Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A privatización sanitaria

jueves, 08 de mayo de 2014
A privatización sanitaria: o libre comercio e o Club Gertech

O sistema sanitario público está en perigo. O risco non está na pretendida insustentabilidade que pregoan os profetas ultraliberais (na acción pública sempre é sustentable aquelo que se quere sustentar). A auténtica ameaza son as políticas neocom que pretenden apoderarse dos orzamantos adicados aos servizos públicos.

Os voitres da especulación financeira planean arredor. Hai unha planificación estretéxica, que ven de anos atrás, e ten por obxectivo desmontar os servizos públicos e apoderarse do seu financiamento. Non se trata dunha nova teoría da conspiración senon de feitos e datos contrastados. Podemos afirmar, con toda certeza, que existe un plan internacional, financiado e liderado pola poderosa industria farmacéutica e as grandes empresas da tecnoloxía sanitaria. Esta estratexia, deseñada a grande escala, é aplicada de forma estricta, polos políticos cómplices e os grupos de presión, a nivel local.

Un excelente informe publicado pola FADSP (1) (Federacion de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública) revela o plan que se está a negociar entre a Comisión Europea –órgano non electo- e
o Departamento de Comercio dos EEUU para constituir unha Asociación Transatlántica para o Comercio e a Inversión (ATCI ou TTIP, dacordo coas siglas en inglés). Comezaron esta negociación en xullo de 2013 -dirixida por dous persoaxes de dudosa reputación-, con grande secretismo. Suscita numerosas discrepancias, pois os observadores entenden que é moito máis que un tratado de libre comercio xa que suprime todas as barreiras económicas e lexislativas aos intercambios comerciais. No ámbito sanitario este acordo, de aplicarse, representaría que os sistemas sanitarios públicos europeos serían un mercado aberto á participación das empresas de EEUU. As empresas transnacionais pretenden con esta iniciativa “acceder aos presupostos sanitaros públicos dos países europeos para ter a oportunidade de obter grandes beneficios”.

Ante a polémica xerada por esta negociación o Parlamento Europeo aprobou unha resolución que exclúe da negociación os servizos públicos da penetración do sector privado nos mesmos. Mais cómpre saber que as resolucións do Parlamento non son vinculantes para a Comisión Europea que é quen realmente negocia. Non está claro, por tanto, que a sanidade pública quede protexida. Pola contra, este plan vai dirixido a garantir o acceso das grandes empresas transnacionais aos orzamentos adicados a sanidade (que representan arredor do 40% do presuposto total das CCAA), co obxectivo de conseguir a privatización dos servizos sanitarios, “que son vistos polos inversores privados e pola industria farmacéutica e de tecnoloxía sanitaria como unha enorme lista de compras”.

Se fose asinado este Tratado, nos termos que pretenden as partes negociadoras, poderían tornar irreversibles as privatizacións dos servizos públicos, pois a lexislación estatal quedaría condicionada pola normativa de superior rango da UE. As multinacionais e os poderosos lobbys presionan para desenvolver o chamado “Mecanismo de Solución de Diferencias entre inversor e Estado” (ISDS), ideado para protexer aos inversores e que inclúe “disposicións contra a expropiación de servizos de interese público”. Esto quere decir que sería imposible dar marcha atrás nas privatizacións: as concesionarias poderían recurrir a entidades arbitrais para conseguir elevadas indemnizacións por lucro cesante.


Esta estratexia global reflíctese, a nivel local, no “selecto” Club Gertech, unha asociación formada por “xerentes e altos directivos sanitarios e tecnólogos de empresas”. Este foro, que afirma estar orientado á formacion e a crear cultura de innovacion, na realidade é un poderoso grupo de presión que ten un obxectivo claro: apoderarse dos recursos económicos destinados á saúde (57.000 millóns de euros segundo os orzamentos de 2014). Está integrado por xerentes sanitarios e altos cargos, a Universidade de Navarra e o Instituto Carlos III. Recibe apoios da Asociación de Directivos Sanitarios (SEDISA) e do chamado Foro da Profesión Médica (alianza corporativa integrada por organizacións afíns ao actual goberno), e ten o patrocinio de varias empresas do sector (Medtronic, Philips, Roche, Nec Corporation, Citec-B), todas elas con fortes intereses na privatización sanitaria.

O actual goberno galego ten unha particular sintonía con este grupo. O director xeral de Recursos Económicos do Sergas e os xerentes de Vigo e A Coruña actuaron como ponentes principais nos seus debates. A propia conselleira de Sanidade defendeu nun foro en Barcelona a necesidade de laboralizar o persoal sanitario. O Sergas está a desenvolver as súas propostas nos proxectos Hospital 2050 e Innova Saúde. O executivo aplica con dilixencia as receitas do club: concertos público-privado, externalizacións, control da tecnoloxía e da informacion por empresas privadas, e a implantación das Unidades de Xestión Clínica (UXC). Estas UXC veñen ser a fórmula para fragmentar os centros sanitarios en múltiples empresas con autonomía de xestión, coa perspectiva de crear un mercado sanitario interno propicio para os intereses das grandes empresas do sector.

Este lobby redacta documentos e celebra foros de debate, que sirven de plataforma para difundir o seu ideario. A FADSP, noutro informe clarificador (2), denuncia que esta asociación ten como finalidade xerar “unha alianza público-privada financiada con diñeiro público para negocio das empresas privadas”. SEDISA (que ten vínculos con empresas farmacéuticas: Roche Sanofi, Grünental, Jonhnson&Johnson), argumenta na mesma dirección. No seu “proxecto Amphos” aconsella: cambiar a xestión dos centros por medio das UXC, transformar os hospitais en empresas autónomas, laboralizar aos traballadores sanitarios e promover os autocoidados do enfermo mediante tecnoloxías instaladas no domicilio. Podemos observar que non son nada orixinais e que ambos foros repiten as mesmas letanías.

A FADSP entende que o sistema sanitario público está en perigo real, por “unha estretaxia deseñada e articulada por grupos poderosos que pretenden facerse con fondos económicos que o estado destina á sanidade”. Esta actuación depredatoria está sendo realizada coa total complicidade dos dirixentes do Partido Popular, asiduos visitantes da “porta xiratoria”. Cómpre movilizarse con dilixencia para frear este plan de aniquilación dos servizos públicos. Do contrario, os voitres financeiros faranse con todo e xa non nos quedará nada.
http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

1.- http://www.nuevatribuna.es/articulo/economia-social/efectos-ttip-sistema-salud-publico/20140505122231103190.html

2.-  http://www.fadsp.org/index.php/sample-sites/manifiestos/800-nuevas-vias-para-la-privatizacion-del-sistema-sanitario-una-gran-alianza-neoliberal-para-apoderarse-de-la-sanidad-publica
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES