Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando Ideas (IX)

martes, 20 de mayo de 2014
O meu Credo, o pequerrechiño. Xa teño comentado, por extenso, o motivo daquela deserción de Herbón… ¡Mea culpa, non, que o foi pola daquela institución dos morgados…; ¿qué culpa tiña niso de ser o primeiro dos fillos, pero ata sería mellor así pois é preferible un bo segrar que un mal presbítero; o que me falta por saber, que iso dirao Deus, é se tal son! Non son Cura nin Frade, pero aínda así teño un Breviario, meu, persoal, pero transmisible, que non o cedo pero si o comparto, e para iso, encantado!
Ao meu criterio non cabe, non pode haber, unha síntese máis concreta; nin máis concreta nin máis elocuente: Con Deus me deito e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra, nesta cama e sempre, co seu manto; e ti, Señor, dáme penitencia en vida, e na morte salvación, que se morro esta noite me sirva de confesión. ¡Amén!
¿Qué, merece pasar a censura eclesiástica? ¡Nese caso, aquí a tedes, que é doada de aprender; débolla a miña avoa e madriña, que ma recitou apenas comecei a falar, e nin así se me esqueceu, a Deus grazas; a Deus, pero tamén a ella!
Espallando Ideas (IX)
Así eran as avoíñas, particularmente aquelas que naceron no século XIX: Engurradiñas de tanto carrexar feixes; sempre, ou case sempre, de loito; en zocas, ata para ir á misa; con un pano na cabeza para disimula-las canas; e cos dentes na emigración, ademais da metade dos seus fillos; en definitiva, mártires, dobremente santas!
Esta Santa, esta Tridentina, foi a que me ensinou a rezar, maiormente ela, pois os proxenitores abondo tiñan con arar as leiras, e sacha-lo horto, e amasar o noso pan de cada día; así, a avoa pedíao no Nosopai, e os pais cocían a fornada. ¡Ciclo redondo!
-.-

¡Que distinta se ve a vida segundo vai correndo, ¡correndo, non, voando!, a idade! Por algo di a miña dona que se debe poñer a data detrás das fotos: Así sabemos cómo era o mundo, ese retallo retido, conservado, na cámara, pola cámara, nunha data concreta. Tamén pode contarse, referirse, utilizando o espello retroactivo da memoria, pero non é igual; iso á parte e ademais de que certas cousas non son cribles referidas ao lonxe, con outra mentalidade, con outra perspectiva.
¡Deus, qué sabio fuches dotando aos nenos desa inocencia tan ampla e tan profunda, pois, grazas á mesma, gozan da súa afouteza invencible, que lles permite enfrontarse ás sucesivas aventuras do seu axitado vivir sen caer na tentación de acovardarse, de evaporarse, de anularse ante tantos e tantos problemas inicialmente insospeitados! É un milagre, non si? ¡Un auténtico milagre! Por iso, cando na senectude volvemos a vista atrás, tanto os de vida complexa como os de vida normal, vulgar, a pouco que lembremos non podemos menos que asombrarnos de nós mesmos, da nosa capacidade de aguante, do noso esforzo de superación: ¿Todo isto que me pasou, todo o que fixen, sumado coas que me fixeron, aquel neno…; ¡si, aquel neno!; sería certo? ¿Fun capaz de seguir batallando, día a día, ano tras ano, con forzas tan limitadas? ¡Claro que si, pois Deus, xunto coa debilidade dimanada daquel pecado orixinal que nos transmutou, transmitido na propia xeración, coa propia xeración, deunos a afouteza necesaria; deunos esta cruz, pero tamén nos puxo un bo cireneo, un Cireneo omnipotente, El mesmo, co seu providencial, sempiterno, amor!
Afouteza… ¡A suficiente; pero medida, comedida, premeditada, calculadas as consecuencias, polo menos ata onde alcancen os nosos saberes! Este mundo non é para covardes, pero, pola contra, no outro extremo, qué atopan os ofuscados, os avarentos, os temerarios? ¡As portas do inferno, que tamén se abren empuxando, empurrando cos ollos pechos, cos ollos da intelixencia apagados…, porque así non distinguimos, e daquela erramos a dirección! Só lembro unha cousa, un adaxio dos de meu avó, co que non estou conforme: el dicía, porque o oíra dicir e non porque o pensara, que, referido ao poder das vacas co carro, “Fai un esforzo, Marela, que desde que subamos baixaremos, e costa abaixo tódolos santos axudan!”. Non, avoíño, que niso, ti, o gran pensador que eras, niso no te detiveches: ¡costa abaixo é o diabro o que axuda, e costa arriba son os anxos, os outros, os bos!
¿O diabro? ¡Pois claro, o diabro, emperrado en levarnos para abaixo, que sempre se dixo, sempre situamos, o Ceo arriba e o inferno abaixo, aló abaixo, nese abismo das tebras! Partindo desta premisa o que temos que facer cando a vida nos resulte demasiado costuda, costuda e custuda para as nosas forzas, é pedir axuda, pero a Deus, que na súa bondade infinita xa El se encargará de ordenarlles aos anxos, aos del, que nos axuden a tirar do carro!
-.-

Espallando Ideas (IX)O Ceo da terra está no fogar, e aquel, ou aqueles, que non acrediten o matrimonio mal poden crer no outro, no Definitivo.

¿Qué mal lle fixo á humanidade o Santo Sacramento do Matrimonio para que así chegásemos a aborrecelo? ¿Estórbannos os Cireneos nesta viacrucis terreal? ¿Cómo se tira mellor do carro, con unha vaca ou con dúas? E así, poñendo exemplos, hai que parar, porque serían infinitos.
A primeira saída a escena, a escena pública, de Xesús, foi naquelas vodas de Caná… ¡E celebrounas con viño, con ledicia, coa súa bendición!

Había un refrán, que hoxe pode parecer chocalleiro, pero que encerra unha gran verdade: A cabra, co vicio, dá cos cornos no cu! ¡É certo, pois os cornos da cabra miran para atrás! ¿E os nosos…? ¡Por veces tamén o facemos, por non ir de fronte, de fronte ás realidades; e, qué realidade máis perfecta pode haber que unha boa compenetración, unha boa colaboración, unha fidelidade entre dúas persoas dispostas a complementarse debidamente, con un pacto selado en sagrado? ¿Qué é unha cacofonía? ¡Cacofonía é casarse por tras do palleiro, precisamente alí onde mexan e cagan os cans!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES