Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

XXIII Festa da filloa en Muimenta

jueves, 01 de mayo de 2014
Como pasa o tempo! Xa van aló vinte anos desde que me pediran que pronunciase o pregón da Festa da Filloa en Muimenta do Concello de Cospeito. E non fun o primeiro, senón que ocupei o terceiro lugar. Todas as pregoeiras e pregoeiros anteriores e posteriores cumpriron ese cometido con moito meirande acerto, coñecemento e elocuencia ca min. Sirva como exemplo sobranceiro, sen menosprezo de ningún outro, a “Oda á filloa”, que Marica Campo compuxera para o seu pregón do ano 1993.

Vexo con lóxica e instintiva resignación, pero tamén con racional e gozosa observación que, mentres que este pregoeiro vai minguando, a Festa da Filloa, pola contra, foi medrando ata acadar recoñecementos ben merecidos como o de festa de interese turístico galego e coido que está chamada a máis altas distincións.

Medrou esta Festa ata acadar sobrada identidade e merecida sona para pregoarse xa por si mesma, sen que por iso estean fora de lugar cantas loas poidan facérselle.

Estaría moi fóra de lugar pretender reproducir aquel pregón de hai vinte anos, pero, se non mo toman a mal, quixera botar man de algo que dicía daquela, que xa tiña dito antes e que aínda hoxe digo de vez en cando: “A min impórtame máis con quen como ca o que como”.

Dito así ata podería parecer un menosprezo da filloa con todas as súas exquisiteces e variedades que nun pregón é obrigado destacar. Non é esa a miña intención. Os alimentos en si mesmos non só son importantes, senón necesarios. Por algo no Nosopai pedimos que non nos falte o pan de cada día. Como podería ousar dicirlle que importa máis con quen se come ca o que se come a quen non ten o imprescindible para si ou para os seus? Sería un gravísimo insulto.

Pero, por outro lado, tamén vemos que compartir a comida (se se pode), é un elemento de celebración festiva da relación de confraternidade xa existente, ou fermento de amizades futuras. Por iso tamén afirmaba daquela que, sen deixar de pregoar as excelencias das filloas de Muimenta, parecíame que tamén había que pregoar A FESTA.
Aceptando os múltiples posibles matices e sen minguar loanzas ás filloas, sigo pensando que única e exclusivamente por degustalas a elas non se mantén a Festa da Filloa. Algo debe ter que ver tamén con esa permanencia o feito de que sirva de boa desculpa ou motivo para comela en gratificante compañía.

Claro que unha festa non se prepara por si soa e sen esforzos. Aínda que non sempre saibamos ou queiramos agradecelo como deberíamos, ben debemos saber que detrás da festa hai moitas preocupacións, tensións, incertezas, horas sen durmir, xentes implicadas dando a cara ou no anonimato...

Detrás de cada Festa da Filloa de Muimenta hai todo iso e moito máis, e haino desde o ano 1992. Case nada! Como pasa o tempo para os espectadores! Pero, cantos desvelos, insomnios, canseiras e ata angustias tiveron e teñen que pasar os actores para que fose e sexa unha realidade cada edición! Canta xente implicada! Canta colaboración! Que inmenso traballo de coordinación! Non vou singularizar a ninguén para evitar posibles menosprezos por descoñecemento ou esquecemento, pero, certamente, hai quen se implica ata máis non poder.

Son moitas e moitos os que eles mesmos perden quilos para que outros poidan degustar un prato exquisito que, como ben dicía Marica Campo, “vén das mans das avoas das nosas avoas”.

Sospeito que tampouco faltarán, como case sempre acontece en case todos os sitios, algúns e algunhas que, para disimular a súa non colaboración en traballos comunitarios, traballan, individualmente ou en grupo, denigrando ou difamando o que outros fan, pero iso nunca é motivo de celebración festiva, senón de loito.

O que merece ser celebrado e festexado é o construtivo, a unión, os distintos elementos ben adobiados que dan bo sabor á vida como llo dan á filloa os distintos ingredientes e a boa man de filloeiras e filloeiros.
Boa Festa, pois, da Filloa un ano máis en Muimenta e que non decaia a colaboración que fai posible este evento e moitos máis desta vila e parroquia chairega! Que os esforzos se vexan compensados e agradecidos.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES