Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espallando Ideas (VII)

martes, 06 de mayo de 2014
¿Para qué se lles pagaba ás carpideiras? ¡Obvio: Para carpir, para dar exemplo, para chufar ao defunto/á defunta, para enxalzar as súas virtudes…, xa que a familia non o facía, ou non tiña ganas de facelo! Por tanto, era artificioso, teatral. ¡Pagado, en definitiva!

¿Cómo se supliron as carpideiras desde que estas preferiron chorar polos seus, ou facer na media, en vez de traballar en negro, sen seguro, por unha esmola microscópica, ou nin iso, senón, e simplemente, por mera submisión ao caciquismo local? ¡Pois…, por algo máis caro: necrolóxicas, en prensa e radio, buses para recoller aos devotos da bisbarra, curas, cantores, coroas espectaculares…, e persoas piadosas que preguen polo defunto! ¡Que preguen, e, de paso, de apetecerlles, que carpen un pouco, para non perde-lo costume! No rogo necrolóxico tamén entran os xa falecidos, que por iso, e para iso, se poñen cruces (+) a continuación do nome dos falecidos con antelación. ¿Por qué, se están ausentes? ¡Para os enterros non, pois, na comuñón dos santos, baixan á terra para engrosar a lista de suplicantes…, para que asistan ao enterro, e, de paso, aos funerais, para que recen polos novos defuntos, polos que os seguiron no camiño do Ceo!

Signos externos, a barullo, hoxe coma onte, pero, por veces, unha omisión: Nin agora que se pode, que deixan comungar sen xaxún, acoden a facelo tódolos familiares, ¡o que se di, todos!, pois, lamentablemente, veño observando que algún se encolle, non colabora nesa mancomunidade de fieis orantes, participantes no prego colectivo pola ánima do finado/da finada, que a tal momento, suponse, está Aló Arriba, rendendo contas. Segundo o entendo, comungar nos funerais é axudarlle ao camiñante a entrar no Ceo, avogar por el, impetrar benevolencia…, no suposto de que a precise, que igual non, que igual saíu da terra plenamente arrepentido, ou xustificado, que tamén hai santos en vida, santos que o son aínda que podan pasarnos desapercibidos aos demais, aos pecadores. Isto é grave, importante, porque supón unha falta de compañeirismo, pero, ¿de quén é a culpa de tais omisións? ¡Téñoo claro: Dos curas, que por cobra-la Misa, para que non deixen de encargárllela, para que non se enfaden, son compracentes cos parentes en lugar de advertirlles seriamente que, se eles non colaboran, pero todos, absolutamente todos, na Eucaristía, o defunto vaise sentir incómodo, incluso se leva unha caixa de ébano, señorial, acolchada, confortable! Neses momentos o mellor colchón, o único válido, son as preces, e mellor aínda as comunitarias, pero hai que dicírllelo, recordárllelo ás memorias fráxiles, se é que queda algunha neste mundo dos sobresaíntes, dos preclaros!
-.-


¿Qué para qué vale un xenro? ¡Un xenro bo, un bo xenro, é un seguro de vida, de vida segura! Dedícolle esta reflexión ao meu, que acaba de levarme a Lugo, e de retornarme, na dianteira do seu auto, feito un cacique! Si, un cacique, que tamén ían na dianteira dos autos de liña, cabe do condutor, na máis absoluta preferencia, naqueloutra crise, na que seguiu á desfeita incivil do 36.
¡Cánto se lles debe aos xenros, e qué pouco se fala deles, qué pouco se eloxian, comezando por ese don dos netos que nos proporcionan, ou, cómo íamos ter netos sen xenro? A cambio, merecen, como pouco, invitalos a un “neto” de viño, na mellor das bodegas. Levados e traídos polos xenros, cos xenros ao volante, o mundo é diferente; non digo se mellor ou peor, pero, diferente. Descubrino onte. Desde aquela prehistoria dos coches de liña, que só puiden ir diante en contadísimas ocasións, cando non coincidía con un “don”, sempre me tocara facer de auriga dos meus cabalos, do propio auto, do auto propio.
Espallando Ideas (VII)
Cando conduces, o que ves, o que retratan os teus ollos, é o asfalto da estrada, e nel, unha danza de autos, que van ou que veñen; en definitiva, ameazas en potencia; por ende, tensión nos teus nervios, responsabilidades, non só contigo, contigo e cos teus, senón, e tamén, con respecto a ese próximo tan próximo, tan circense, que igual te poden tirar da corda como ti da eles. ¡Isto de conducir sen xenro é terrorífico, pero ten de bo que non matinamos, ou pouco, na responsabilidade conseguinte!

¿A parte negativa? ¡Ai, Deus, que me dan cambras con só referilo! A muralla de Lugo, de tan recia que é seguía estando no mesmo sitio, pero, o que é a paisaxe? ¡Aterradora! E menos mal que só se ve, só se contempla, só se padece, nas escasas ocasións en que tes os ollos libres para ollar alén das cunetas: eucaliptos, pinos, salgueiros, silvas, toxos, xestas… ¿Todo isto é o que temos para comer, para comer e para exportar, nós, os galegos, estes galegos criados na fartura das hortas? ¡Dan ganas de emigrar, pero, ao Ceo, pois a terra deixou de ser terra para converterse en inmundicia!

De chegados a Lugo, mesmo alí onde tomamos un café, ¡importado, por suposto, como todo, pois, de querer algo noso teríamos que pedir amoras, amoras das silveiras!, boteilles unha ollada aos periódicos do mostrador: “En Xermade, os lobos mataron un rabaño de ovellas, mesmo entre as casas…” De lido isto alcei os ollos para dicirlle ao xenro: -Agradézoche infinito que me trouxeses ao meu Lugo, pero, co visto visto, pídoche encarecidamente que non volvas a facelo, pois, mentres conserve o carné, quero conducir eu! –Xosé María, iso por qué, tan mal o fixen? –Todo o contrario, rapaz, todo o contrario, pois, como viña confiado na túa condución maxistral, vin retratando cos meus ollos este país dos meus pecados, e non resistirei a impresión se teño que volver a facelo: Quero cravar o iris no asfalto, no asfalto e nos demais vehículos, pois este país xa non é o meu: síntome un intruso, un exiliado, e desespérome; non quero volver a velo, non quero retratalo! En definitiva, que non estou disposto a comer, nin sequera cos ollos, eucaliptos, pinos, salgueiros, silvas, toxos, xestas…, ao longo de cen quilómetros; para iso volvo a Ifni, pois alí, polo menos, con espiñas si, pero había, tiñamos, figos chumbos!
-.-


Félix qui potuit rérum cognóscere causas. ¡É feliz o que puido coñecer as causas das cousas, ou algo así! ¿Cantos hai deses? ¡Non deben ser moitos a xulgar por cómo xulgamos, cómo diriximos, cómo nos portamos! Puxéronse de moda as présas, e para máis adiantar, todo se nos volve nadar en superficie. ¡Deus nos guíe, que falta nos fai!

¿Qué médico pode receitar remedios se ignora de onde vén o mal? ¿Tes catarro? ¡Pois toma un expectorante! Non, non señor, que iso é insuficiente se o marulo segue durmindo sen calcetíns!
Que non afondamos nas causas das cousas vese a cotío, incluso en faladoiros de periodistas, de políticos e de economistas acreditados. ¡Hai que afondar, meus amigos, indagar, sopesar, pararse a pensar, porque sen erradicar as raíces está visto que as malas árbores agroman de novo, particularmente os toxos e mailas silvas. Xa sei que non son árbores…, pero son maleza!
Por exemplo: ¿Daría tanto que facer ETA se a Francia de De Gaulle non se levase a matar con don Hermenegildo por culpa daquelas putadas que lles fixemos aos franceses no seu Protectorado? ¡Hai causas que veñen de lonxe, tanto coma isto, ou máis, e despois pasan desapercibidas, incluso aos periodistas máis ilustrados! ¡Cuestión de memoria, de memoria histórica; e paro, porque escribir destes asuntos é perde-lo tempo, que non me lerán, nin sequera os tolleitos!
-.-


A Lei das Causas Remotas, así como a dos Desagradecementos, son tan universais que se cumpren en tódalas latitudes; por tanto, chegan á miña parroquia, ao meu monte. Un caso: Aqueles dominicos, fose por folgados fose por vocación, afanáronse en ilustra-la parroquia, de tal xeito e tan a fondo que, cando veu a desamortización, e tiveron que concentrarse na Nova de Lugo, os mestres de “a ferrado” eran todos, ou case todos, do meu Montecubeiro, en cinco leguas á redonda! ¿Aqueles aforados, quedaron agradecidos? ¡Algo, si, pero tamén cabreados, pois, se antes pagaban foros, ao redimilos subíronse aos candeeiros, aos cangos, e non se cansaban de censurar aos frades idos, expulsados…, por telos de caseiros, durante séculos!

A poucos lles teño oído que estivesen agradecidos pola cultura parroquial. ¿De onde nos viña? ¡Coido que matinaban que…, por ciencia infusa, herdada dos nosos pais! ¿E se os “pais” tiveron algo que ver coa “Ius primae noctis”? ¡Qui lo sa! O seguinte, con ese lastre, foi que a parroquia nunca resultou doada para os cregos subseguintes, con independencia das súas virtudes.

Traio a colación o caso de don Benito Castro Piñeira, que foi Párroco nos anos subseguintes á guerra: Mirade se era valente que, recoñecido por un taxista, en Madrid, chegáronme novas de que, ao final da contenda, presentouse na Porta do Sol, na Dirección General de Seguridade, con dúas pistolas ao cinto, reclamando o sobresemento da causa dun irmán seu, que as tiña difíciles co franquismo. Pois ben, nin con esa valentía domeou a parroquia ao cento por cen, que non lle perdoaron que prohibise traballar aos domingos, segui-las festas despois de posto o sol, e cousas así, que ata inspeccionaba con unha lanterna de pilas os arredores do torreiro. A súa pastoral levouno ao extremo de misar, ademais da conventual, en tódolos locais das escolas, cando estas cerraron por integración no CEIP de Castroverde, facilitándolles os sacramentos a cantos non puidesen, ou non quixesen, desprazarse. De obras de misericordia, esta e cen máis! ¿Qué premio recibiu, démoslle a Laureada? Cando, de velliño, se incorporou á Residencia de Lugo, non houbo nin unha copa de viño para homenaxealo; iso me dixeron, pois eu, daquela, estaba a moitos quilómetros da freguesía. Pero máis é, que ao seu enterro só lle foron dúas persoas, dúas mulleres. Referiumo unha delas, Alicia, que a poño de testemuña pois aínda vive, a Deus grazas.

¡Hai qué ver canto duran os efectos das causas, de certas causas! Por se lle sirve de desagravio, corto, aquí mesmo, para rezarlle un “Padrenuestro”, pois, en castelán, si, pero a moitos lles ten ensinado a facelo!
…/…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES