Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Camiños...

jueves, 01 de mayo de 2014
Non sei quen dixo que o Camiño de Santiago empeza na casa de cada peregrino e remata por tras do altar maior da catedral compostelá, cando despois de moitos esforzos, cansazos, dores e reflexións, o peregrino consigue darlle o abrazo final á dourada representación do apóstolo.

Tamén hai quen di que ese mesmo camiño iníciase nunha decisión e remata no propio interior do camiñante, porque o que a miúdo procura calquera persoa que decide afrontar o reto dunha viaxe longa, custosa e silandeira o que normalmente procura -alén das crenzas relixiosas que o motiven- é un percorrido involutivo cara o seu propio interior.

Tamén hai quen di -ou, polo menos, quen pensa- que o Camiño de Santiago é un mero foco de dinamización económica que, ó igual que Curros cantaba cando a locomotora do tren chegou a Ourense por primeira vez, "por onde pasa fecunda os terreos, espértanse os homes, florecen os eidos..."

Velaí algunhas das razóns (cando menos, a primeira e a terceira) polas que dende que o Camiño de Santiago eclosionou, entre outras moitas cousas gracias á visita realizada polo xa canonizado Papa Juan Pablo II alá polo ano 1982, tódolos pobos de Galicia senten como propio tal itinerario e buscan e rebuscan nos fondos parroquiais, a ver se algún peregrino ilustre pasou por alí e deixou pegada documental depositada no arquivo, da que poder botar man para encherse de razón e achegarse onda o Conselleiro de Cultura e dicirlle: "Estimado Conselleiro, como pode comprobar aquí, a historia di que o Camiño de Santiago tamén pasaba por onda nós, polo que é de xustiza histórica que sexa recoñecido e sexa saldado definitivamente tan grave erro ou omisión."

Velaí, pois, outra das razóns polas que, dende que o Camiño de Santiago eclosionou, a Xunta de Galicia ten tido que ensarillar arames, fíos e sedeños para que esta aldea, este cruceiro ou aquela verea non quedasen fóra da demarcación non fose ser que tal alcalde ou alcaldesa "montasen as de dios".

Hoxe leo que o número de peregrinos que chegan a Santiago pola Vía da Prata duplicou os da Semana Santa anterior e alégrome por elo, polo tesón e o esforzo realizado pola Asociación de Amigos do Camiño Mozárabe, que -tal como di o seu presidente- teñen sido quen de canalizar unha alternativa á masificación que por veces satura o trazado "maior".

Pola contra, hai uns días lin que ademais de por vías romanas, camiños medievais e vereas vellas que transitaban, baixo os principios elementais da comunicación, por vales, terras habitadas e veigas de labor, seica tamén hai camiños a Santiago que garabateaban polo mapa (poñamos Lobios-Padrenda) a través de inhóspitas serras nas que só o lobo procuraba habitación. E o que máis me sorprendeu foi que tal incongruencia xeo-histórica contase co aval das institucións.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES