Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mondoñedo e Díaz Castro

lunes, 19 de mayo de 2014
Quen se fixo e se recoñeceu poeta en Mondoñedo, resulta honrado neste 2014 co “Día das Letras Galegas”. Un máis da Escola Poética do Seminario como Leiras Pulpeiro, Noriega ou Aquilino.
Foi precisamente Aquilino o que o conquistou para a poesía galega. Porque ata Mondoñedo e Aquilino só escribiu en castelán. Confesaba ter nacido á poesía “aos oito ou dez anos... nos Vilares, na escola primaria. Daquela empecei a fiar os meus primeiros versos. Eran poemas malos, en castelán, xermolos dos que virían despois. A verdade é que eran cousas que non podían ser gardadas”.

O Seminario, berce poético

O clima poético atopouno en Mondoñedo. “Cando encontrei ese clima foi estudiando xa o que poderíamos chamar segundo ensino, en Mondoñedo. Alí había un ambiente estimulante para a poesía”. Aos 16 anos, xa era escritor: “cando era rapaz e empezaba a escribir, eu tiña un pouco de fachenda, e gustábame que dixeran que escribía ben..../... a miña cultura orixinal é galega, pero despois tiven unha cultura sobreposta, a castelán. Empecei a escribir en castelán, porque daquela era o que estaba –por dicilo así- de moda. Pero despois botei en conta que eu realmente me debía a Galicia,. O exemplo de Aquilino Iglesia Alvariño foi o que máis me influíu na elección da lingua galega para escribir poesía, o que me determinou a escribir e publicar en galego”.

“Aquí foi onde me perfeccionei eu, aprendín a escribir, aprendín a escribir en verso, e empecei a publicar... nun periódico de Villalba, unha revista de Vigo... Para min, Aquilino foi un guía. Primeiro fomos compañeiros de estudio en Mondoñedo. Máis tarde, compañeiros de profesorado. E sempre o admirei. Para min, foi un dos mellores poetas que producíu a nosa terra, e aínda o sigue sendo.”

Da Terra Chá

Xosé María Díaz Castro – José María do Vilariño- procedía desta aldea da parroquia dos Vilares, de Guitiriz, nun extremo da Terra Chá. Foi durante moitos anos o Patriarca poético desta poética comarca. El afirmaba que “A Terra Chá, é unha patria poética, sen dúbida ningunha. Está ben claro que é unha patria poética no sentido de que produce poetas e a mesma terra é unha fonte de inspiración para aquel que ten sensibilidade poética. Incluso para outras artes. Creo que é unha terra de gran beleza, que ademáis crea beleza.

E era consciente de que o seu galego era especial, por estar vencellado directamente á súa terra. Como diría Paco Martín, Díaz Castro escribía en “Chairego”: “Eu escribo un galego dialectal, como xa dixeron algúns críticos nas reseñas da miña obra. Un galego de Lugo, e dentro de Lugo desta bisbarra. Que non é un galego perfecto, xa o sei, pero eu quero sempre falar na lingua da bisbarra onde nacín, porque así a miña voz é máis auténtica.”
Betanzos confirmouno como poeta

Os premios en Betanzos, nos xogos florais foron “un estímulo moi grande. Evidentemente, non era a recompensa monetaria o que me tentaba, senón acadar fama. Eu nunca me presentara a ningún concurso poético, e aquel ano pareceume que podería ser unha cousa facil para min facer un canto a Betanzos e á muller betanceira. Por eso me presentei. Un día de verán, nas vacacións, funme a unha fraga, á beira do río, cun sombreiro de palla, un lápiz e un papel, e alí, dun tirón, fixen o “Cántico de la Ciudad”, o poema en castelán. O galego, fíxeno con máis calma. Para min foi unha gran satisfacción e un gran estímulo que aqueles poemas resultaran premiados.... Daquela, parte dos poemas de NIMBOS xa estaban escritos, unha parte moi pequena. Pero máis tarde, remateino en Madrid”.

Nimbos de poesía

Cumpríanse vintesete anos da aparición de NIMBOS, toda unha revolución poética, cando naceu a producción en video “XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO, NIMBOS DE POESÍA”, que eu dirixín.

Ao introducirme no mundo do video, coidei deber de amigo e dereito tamén de amigo facer un video sobre Xosé María Diaz Castro... un video dos primeiros que fixemos, segundo ou terceiro dos preto de cen que publicamos.

Resultou ser un video sinxelo, pero con grande agarimo. E nestes momentos é coma un achado arqueolóxico, xa que é o único documento existente con imaxe e voz de Díaz Castro. A el xúntanse arredor de dúas horas de gravación de programas na Radio Galega – “Literatura viva” e “A radio máis nova”- que eu dirixín.

Nestes documentos que conservo, Xosé María confesa que “Os temas que máis me gustan son os eternos problemas (do home), aqueles que se refiren á súa orixe e ó seu destino... o tempo, a vida, a morte, Deus.../ eu, case por instinto, sempre recurrín aos conceptos luz-sombra, noite-día: dous polos distintos da vida.../... Nin me gusta escribir según o principio da arte pola arte, que me parece puro esteticismo sen sustancia, nin tampouco facer poesía comprometida pola razón de que eu sempre fun moi libre, e sempre me escapei de todo aquello que me atara a un principio, a unha norma.

Con Díaz Castro en Mondoñedo

Cando dei en facer o video, e repasei a súa biografía – xunto coa súa poesía-, vin que o trasfondo relixioso, místico, que a poesía de Díaz Castro tiña só podía proceder do Seminario. E así o fixen constar no guión, e así o comprobei cando aquí vin con el. Fomos a Betanzos, onde levou aqueles importantísimos premios. Fomos ós Vilares de Parga onde naceu e onde, como el dicia, naceu nel a poesía e naceu el á poesía. Pero cando chegamos a Mondoñero foi diferente. Aquí, díxome, viviu os mellores momentos da súa vida...

Entrei con el polo portalón do Seminario, e parecía máis novo ao entrar, como descargándose dos anos que andivo por fora. No patio central, sinalou unha fiestra... alí, estaba o seu cuarto. Sinalou unha porta: alí vin por primeira vez a Aquilino, que tanto influiu en min para que escribise en galego. Naquel día había, lembro, exercicios espirituais para cregos no Seminario, e no amplo pasillo atopeime cun fato de curas que me honran coa súa amizade... todos coñecían, admiraban e querían ao vello compañeiro, a Díaz Castro.

Entramos nunha aula, sentouse nunha silla. E deu en ollar o chan e lembrar as vellas lastras, o encerado, as paredes, os mobles... Aquí, dábannos clase de historia... Aquí... aquí.... aquí..., en Mondoñedo, fíxose forte a poesía de Díaz Castro, aquí empezou a escribir en galego, aquí aprendeu a base do seu don de lenguas, de saber case todos os idiomas de Europa. Pero, sobre todo, aquí empezou a saber das verdades inmutables...do pequeno e grande que é ser home, da sede de luz que o acompañaría durante toda a súa vida... desa ferida que o marcaría para sempre.

De novo en Mondoñedo

O 3 de outubro de 1990, demos sepultura ao cadáver de Díaz Castro no cemiterio parroquial de Guitiriz. E menos de dous meses despois –o 22 de novembro- viñemos ao Seminario de Mondoñedo presentar o video dentro dunha homenaxe ao poeta organizada por Felix Villares Mouteira, entón Director do Seminario.

Era a segunda vez que eu entraba no Seminario, e así llo fixen saber aos rapaces – a primeira fóra con Díaz Castro- xa que eles eran compañeiros do poeta, compañeiros daquel home que un tempo foi neno e rapaz, e aquí comezou a vivir.

Viñemos ao Seminario falar e proxectar un video en homenaxe a un poeta da casa, un deses homes que engaden música ás palabras normais para que se convirtan en poesía.

Era como pechar un ciclo: En Mondoñedo nacera Díaz Castro á poesía; a Mondoñedo volveu para reencontrarse co seu pasado, coa súa esencia poética; a Mondoñedo volvemos – xa sen el – para simbolizar a súa permanencia neste espacio e no tempo.
Amencer

Xosé María amenceu en Mondoñedo á cultura, á poesía, á vida. Foi un home singular que camiñou pola vida ferido pola sede de luz. E aquí foi, neste Seminario, onde aprendeu que hai unha luz que nos aluma... e se hai sede de auga, moito máis forte é a sede de luz... esa sede insaciable, buscando o resplandor... Xosé María Díaz Castro foi un sedento de luz, precisamente porque a súa altísima calidade humana, a súa fortísima personalidade, a súa bonhomía lle facía buscar ese “algo màis” intanxible.

E se no Seminario de Mondoñedo “amence” cada día de xeito diferente, seguro que é porque as vellas pedras que o conforman físicamente teñen pegadas imborrables de todos os grandes que aquí se formaron cultural e espiritualmente. Xente coma Xosé María Díaz Castro, un home bo, xeneroso, que estudiou aquí –lembreille aos rapaces que asistían á presentación do video- “coma vós, que coma vós tivo inquedanzas, ledicias e tristuras, amores e desamores... pero que por riba de todo consideraba que ser galego era unha sorte, falar galego unha ledicia, falar cun amigo o mellor agasallo, e ser boa persoa o requisito indispensable para camiñar direito por este mundo”.

Ata sempre

Para Xosé María Díaz Castro, vello amigo, que nos deixou orfos de amigo, orfos de poeta; non cabe un adeus, senón un “ata sempre”, xa que non estará morto mentras viva na lembranza de todos os que fomos os seus amigos.

Quince días antes de morrer, Díaz Castro -ingresado na Residencia de Lugo-, no tristísimo ambiente de hospital, reafirmábame a súa querencia pola Chaira, engadindo especial puntualización: Quero e reivindico a Chaira, pero agora faime falla pouca. Con dous metros de longo por un de ancho, coido que poderei arreglarme. Quizais era algo máis ca unha premonición.

Estou seguro de que sabe e ve todo o que se está a facer na súa honra. E do mesmo xeito que en vida manifestaba non saber por que lle tiñamos tanto agarimo, volvería a afirmar “eu non sei como afrontar a fama; eu non sei se son un fito, pero non quero ser un mito. Se son un fito ou mito, son así, e é que me fixéstedes vós”.

Que entre todos sexamos capaces de explicar a grandeza literaria e humana da magnífica persoa e xenial escritor Xosé María Díaz Castro, “José María do Vilariño”.

Notas:
- Os textos entrecomillados corresponden a converas co escritor.
- Este artigo foi publicado no número especial que AMENCER (pubicación do Seminario mindoniense) lle dedicou a Xosé María Díaz Castro, co gallo do Día das Letras Galegas.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES