Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A peito descuberto (I)

miércoles, 28 de mayo de 2014
Hai pouco conseguín o libro de Yago Rodríguez Yáñez “A peito descuberto” que analiza e publica a obra poética de Fiz Vergara Vilariño, a quen compre lembrar que se lle debe a homenaxe das letras galegas dende hai tempo. O minucioso traballo de Yago vén demostrar varios feitos respecto ao carácter loitador e ao mesmo tempo creativo do poeta. Demostra que Fiz asumiu dende a súa situación unha misión vital que tiña a poesía como medio de desenvolvemento; pero, a poesía era un medio a construír e Fiz sabíao; por iso, tamén, asumiu o reto de perfeccionar a súa lira día a día. Para Fiz, ser poeta foi un traballo que desenvolveu ata a súa noite pero, tamén, unha válvula de escape vital que transformaba en arte a beleza e os límites da paisaxe na que viviu.

Seguindo a Yago Rodríguez, todo empeza co socialrealismo do poemario “Pra vós” en 1971, onde Fiz verte os seus propios desacougos persoais e sociais dende a paisaxe e a xente coa que convive día a día. En “Pra vós” collen as tradicións, a paisaxe e as persoas, todo para acabar en si mesmo sen esquecer nunca ás persoas da historia e a intrahistoria que lle tocou vivir.

Posteriormente, Fiz atópase co pesimismo dentro dunha realidade vital a que non lle queda máis remedio que adaptarse para seguir vivindo. En poemas breves fálanos de dor, de soidade, de anguria, dunha sociedade chea de marxes, persoas que non atopan o seu lugar na vida entre as que, quizais, se inclúe Fiz; pero entre toda esta tempestade, atopamos a luz do poema “Hai que vivir” onde o poeta asume o reto.

Pouco a pouco, Yago vai degrañando as evolucións poéticas do autor que se perciben en cada nova publicación e que marcan tres etapas ben diferenciadas; pero, Yago, tamén nos debuxa un Fiz profundamente comprometido coa súa realidade. Un home que loita porque no colexio de Lóuzara haxa unha biblioteca en galego cos títulos máis destacados que inclúan as publicacións imprescindibles que se estaban a producir naqueles anos 70. Ao mesmo tempo, Fiz mantén unha estreita relación coa asociación Auxilia que daquela desenvolvía unha loita pola integración das persoas con diversidade funcional.

Yago Rodríguez conxuga moi ben análise da obra coa análise da ideoloxía e a traxectoria vital; e, isto, no caso de Fiz resulta esencial xa que non se pode ler a Fiz sen saber que estamos ante un home comprometido que asumiu o reto dos lindes físicos rachándose en creatividade intelectual e poñendo o seu grao de area nas loitas que lle foron contemporáneas.

Semella claro que Fiz viviu “A peito descuberto” e que o seu exemplo foi tamén o seu refuxio vital. O seu exemplo é a súa poesía, a súa loita por perfeccionala e a liberdade que desprende en cada verso aínda cando se encadea no propio laio.

Como dixo Xulio Xiz, Yago Rodríguez foi quen de facerlle xustiza agasallándonos cun libro no que podemos gozar permanentemente do pensamento dun home que, definitivamente, soubo vivir, soubo amar, soubo sufrir e sóubonos legar en cada verso o seu mundo de emocións.

Parabéns, querido Yago, seguiremos percorrendo Lóuzara en cada poema para atopar sempre no camiño a Fiz, xa libre bebendo a frescura das augas ledas da Fonte da Cova.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES