Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Adolfo Lozano

viernes, 23 de mayo de 2014
Un adeus garimoso para o amigo Adolfo Lozano Bravo


Non é doado escribir unhas liñas recordatarias sobre unha persoafalecida cando hai moi pouquiño estiveches con ela diante dun micrófono e logo gozando dunha saborosa pizza en Villa Luro. Estou moi triste. Dóeme que se fose camiño do alén o prezado amigo Adolfo J. Lozano Bravo. Adolfo LozanoCoñecino en Montevideo -hai agora 35 anos- cando veu xunto con Graciela Pereira para participar na celebración do centenario do Centro Galego. Alí proxectou un fermoso audiovisual con fotos súas no que Galicia estoupaba de beleza. A voz de Graciela púxolle sentimento as imaxes dun porteño que viña de coñecer a aldea paterna de Santalla de Dumpín en Castro de Rei.

O ingreso de Adolfo na colectividade fíxose da man de don Rodolfo Prada Chamocín despois de ir falar a un acto na escola onde estudou Adolfo. Logo da charla foi saudar ao gran galeguista -albacea testamentario de Castelao- para informarlle de que seu pai nacera na Terra Chá lucense. O sempre garimoso don Rodolfo convidouno para visitar o Instituto Arxentino de Cultura Galega no que estivo moitos anos empurrando pola difusión da cultura galega en estreita relación co gran directivo Segundo Pampillón.

Logo de sufrir moito polo desprezo feito ao seu mestre Bieito Cupeiro; deixa o Instituto e comeza a colaborar no Centro Galicia sendo a alma e o motor das primeiras viaxes de alumnos a Galicia. Aquelas históricas visitas -en tempos de Amarelo de Castro en Emigración- foron unha experiencia inesquecible para os participantes que se incorporaron ao esforzo solidario para manter viva a cultura dos avós en Bos Aires.

O seu bo facer foi quen de conseguir que o rector da Universidade de Belgrano, Avelino Porto, autorizase a creación dun Centro de Estudos Galegos na máis importante universidade privada da Arxentina. Agora mesmo ademais de en Belgrano impartía cursos de cultura galega en Avellaneda [Centro Galego] e na Prata [Centro Galego]. Sen esquecer o seu programa de radio no que poñía cartos xa que non chegaba cos anuncios. Fixo presentacións do seu audiovisual por infinidade de cidades do interior arxentino sen cobrar nunca nada. Adolfo era feliz cando algún fillo de emigrantes se achegaba a comentarlle sobre as orixes. Dicía que non hai mellor pagamento que aquel que sae do corazón dun descendente que decide unirse ao verde espazo atlántico onde naceron os devanceiros.

O meu amigo era un bo coñecedor do mundo do tango. Teño moito material gráfico que me facilitou e tamén gravacións, entre elas, a serie editada por “Clarín” titulada Tango de Colección. Lozano sabía da teoría e da práctica tangueira porque cantaba e bailaba estupendamente. En Vimianzo ten un grupo de amigos que non esquecen cando de percorrido polas terras bretoas nos alegraba os longos desprazamentos na busca dos máis significativos monumentos megalíticos. Lozano deixa boa semente por toda a xeografía galega. Desde os Ancares e ata O Rosal non hai parroquia onde non recorden cando aquel profesor arxentino se achegou para quitar unha foto e beber un viño na taberna.

Cando poida verei de cumprir un desexo seu que non se puido concretar. Adolfo propúxome a impartición dun curso especial sobre a presencia dos galegos no tango. Tería lugar no Centro Galego de Avellaneda os sábados pola tarde. Dicía que sería un éxito e que o presidente Juan Rodríguez estaría moi compracido coa iniciativa xa que hai asociados que me coñecen e outros que leron o meu libro A emigración galega no tango riopratense. O proxecto incluía a entrega de diplomas de asistencia nunha cerimonia de peche onde cantaría Virginia Alarcia. O meu nobre amigo sentíase moi orgulloso de que a súa sobriña Virginia gravase “Tango sentido”, un disco de calidade no que inclúe “Adiós mi barrio” do baionés Vítor Soliño e “Corazón al sur” da gayega Eladia Blázquez. Adeus Adolfo e que teñas unha boa viaxe!.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES