Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Díaz Castro visto por Segundo Pérez

viernes, 16 de mayo de 2014
A ferida da beleza en Díaz Castro


Segundo L. Pérez López, Deán da Catedral de Santiago que á vez é párroco do Buriz (Guitiriz), que coñeceu e tratou ao que en vida consideramos o patriarca dos creadores literarios da Terra Chá, ven de publicar “A ferida da beleza en NIMBOS de Xosé María Díaz Castro”.

Díaz Castro visto por Segundo PérezEmpezo por dicir que xa me pareceu magnífico o prólogo de Ramón López Vázquez, do Centro Ramón Piñeiro, que establece un paralelismo entre o autor e o homenaxeado, non só por procedencia (das terras de Guitiriz) e formación (Seminario de Mondoñedo) senón por disciplina e exercicio, por ser poetas e pensadores ámbolos dous, e coma López Vázquez opina, eu tamén estou totalmente de acordo en que esta é unha aportación singular no ano en que se vai producir unha "marea abouxadora de feirantes que berran o nome de Díaz Castro".

É a terceira vez que vexo ou escoito o nome de “Via Pulchritudinis”, que pode ser traducido como “Camiño da fermosura”, sexa pola música, pola poesía, pola harmonía en definitiva. A primeira vez foi na Catedral de Lugo cando o coro da Catedral, o Orfeón Lucense, do que son Presidente, iniciou un ciclo de concertos con este título, elixido por Monseñor Carrasco Rouco, bispo da diocese. A segunda, en Roma, na Basílica de San Pedro, no Vaticano. E por fin, neste luminoso traballo que, a fin de contas, xira arredor da fermosura como Díaz Castro xirou cal avelaíña arredor da luz, da fermosura absoluta como total era a súa sede de luz.

Afirma o autor que "teólogos e poetas son almas próximas que teñen que aprender a contemplar o propio misterio", e subliña a relación profunda entre filosofía, teoloxía e poesía", concluíndo "a poesía é o camiño máis corto entre o home e a luz".

O libro é un fondo tratado teolóxico-poético sobre a obra fundamental de Xosé María Díaz Castro, cunha abrumadora sucesión de citas -filosóficas e poéticas- que fundamentan e arroupan un traballo que vai ser pedra angular no coñecemento do pensamento do noso autor, e chamame a atención de xeito especial a idea de que "a palabra poética ten acceso a certos ámbitos que só ela, polas súas propias características, pode alcanzar".

E volvo ao paralelismo que indica o prologuista para estimar que ese paralelismo do autor con Díaz Castro chega, mesmo, a este momento actual, no que o autor ve a obra principal do escritor con ollos de teólogo pero tamén -e moi especialmente- con ollos de poeta. E a fondura do ensaio permítenos pasear polos intrincados versos dunha obra singular, destacando o que o autor quixo deixar entrever, confesándose sen facelo, proclamando a súa fe pero en clave tan sutil que só é apta para iniciados, ou para poetas. E neste caso Segundo Pérez López - no fondo ou no trasfondo- abrangue os dous aspectos, e eu vexo neste traballo un magnífico tratamento poético, por sentir a procedencia, a traxectoria mindoniense e formadora, e mesmo a culminación en Santiago, onde todas as pedras que berran na noite desde hai máis de mil anos –como quería Díaz Castro- rematan "nunha crus".

Remato sinalando que me parece ben afortunada a consideración que o Dr. Pérez López fai de que "ao pensador, ao poeta, fánselle estreitas as canles dunha relixiosidade tradicional, por iso a procura da beleza é a saída dos artistas, filósofos e poetas; unha saída de luz no medio da escuridade e da noite".

Benvido sexa este fondo traballo sobre a “ferida da beleza en Nimbos”. Díaz Castro meréceo. E nós –os que o coñecemos, tratamos e estimamos- coido que tamén para coñecelo e estimalo mellor.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES