Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Querido Señor Don Preso

martes, 03 de junio de 2014
Estes días andamos de Primeiras Comuñóns. E volvín a pensar en Bruno. A cousa pasou así: Era polo Nadal. Domingo 15 de decembro. 2013. Evanxeo: Xoán Bautista, no cárcere. Na Misa parroquial faleilles da inmensa soidade que senten e sofren tantos irmáns nosos. Puxen varios exemplos: Anciáns, enfermos, presos, familias, as vítimas, os que están de loitos, os enfermos mentais, os coidadores, etc.

Propúxenlles algunha das formas de achegarnos aos irmáns que sofren soidade, como poden ser: visitalos, chamalos polo telefone, unha mensaxe, un correo electrónico, algún relevo. E unha forma excelente pode ser unha tarxeta de Nadal ou unha carta que a podes ler cantas veces queiras. Agora que xa case non escribimos cartas!

Bruno, oito anos, levanta a man:

–Xaquín, e eu podo mandarlle unha tarxeta a un preso? A un deses africanos que os deteñen porque lles falta algún documento
Certamente, Bruno. Sempre co coñecemento dos teus pais.

Ao domingo seguinte, 22 de decembro, chega Bruno, antes misa, cun sobre en branco, un selo de correos, precioso e sen pegar, e unha tarxeta de Nadal escrita por el.
O texto, en lingua galega, dicía así:

“Qerido Señor Don Preso. Como vostede está lonxe da súa familia eu quero dicirlle que na misa de Mandiá-Ferrol rezamos por vostede e que lle queremos moito e que teña un Bo Nadal. Tamén para a súa familia. O seu amigo, Bruno”.

–Olla!, equivoqueime. Fáltame o “u” de querido. Non me gusta facer chatas. Terei que comprar outra tarxeta?
–Non. Déixao así. Xa llo explico eu.
–E o de “querido señor don Preso”, é que non che preguntei o nome. Pero eu sei á persoa a quen lla mando. ?
–Iso é o que importa, Bruno. A persoa. Oxalá todos soubésemos, coma ti, respectar á persoa.
De onde che veu a idea?
–Ti na misa sempre rezas e nos falas dos pobres, dos enfermos e dos presos. E Xesús tamén o facía. O dos enfermos enténdoo. O dos presos véxoo polo noso canario. Anda libre pola casa. Pero ás veces metémolo na gaiola e non lle gusta. Ponse algo triste. O que non entendo tanto é o das vítimas. E o dos africanos véxoos na T.V. Maltrátanos e non estou de acordo.

Eu, que visito o cárcere cada semana, aprendín de Bruno algo moi importante: “Se non vos fixerdes coma nenos non entraredes no Reino dos Ceos? (Mt. 18, 3).

A tarxeta de Bruno percorreu todo o Módulo 7 de Teixeiro e estivo no Nacemento que fixeron os internos. Hoxe pendura na cela de Wandhou na espera e na esperanza de que ambos cheguen á liberdade e a el non o deporten a Senegal.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES