a de percibirnos a nosoutros mesmos, porque afecta aos nosos procesos mentais e percepcións.

Esta profesora pídelles aos estudantes que se poñan unha camiseta de Superman, para saber se esta roupa “heroica” cambia o pensamento deles e, segundo parece, descobre que mellora a impresión que teñen de si mesmos. Os resultados das súas investigacións recólleos no libro que titula MIND WHAT YOU WEAR: THE PSYCHOLOGY OF FASHION (“Pensa en como te vistes: A psicoloxía da moda”), Kindle, 2.014.

O apunte que manexamos ofrece unha nota de prensa do Departamento de Psicoloxía desa Universidade, na que K. Pine afirma o seguinte: “Cando levan unha camiseta de Superman, os estudantes cualifícanse a si mesmos como máis agradables e superiores a outros estudantes. Cando se lles pregunta canto podías levantar fisicamente, os que levan unha camiseta de Superman considéranse máis fortes que os estudantes cunha camiseta sen debuxo, ou coa súa propia roupa”.

Di o apunte que a profesora K. Pine afirma que as mulleres que fixeron un exame de matemáticas tiveron peores resultados cando levaban un traxe de baño que cando levaban un xersei. Parece que tamén unha bata branca mellora a axilidade mental das persoas, xa que o cerebro está preparado para asumir as capacidades mentais que se asocian con ser médico.

Se o libro non recollera trivialidades, e eu xa non lles estou seguro, podería ser considerado como unha análise verdadeiramente fascinante de como o que levamos posto ten consecuencias cognitivas, porque... que as ten sociais e emocionais parece que é algo que todos intuíamos.

O que me custa moito crer é que teñamos que afanar ás mulleres para que usen menos roupa, porque, segundo esta investigadora, as que están “estresadas” deixan de usar o 90%! do armario. Máis aínda, os homes celosos poden estar contentos, porque as mulleres que se visten de gala non o fan para resultar atractivas, senón para sentirse seguras.

Resulta, amigos/as lectores/as, que non só somos o que vestimos, senón que tamén nos convertemos no que levamos posto. Pois anda que non estamos apañados coa extravagancia reinante!.
Miren por onde meu pai tiña razón: O benquerido meu pai padeceu moitos anos a terrible enfermidade de Alzheimer. Un día estábamos tomando café na casa co cura da parroquia, que viña a visitalo moitas veces. Soou o timbre e encontrámonos na porta co profesor de Relixión do instituto onde eu era profesor de Filosofía. (Este sacerdote levou a sotana moito tempo, pero o noso párroco vestía de paisano). Tan pronto saudou, o meu pai pediu que lle puxeran café. Pero o cura da nosa parroquia, que sempre estaba de broma con el, díxolle:

--Moi ben..., vostede invita a este señor, que non coñece de nada, con moito entusiasmo, a tomar café; pero a min..., que veño a velo moitas veces, nunca me invitou!.

Meu pai quedouse mirando para el con eses ollos que poñen, ás veces, os enfermos de Alzheimer, e retrucoulle, ante o meu temor de que dixera algo inconveniente, cun sosegado sorriso un tanto malicioso, así:

--Póñase a sotana e verá como o respecto.

A anécdota deu moito de si, porque ese meu compañeiro, hoxe tamén moi recordado, sempre dicía no Instituto que meu pai lle parecera o máis asisado da casa.

Xa mo daba a min á alma que o monxe ía ter que volver ao hábito!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES