Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Superar os conceptos

miércoles, 07 de mayo de 2014
Non entendo ese afán de introducir toxicidade en determinados conceptos, no plano teórico, sen antes intentar superalos na práctica. Isto sóame a mudar os problemas de sitio sen intentar resolvelos. Refírome concretamente ao ámbito da discapacidade, perdón!, debería dicir “diversidade funcional”. Que pensariades de min as persoas que me coñecedes se me poño a falar de “minusvalías” e “déficits” nunha palestra? Probablemente vos chocaría e mesmo vos parecería incoherente co que levo proposto estes anos.

Pois ben, lonxe de facer tal cousa, empezarei declarándome firme partidario do concepto de “diversidade funcional”, porque nel collen todas as persoas que dende unhas circunstancias físicas, psíquicas ou sensoriais propias intentan forxar unha vida plena; o que supón un esforzo titánico nestes tempos. A diversidade funcional trae consigo o reto de facer unha sociedade tan igualitaria como respectuosa coa diferenza. Unha sociedade na que cada persoa teña aseguradas todas as proteccións básicas para desenvolver unha vida plena. Unha sociedade na que cada dereito se articule nos servizos necesarios para a súa efectiva materialización. Unha sociedade que vele porque cada persoa acade a porción de plenitude que elixa ou que as súas circunstancias lle permitan.

Unha sociedade que asuma a tarefa de construír o porvir colectivo apoiando o éxito dos porvires persoais. Unha sociedade que labre ocos de inclusión e non arrabaldos de exclusión.

Para esta sociedade inclusiva (diversa por natureza) é necesario empezar a crer nas persoas, valorándoas en si mesmas e forxando oportunidades de futuro das que todas se poidan beneficiar. É necesario garantir os dereitos fundamentais á totalidade da cidadanía e é imprescindible que a sociedade naturalice, normalice e promova a presenza da diversidade funcional en todos os seus ámbitos.

De nada serve introducir toxicidade en determinados conceptos se non desaparece a realidade que denominan. Os conceptos como “minusvalía” hai que superalos día a día facendo unha sociedade inclusiva na que sinxelamente fiquen obsoletos fronte á realidade.

Se cremos no plano teórico que debuxa a inclusión e a diversidade funcional temos que materializalo no seo desta sociedade, garantindo de xeito efectivo o acceso á educación, ao traballo, ao ocio e a todos os recursos imprescindibles para desenvolver unha vida plena. Isto si sería superar todos os conceptos para vivir no ar máxico dunha diversidade inclusiva na que cada cidadán acceda a súa propia autorrealización.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES