Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O traballo... festa ou castigo?

jueves, 08 de mayo de 2014
Hai máis de quince anos que escribira un pequeno relato con motivo da celebración do día un de maio e nel dicía que reparara en que un dos almanaques que había pola casa, ese día, a diferenza dos outros, non poñía o nome de ningún santo. Só poñía: “Festa do traballo”.

Este ano tamén mirei e no almanaque en que me fixei aparecía en letra negriña e un pouco meirande: “ Festa do traballo” e en máis miudiña: “S. Xosé Obreiro”. Nin debo pretendelo nin son quen de poñerme no lugar de San Xosé. Só sospeito, pola súa humildade, que seguramente el non se dese por ofendido por non cítalo no caso de hai anos nin por aparecer en letra máis pequena no deste.

Mesmo chego a pensar, e repito que é só un pensar meu, que nin sequera lle parecería mal se puxese: “San Traballo”, porque, segundo cremos, para el, coma para moitos outros, foi e é medio de santificación e de colaboración coa obra creadora de Deus.

Bótome a escribir algunhas ideas sobre o traballo con certo medo a quedar moi lonxe do que habería que dicir, a ferir sentimentos, a falar sen a debida forza e a que estas pobres ideíñas non cheguen nin a miserentas faragullas resecas ante a inmensa necesidade de gran parte da humanidade por falta de traballos dignos e dignamente pagados.

É relativamente doado poñerse a sementar ideíñas nun folio, pero non o é tanto dar resposta a quen busca desesperadamente un medio de vida en sociedades nas que o camiño destes últimos anos ven sendo da folganza á estreiteza nin a quen nunca coñeceu nada que non fose a miseria.

Resulta fácil botar as culpas a corrupcións políticas e a inxustizas de poderosos e haberá que denuncialas cando realmente son a causa, pero sen caer na tentación de pensar que todos os políticos son corruptos nin de que só son inxustos os outros.

Segue habendo quen pensa que ter que traballar é una desgraza. Os seus motivos terán para pensar así, pero para moitos e moitas a desgraza é non ter onde nin en que traballar, ou non poder facelo por múltiples motivos. Mentres que algúns ven no traballo unha condena, para outros atopar un traballo é una bendición e unha salvación. É certo que co traballo deshumanizado créanse escravitudes, pero o traballo en condicións humanitarias pode ser, ademais do medio de vida máis normal, a distracción máis barata que temos.

Teño escoitado que á celebración do un de maio non se lle debería chamar Festa do traballo, porque o traballo é o contrario da festa.

Con razón identificamos festa con descanso, aínda que moi a miúdo esquecemos o moito que teñen que traballar uns para que descansen outros, pero tamén creo que son moitos os que festexarían gozosos atopar un traballo medianamente xeitoso.

Unha festa sen convidados parece que non é festa. É unha obriga esixible que os que teñen a capacidade e o deber de facelo busquen sen descanso os medios para que cada vez esta festa non sexa duns poucos, senón que todos poidan ser convidados e ter sitio nela. Ó mesmo tempo tamén será ben que sigamos pensando ata que punto podemos compartir movidos por solidariedade, por humanitarismo, por caridade ou polos motivos que cada un crea máis eficaces.

Non acabo de entender que o traballo en si mesmo sexa un castigo, porque entre outras moitas cousas pode ser un medio de realización persoal. O castigo estará máis ben no mal uso que se fai do traballo como medio de dominio deshumanizado e deshumanizante.

Ogallá que cada día sexan moitas máis as mulleres e o os homes que poidan celebrar ter un traballo digno ou verse dignamente recompensados polo que fan e deixan feito. É un pensar meu que tamén San Xosé Obreiro o festexará gozoso aínda que non apareza o seu nome nalgún calendario.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES