Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Soedades entre millóns de persoas (II)

jueves, 05 de junio de 2014
Soedade da Cibeles en Madrid

Despois dun soño angustioso do que daba conta na miña colaboración da semana pasada e que resumiría en que de súpeto me vira caído nun pozo en plena Gran Vía de Madrid sen que ninguén me axudase a saír del, sigo con esta segunda parte relacionada con aquel soño.

Por medo a que se repetise o atafegante pesadelo, trataba de durmir pouco e algunhas noites, despois de durmir dúas ou tres horas, erguíame e baixaba andando ata a Praza da Cibeles.
As primeiras veces chegaba a esta praza e sen parar volvía a dar a volta para poder durmir outro pouco, pero non tardei en reparar no carro en que está sentada a Cibeles, porque me traía lembranzas dos carros da miña infancia na miña terra galega.

Con certo temor sagrado e reverencial funme achegando á estatua da deusa para poder sentirme más próximo ó carriño. E, cal non sería a miña sorpresa cando unha vez escoitei:
-Se queres, podes subir e sentarte a carón de min aquí no meu carro.

Pensei que era outro soño ou unha alucinación ata que un medio borracho me dixo na mesma miña propia fala:
-Non ves que están falando contigo? Responde, ou non tés educación?

Entón preguntei:
- É por min, señora?
Respondeume:
-Si. A ti me dirixía, pois veño observando que non apartas os ollos do meu carro. Podes subir. - É que lles teño medo ós leóns. Non me engulirán? –Preguntei.

Seguiu ela:
-Non; que están aletargados pola contaminación ambiental.

Subín sen deixar de aloumiñar ás feras que non me fixeron ningún caso e a Deusa recolleu con moito xeito o seu manto e fíxome sitio cabo dela. Desde que tomei asento, preguntoume cordial e agarimosa:
-Que che pasa? Véxote moi ensumido en ti. Sénteste só ou inadaptado?

Medio sorprendido confeseille que si. E sorprendido de todo escoiteille:
-Compréndote, porque eu tamén son unha inadaptada. Dime, que pinta unha deusa da fertilidade e da agricultura chantada no asfalto? Cal é o meu papel aquí onde os nativos xa non distinguen unha vaca dun cabalo nin viron xermolar endexamais unha semente? Lévame contigo para a túa terra húmida, fértil e preñada de esperanzas.

Co máximo respecto desculpeime:
-Como vou levala comigo, señora? Non ve que, se desaparecese desta súa Praza na Capital de España, cabrearíanse os de Madrid e, cando os de Madrid se poñen de mal xenio, temos que botarnos a tremer os de Fisterra?

Ela, en son tristeiro, retrucou:
-Votaríanme máis en falta os turistas ca os de aquí mesmo. Están tan afeitos a terme que xa se esqueceron de que me teñen. Pasa a miúdo, sabes? Anda, lévame contigo para onde poida seguir protexendo a agricultura e a fertilidade.

Por medo non cumprín o seus desexos, pero cada vez que volvín a Madrid fun facerlle unha visita. Ela nunca me botou en cara a miña covardía. Sempre que tiven ocasión mandeille moitos recordos e aínda un destes días preguntoulle de parte miña un amigo común se seguía sentíndose soa entre os milleiros de persoas que se xuntaron arredor dela para celebrar a gran festa do trunfo do Real Madrid.

Polo que o amigo me dixo ela só contestou:
-Menos mal que a festa se saldou só con 233 feridos e que desta vez non resultei ferida tamén eu.

Teño pensado que, se cadra, aínda sufría máis aquí vendo arder os nosos montes e ficar estériles e infértiles moitas das nosas terras.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES