Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Díaz Castro: Gratitude e admiración

jueves, 15 de mayo de 2014
Coñecín a un que convidaba a xantar ou a cear na súa casa a viaxantes de libros. El libros non mercaba, pero cría e dicía aquilo de que: “Algo sempre se pega”. Supoño que sería por razóns de proximidade e polo trato cos que el consideraba en posesión da cultura que podía conterse nos libros que ofertaban.

Ven isto a conto de que, ben quixera tamén eu que, por circunstancias de proximidade, se me pegase algo do moito que adornaba e adorna a figura de Don Xosé María Díaz Castro.

Sen ter capacidade para estudalo coa profundidade con que o fan outros que teñen ben demostrada a súa competencia, grazas a algúns que xa tiven ocasión de ler, medra a miña admiración por el e ó mesmo tempo polos que atinan tan ben a profundar na grandeza da súa obra e nas virtudes da súa persoa. Mesmo me teñen admirado as mozas e mozos estudantes que manifestan querelo afervoadamente.

Non quería pasar sen dedicarlle unhas liñas, movido tamén polo afecto e a gratitude a persoa tan excepcional e ó mesmo tampo tan próxima e sinxela; pero tamén quero recomendar humildemente que, quen non o fixese xa, acuda a fontes máis caudalosas e a augas máis limpas para coñecelo mellor.

Sinto mágoa por non telo coñecido e tratado persoalmente e ó mesmo tempo sinto fachenda e, dado o caso, presumiría dalgunhas circunstancias que nos aproximan, pero o recoñecemento destas circunstancias aínda me move a velo desde máis abaixo, debido á miña pequeneza fronte a grandeza con que el viviu esas circunstancias e ó ben que as aproveitou.

Fago referencia a algunhas na esperanza de que sexan, ademais de motivos de admiración, estímulos de imitación.

Unha delas é ter feito parte dos nosos estudos no mesmo Seminario de Mondoñedo, e comprobar que el é un dos moitos membros egrexios da chamada Escola Poética deste Seminario, conforme ás investigacións e ampla difusión que ven facendo deste tema Don Félix Villares Mouteira.

Algo especial tivo este Seminario e a mesma cidade de Mondoñedo que deron tantos bos poetas e tan amantes das nosas letras e que, dun xeito ou doutro, foron marcando ós que pasamos por alí e que, en xeral, nos sentimos moi agarimosamente agradecidos polo moito que nos deron.

Na escrita de Díaz Castro vese ben ás claras que a formación relixiosa en valores humanistas e cristiáns recibidos orientou profundamente a súa maneira de pensar e de vivir.

Aproxímanos tamén o feito de termos nacido e térmonos criado nesta Terra Chá, que, como non podía ser doutro xeito, e ben demostrado o ten, marca a identidade dos seus fillos naturais e adoptivos, e tampouco sería o que é sen homes coma Díaz Castro.

Outro factor de aproximación é sen dúbida a pertenza a familias labregas e o estar enraizados no rural. El atinou a sublimar todo o bo que ten esa pertenza e, serviuse marabillosamente das experiencias da vida da aldea para expresar realidades e vivencias de refinado carácter espiritual. Nesa arte e discípulo avantaxado do Mestre de Nazaret.

Ese enraizamento no rural da Chaira non lle impediu erguer o voo e, desde altos cumes, contemplar, xulgar e esforzarse por mellorar máis amplos horizontes. Fronte a quen, quizabes por descoñecemento, menospreza o rural, el axúdanos a valorar toda a súa riqueza cultural e humana.

Coñeceu, leu, falou e traduciu de moitos idiomas, pero demostrou ter sempre a lingua que mamara non como unha pobre ama de cría, senón coma a súa lingua nai verdadeira, sen por iso desprezar as outras nais de ninguén e iso que a el tamén lle dixeran que súa nai era unha ignorante analfabeta incapaz de expresar conceptos cultos.

Remato recoñecendo de novo o moito que aínda descoñezo del, pero agradezo sinceramente a cantos tomaron a decisión de honralo dedicándolle este ano día tan significado e significativo.

Agradezo moi especialmente o esforzo, inmenso nalgúns casos, de cantos loitaron por honralo, xa que honrándoo a el sentímonos honrados moitos por moi variados motivos. E sobre todo, teño que agradecerlle a Don Xosé María que fose como foi e que teña sobrados méritos e virtudes para seguir sendo exemplo e estímulo para xeracións presentes e vindeiras.

Só esa semente pode facer realidade a esperanza e a luz que el non deixou de albiscar por entre a brétema. E que: “Algo sempre se pegue”.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES