Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A desigualdade humana

lunes, 26 de mayo de 2014
Hai unha preocupación crecente polo aumento da desigualdade humana en todo o mundo. Non se trata só da obscena distancia entre o mundo rico e o Terceiro Mundo: Sami Naïr (no seu libro “E virán as migraciones en tempos hostís”) afirma que a imparable inmigración débese á brutal desigualdade entre o Norte e o Sur; mais agora trátase de que nas sociedades occidentais medra unha terrible brecha, de forma que os moi ricos son cada vez ricos, mentres que unha enorme franxa da Humanidade cae cada vez máis aos límites da pobreza. Paul Krugman afirma nun artigo que a porcentaxe de riqueza do 0.1% con máis ingresos de EEUU volveu aos niveis da idade dourada de finais do século XIX.

Zygmunt Bauman (no seu libro “A riqueza duns poucos beneficianos a todos?”) estima que nas últimas décadas a distancia entre países desenvolvidos e o resto do mundo tende a diminuír, mentres que no interior das sociedades ricas as desigualdades estanse disparando. Sinala o drama da “intelixencia sen futuro, sobrante”, pois esta vai ser a primeira xeración que non vai superar o nivel de benestar dos seus pais senón que vai retroceder. E tamén recorda que a felicidade non se mide pola riqueza total acumulada senón pola súa distribución: “nunha sociedade desigual hai máis suicidios, máis depresión, máis criminalidade, máis medo”.

Thomas Piketty publicou o pasado outono en Francia unha obra que provocou un intenso dabate. En “O capital no século XXI”, con preto de mil páxinas, repasa, desde unha óptica política e histórica algunhas cuestións esenciais da nosa época. Afirma que a crecente desigualdade arbitraria pon en cuestión os fundamentos da democracia, os seus datos describen un capitalismo patrimonial herdado (contra o mito da meritocracia e o emprendemento, que sostén que as grandes fortunas gáñanse e merécense), e propugna unha esixente regulación pública para frear a desigualdade e favorecer a cohesión social e a equidade. Krugman comentou o libro de forma elogiosa. Recorda que as sociedades occidentais anteriores ao I Guerra Mundial estaban dominadas por unha oligarquía coa riqueza herdada, e “este libro reflicte que estamos en plena volta cara a ese estado de cousas”. O autor chega a unha conclusión pesimista sobre o futuro do capitalismo: veremos un futuro con crecemento reducido, dominado por unha clase de “rentistas” hereditarios, como os que figuran nas novelas de Balzac.

Piketty demanda unha fiscalidade progresiva como medio de limitar a concentración da riqueza. Pero nesta cuestión Vicenç Navarro (1) móstrase máis crítico coa súa proposta. Afirma que a redución das desigualdades “necesita non só a baixada do alto, senón tamén a subida do baixo. É dicir, non só é preciso gravar o capital (e as rendas superiores, detalle que Piketty apenas cita) e ata o control público deste capital (que tampouco cita), mediante a nacionalización ou regulación, senón tamén o incremento das rendas do traballo, algo que Thomas Piketty tampouco toca”.

Recorda ademais que na base desta crise está o conflito capital-traballo e o capital estivo dominando nesta loita provocando a actual recesión. Pois ben, “a solución pasa por revertir esta loita de maneira que os que agora gañan perdan e os que agora perden gañen”.

O mundo que vén ameaza con ser máis desigual, inxusto e cruel. Este debate sobre a desigualdade que se produce en círculos intelectuais ten que chegar á xente e á politica. Hai que evitar un futuro dominado polas élites económicas e co resto da poboación ao bordo da miseria. Non podemos aceptar un mundo con balados para separar o luxo obceno da pobreza. Mentres os gobernantes e os banqueiros (Botín) celebran a suposta recuperación económica, nos barrios vemos, todos os días, á xente desesperada que xa non pode comprar as súas medicinas.

Para evitar este futuro indesexable temos que botalos. Temos que conseguir que os voitres do capitalismo e os seus cómplices da política non se queden con todo. Porque os actuais mandatarios téñeno claro: na súa ideoloxía supremacista o mundo divídese en ricos e pobres, señores e servos, e o destino xa está marcado “no código xenético”. Así o afirmou Rajoy (2) nun artigo publicado en 1982, cando era un cachorro da política e xa sabía ben o que quería.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/



(1).- http://www.vnavarro.org/?p=10830
(2).- http://pablovaamonde.blogspot.com.es/2012/07/rajoy-e-desigualdade.html
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES