Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De paso...e ó socairo do que ven

martes, 06 de mayo de 2014
DE PASO...E Ö SOCAIRO DO QUE VEN.

Estes días os medios de comunicación non se atreven a saír a rúa ou a entrar nos aparellos dixitais das casas sen facer algún tipo de alusión as inmediatas Eleccións Europeas. Uns suxiren, outros atrévense a aconsellar ben disimuladamente, outros aproveitan para falar, como na farmacopea, dos efectos colaterais, outros – confundindo o accidental co esencial – falan dos candidatos/as como se estiveran nunha competición futbolística...

Por suposto, eu non son quen para xulgar a uns e outros; pero hai algo en común que boto de menos (e tamén de máis, as veces!) en todos. Non..., non se trata de que cadaquén solape moi agudamente as súas preferencias, que tampouco vou a ser eu quen as cualifique de ilexítimas: Trátase de algo explicable, non xustificable, de non abordar o evidente dunha maneira monográfica, sobre todo por aqueles que posúen unha excelente formación para facelo.

Pero parece que o evidente, por selo, queda escurecido polo diáfano, polo exceso de claridade que o arrodea. É que non se ve, como din os profesionais da visión, fora de certos limiares: moi lonxe ou demasiado cerca; pero tampouco na excesiva claridade ou na pechada escuridade.

Que é, pois, iso que non se trae á luz por excesivamente evidente (perdoen o pleonasmo!)?. Como bo galego, contesto con outra pregunta: Como queren que votemos EN NEGATIVO?. A ver se son capaz de explicarme.

Votar, permítanme que así o entenda eu, non é, primordialmente, “votar-A”, senón “votar-QUE” e “votar-COMO-para-acadar-ese-QUE”. Si, pode dicirse dunha maneira máis coloquial e sinxela; pero hai que suavizar o ofuscamento da diafanidade para explicar o “evidente”, a fin de que a súa certeza deixe de ser tópica e pase a ser reflexiva.

Escuso dicir que “votar-A” está referido a unha persoa, a un QUEN, algo secundario se non sabemos QUE é o que votamos, e COMO se vai a acadar.

O que me parece que está moi claro é que, no fondo, non deberíamos votar un REXEITAMENTO persoal, polo menos “in directum”, inevitable “in obliquum”, e sempre en función do QUE e do COMO. Mais se non debemos votar “rexeitamentos”, os señores candidatos/as faríano mellor non perdendo o tempo insinuando o voto EN NEGATIVO.

Pero...cando se vota EN POSITIVO?. Cando se sabe e vota QUE Europa queremos. Pero isto non é nada fácil sen elementos de xuízo, que son os que deberían subministrarnos os distintos candidatos, cun abano suficiente de información documentada, e dando incluso conta das estruturas supraestatais necesarias para desembocar nunha Unidade Europea sen titores interesados. E tamén explicando COMO se poden acadar, de maneira razoablemente previsible, estes obxectivos neste contexto e no tempo da lexislatura, ou polo menos ata onde se podería levar un proceso que conduza a eles.

Da a impresión de que disto ninguén se preocupa en serio, porque non pensarán, os que extrapolan problemas e actitudes políticas do Estado, que esa é a perspectiva que corresponde dende as institucións europeas.

Hai, e creo que todo o mundo o sabe, unha serie de cuestións nacionais que están vinculadas a Europa, pero hai moitas outras, que non citamos para evitar empachos, que teñen que resolverse aquí. E non parece moi instrutivo facer un barullo con todas.

Por outra parte, cando dicimos que non é primordial “votar-A”, de ningunha maneira estamos afirmando que a QUEN se elixe non é os candidatos propostos, nin tampouco que non haxa uns máis preparados que outros e de eficacia prevista. En absoluto.

O que queremos é resaltar, modestamente, unha xerarquía de preferencias, porque nosoutros, os cidadáns de a pé, supoño que máis que persoas deberíamos votar obxectivos e medios para conseguilos, non ó candidato en canto tal, “per se”, senón en canto merecedor de que sexa considerado como eficaz na liña, que pensa cadaquén, que conduce a aqueles obxectivos que lle parecen irrenunciables.

Sería moi conveniente que as institucións europeas se concienciaran de que nos asuntos internacionais raian o ridículo e nos propios conta máis o peso histórico dalgúns países a hora de tomar acordos e adoptar decisións que as razóns comunitarias.

Sen dúbida, uns países sinalan as rutas e outros van de excursión con eles. Pero o grave é cando os que sinalan rutas son alleos a Unidade Europea: Aquí está o perigo, porque a poden levar a onde lles convén, que non é a ningures, senón a súa propia debilitación.
Creo que acerca disto, tamén os candidatos terían que amosar a súa visión.

Íamos de paso por algunhas opinións nos medios e ó socairo do que parece ser o que nos ven, pensamos que podíamos articular esta colaboración, sen citas de autoridades.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES