Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Letras Galegas en Vigo

viernes, 06 de junio de 2014
No mediodía do último 17 de maio, Día das Letras Galegas, participei con outros grupos de persoas, bandeiras, gaitas e pandeiros na multicolor riada humana que baixaba da Vía Norte de Vigo ata o seu relanzo pacífico, mais fervente de proclamas e paixóns patrióticas, onda o Marco.

No axeitado marco deste grandioso Marco vigués, fermosa construción de granito e arte, non deixou de resoar ó final, señorial e reivindicativo, o pondaliano himno galego. Convocábanos nun día tan sinalado para todos a meritoria plataforma “Queremos galego”. A moitos, coma a min, seguramente lles interpelaría na mente e no peito un dos imperativos que alí presidían e que tiña como lema “Non mordas a túa lingua”. Porque parece que si, que hai xente que é capaz efectivamente de se morder a súa propia lingua.

Nada habería que ter en contra de lembranzas festivas coma esta. Aínda que tan só fose para honrar unha vez ó ano a unha muller excepcional, Rosalía, e a algún sobresaínte escritor na lingua do país. Porque, claro, este país é Galicia, onde a súa propia lingua falada ou escrita anda case ás agachadas, como pedindo desculpas, resistindo.

A lingua castelá non precisa, en troques, reservarse ningún día ó ano para lembrarlles ós seus falantes que está aí, sa e lustrosa.

En realidade, o castelán está de festa tódolos días do ano. Por iso o mellor que poderiamos desexar os galegos é que chegase un feliz día no que este recordo festivo non precisase xa de máis liturxias anuais. Sería o anceiado sinal de a propia lingua ter acadado a súa instalación normal, tranquila e segura no país. Mais son desgraciadamente moitos e sutís os atrancos que a ameazan na súa mesma supervivencia. Nas actuais circunstancias, a cantos din que aman e aprecian o galego e que lles gustaría que algún día non houbese xa necesidade de celebrar este Día das Letras Galegas non lles queda outra opción coherente máis que falalo (e escribilo) sempre, en toda ocasión, ante príncipes e plebeos, ante adictos a desafectos, con amigos e con estraños.

Os galegos levamos demasiado tempo ocupados en “mordérmonos a lingua”, quero dicir en amosarnos corteses, condescendentes, submisos con cantos veñen cara a nós con aires máis ou menos encubertos de superioridade falándonos noutra lingua.

É curiosa e digna de estudo esa actitude pola que con tan notábel axilidade nos pasamos como saltimbanquis, e por pouco que a dominemos, á lingua non galega do noso interlocutor. Costume seguramente adquirida con sufrimento e paciencia ó longo de séculos de vergonzosa dependencia lingüística. Non estaría mal vacinarse dunha vez e para sempre contra esa oculta e daniña doenza.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES