Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Integración e converxencia

viernes, 16 de mayo de 2014
En algunha colaboración anterior prodigamos os termos “converxencia” e “diverxencia”. É fácil, no ámbito sociolóxico en sentido amplo, moitas veces, confundir estes termos con “integración” e “desintegración”. Sobre todo porque a converxencia, orixinariamente, adoita conducir a integración, entendida como unión de elementos en un todo, no que quedan articulados como constituíntes do mesmo.

Sen embargo, remitíndonos ao home/ á muller como INTEGRANTES dunha sociedade, hai que ter en conta que non necesariamente os seus comportamentos teñen que ser sempre converxentes para que non desencadeen perigos para a integración: Hai niveis de converxencia.

Pero cando se aplican criterios evolucionistas á consciencia colectiva, a perspectiva integral dos mesmos faise indispensable. Por exemplo, se consideramos a sociedade organizada politicamente en un estado, a converxencia das conciencias individuais que inducen comportamentos é a garantía de que desemboquen nunha integración evolutiva de propósitos comúns.

Nun artigo anterior fixemos alusión a Ken Wilber. Volvamos aquí a el para utilizar un pouco máis o seu pensamento, posto que a visión integral do evolucionismo, que sostén como tese fundamental, puidera abrir canles no ámbito social que faciliten a procura dunha explicación un pouco máis axeitada que as habituais, para situar as tendencias de converxencia ou desintegradoras na actualidade. Un caso recente está en Crimea, como integrante de Ucrania; pero tampouco hai que omitir os da casa propia.

Wilber pensa que calquera evento no mundo pode ser contemplado desde catro perspectivas: a individual, interior en cada un de nosoutros; a intersubsectiva, incardinada en nosoutros mesmos como conciencias participantes; a obxectiva, referida a algo exterior a nosoutros, e a interobxectiva, desde unha realidade complexa, tamén externa, e articulada estruturalmente.

Son perspectivas a considerar. Pero no caso da evolución, están integradas pola converxencia cara a unha maior complexidade, en un enfoque “holístico” (de totalidade). É impensable, sen dúbida, que o cerebro, por exemplo, evolucione sen implicacións, por si só. Ten que traducirse, correlativamente, nun aumento da consciencia individual e tamén nun cambio na cultura, que pertence ao ámbito colectivo do “nosoutros” e como interpretación de todo o que integra a nosa contorna, cuxa esixencia contribúe, a súa vez, a desencadear ese proceso evolutivo.

Isto permítelle afirmar a Carter Phipps, citado noutra colaboración anterior, que “a evolución interior correspóndese coa evolución exterior; a evolución do subxectivo correspóndese coa evolución do obxectivo, e a evolución da complexidade, do interobxectivo, correspóndese coa evolución da consciencia”.

“Como non pode ser doutra maneira” (se permiten esta expresión dos políticos), Wilber afirma que calquera cambio na cultura, na consciencia, na mesma visión do mundo – desde a tribal ata a tradicional, a moderna, a postmoderna; desde a egocéntrica a etnocéntrica...- arrastra a novas visións do mundo. Tal vez podería dicirse doutra maneira: a nosa percepción obxectiva da realidade en xeral está moi comprometida polas estruturas culturais intersubxectivas.

Polo tanto, na miña modestísima opinión, parece plausible, cando menos, admitir que os elementos converxentes na evolución, constitúen un todo integrado. Pretender obvialos puidera ser un craso erro, porque sempre serán cooperativos. E se nos remitimos a sociedade, na que as forzas culturais operan con extrema sutileza, hai que concluír que as actitudes parsimoniosas poden traer consecuencias inesperadas.

Para fixar as ideas, imaxinemos que nunha sociedade estatal as tendencias desintegradoras estiveran sendo potenciadas por cambios nas consciencias individuais e de grupo, en pro dunha diverxencia da unidade integral dun estado.

Imaxinemos tamén (e para isto non fai falla moita imaxinación no noso país) que a potenciación intencionalmente dirixida desas tendencias está considerándose irrelevante e non se lle pon coto por quen ten a obriga de facelo.

¿A onde pensan que, despois de tanta imaxinación, conduciría o proceso normal da evolución dos acontecementos no futuro?.

Penso que unha diverxencia de nivel desintegrador xamais pode rodar á deriva. Porque, en virtude dos imperativos procesuais da evolución, sempre nestas situacións caóticas xurde o que os estudosos chaman “atractores”, que aquí teñen carácter social e polarizan novas organizacións. Pero digamos un pouco acerca deles para unha mellor comprensión.

Sen meternos en profundidades que se escapan á nosa competencia, hoxe en día estudase a autoorganización de calquera sistema dinámico mediante o que adoita designarse como “teoría do caos”, tanto nas matemáticas, como na física e nas CIENCIAS SOCIAIS.

Cando un sistema dinámico se desorganiza polas razóns que sexan (aquí os estudosos falan dun “punto crítico”; pero evitamos comentalo), prodúcese un caos, loxicamente, que contextualiza e subministra os elementos necesarios para esa nova organización.

Ben. Seguen os científicos dicíndonos que, xeralmente, este caos prodúcese cando un sistema chega a un grao de sensibilidade en canto ás variacións das condicións iniciais, sobre todo se teñen entidade para implicar diferenzas importantes no comportamento futuro.

Dicímolo doutra maneira: Cando os parámetros e condicións iniciais dun sistema, dunha organización social, por exemplo, se debilitan e non se vigorizan, hai perigo de desintegración, porque as tendencias diverxentes converxen noutra dirección.

Parece elemental que cando o sistema comporta un control intelixente, como é o caso dunha sociedade estatal, se detecten, concreten e estuden os elementos que se presumen perturbadores, para descubrir nas series caóticas as predicións e tomar as oportunas medidas, antes de que os “atractores” de tendencias diverxentes se convertan en eficaces integradores, encamiñados a crear esas estrañas organizacións cos vestixios da que entrou no caos.

Os “atractores” son, pois, como imáns que dirixen as liñas de converxencia cara a eles mesmos, precisamente favorecidos polas tendencias diverxentes.

Hai que aclarar tamén que estes procesos de desintegración rara vez están, por suposto, en liña evolucionista: Non esquezamos que esa “conciencia colectiva”, intersubxectiva, que arrastra e capitanea os procesos externos tendentes a unha maior complexidade, pode caer nunha oscilación pendular que a aparten das condicións iniciais. Xustamente por isto, é mester mantela en vixilancia e baixo control, valéndose dos instrumentos pedagóxicos circunstancialmente convenientes e dos neutralizadores adecuados.

Non entender isto pode traer consecuencias futuras non tanto imprevisibles como indesexables e involutivas: As diverxencias converxentes (cara aos novos “atractores”) son, consecuentemente, desintegradoras indiscutibles do sistema social orixinario.

Poderíamos estendernos extrapolando, analiticamente, todas estas reflexións á nosa situación en España (que estou seguro que os lectores intúen); pero nin o lugar parece adecuado nin nos consideramos capacitados para facelo co suficiente rigor e documentación.

Só tratamos de complementar exposicións anteriores, dando razóns das mesmas e suxerindo posibles aplicacións prácticas, seguindo o tópico de que “a teoría sen a práctica é coxa; pero a práctica sen a teoría é cega”.

Nesta liña hai algo que, por escasamente coñecido, non deberíamos desatender, e sobre todo non deberían facelo aquelas persoas que asumen a responsabilidade de conducir pobos: Que xa se empeza a falar da “evolución consciente”, porque a evolución da que tantas liñas se escribiron, defendendo e refutando, “creou un ser que ten a capacidade de entender o que está ocorrendo”, aínda que tal vez faga falta o transcurso de moitos anos para chegar a comprender a natureza do proceso do que formamos parte, sen descartar as achegas científicas, filosóficas e teolóxicas.

Por conseguinte, non parece intelixente deixarse conducir por camiños que xa sabemos que son escabrosos, na medida en que contemos con detectores intelectuais que nos permitan tomar decisións axeitadas. Así pois, aínda que as convulsións sociais truncan a racionalidade e a “razoabilidade”, hai que aplicar estas para evitar desembocar naquelas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES