Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Só con atención...!

lunes, 28 de abril de 2014
Desgraciadamente, os cidadáns están necesitados de que se lles escoite e, por conseguinte, de que se lles dea razóns válidas que respondan as súas inquedanzas, que, neste contexto de crise, non son meras trivialidades, senón serias preocupacións pola atención ao básico.

Outra vez máis do mesmo nun medio de comunicación; isto parece, por tanto, unha cantilena que xa non soa a arrebato, porque a repetición inmuniza os oídos dos que teñen o poder, político e económico, e a vontade dos receptores tampouco está, segundo parece, dispoñible.

O arrebato xerado polas campás dos necesitados pérdese no aire da insensibilidade e non cataliza o sentido da responsabilidade, dos políticos e dos cidadáns, que non é correcto, cando menos moralmente, eludir, escusándonos ao amparo das institucións: Non deberíamos esquecer os cidadáns que as nosas obrigas van parellas ós dereitos que soemos ter sempre moi presentes, se non queremos que con estas teas se vistan ás institucións sociais, políticas e económicas.

Sabido é que a crise moral, social, política e económica que padecemos necesita solucións de urxencia, que evidencien que estamos camiñando, por vagaroso que sexa, cara a posta en práctica de ideais de xustiza, que non hai que esperar dos tribunais (estes utilizan instrumentos xurídicos, e se os aplican de acordo co marco legal, cumpren), senón da atención administrativa, executiva, e lexislativa; pero tamén de cada un de nosoutros, da cordura e sensatez que parecen enervadas polas néboas dun infantilismo ruidoso sempre disposto a poñerse en acción nas mans da irracionalidade da quenda.

Prestemos, cando menos, atención a unha idea que planea nos nosos ambientes, dun xeito máis ou menos difuso: que o home / a muller é unha entidade INCONSISTENTE e que, por isto, tamén máis o menos conscientemente, estamos sendo vítimas da carencia dun humanismo coherente, precisamente pola xeración de certas actitudes voluntaristas e emotivas, que fan abortar a racionalidade e a razoabilidade no campo dunha apropiada concepción antropolóxica.

Isto fai que a Ética quede abondo marxinada nos foros de discusións filosóficos, salvo ocasións puntuais, e, o que é aínda más preocupante, os feitos parecen evidenciar que tampouco interesa na vida corrente.

Consecuentemente, hoxe en día predominan os ensaios para dotala duns fundamentos débiles, máis ben botando man duns consensos, que, aínda que parten do suposto de que hai algo rexeitable ou aceptable, nunca se sabe por canto tempo.

Prestemos atención tamén a que esta crise do humanismo e da mesma “desfundamentación” consensual da ética están impedindo que as sociedades estruturen proxectos educativos (sempre incorporando cambios apresurados con criterios partidistas, que cinicamente negan ), políticos (que se esfuman nunha barafunda lexislativa e interpretativa, ou descontextualizados por falta de adecuación ás esixencias actuais) e económicos (dificultados pola permisividade da intromisión de poderes bastardos, con manifestas carencias de sensibilidade e interese social, nas funcións gobernativas e lexislativas); proxectos que deberían encamiñarse, primordialmente, a dar solucións xustas ás esixencias cidadáns.

Engadamos a isto que os devotos dos ídolos de moda nestes tempos (o mercado sen control, a riqueza acadada sen reservas e o poder fanfurriñeiro dun capitalismo inmoral) non reparan, non atenden, nin entenden, a evidencia de que están preparando o sepulcro do seu modelo económico, e levarán á Humanidade a perigosas confrontacións bélicas, que xa asoman o nariz nalgúns lugares. Non esquecemos que todos somos vítimas, pero tamén testemuñas, de como se abaten en poucas semanas os emporios financeiros e comerciais, arrastrando á pobreza ós pobos.

E non parece que, a arrogancia coa que despachan todo o alleo aos seus intereses, lles permita ver que están empurrando ao capitalismo a unha crise inevitable por razóns estruturais, cegados por un individualismo de corte económico e un consumismo camiño dunha destrución ambiental irreparable, e impedindo un desenrolo humano e social sostible e integral, no que a moralidade e a espiritualidade (de signo relixioso ou non) non queden neutralizadas, porque sen elas habería que cuestionar non só a dignidade do home e da muller (hoxe tamén en tea de xuízo), senón tamén o seu papel no mundo, incluso como un admirable logro dun complexo proceso evolutivo.

Merece atención, a este respecto, o que dixo Andrés Ortiz Osés, profesor de Antropoloxía Filosófica e Cultural, na Universidade de Deusto, nunha serie de conferencias (tres en total) impartidas en Zaragoza, no Centro Pignatelli, que, aínda que non é aconsellable desoír, non podemos traer aquí. Pero si apuntar unha idea que, tal vez, nos axude a descubrir a onde nos pode levar, na mesma sociedade, a irracionalidade de certos reparos ideolóxicos.

Cando na actualidade se fala da “transcendencia” e da “inmanencia”, adoita aguzarse o fío da atención (aquí..., si!), non sexa o diaño que nos espeten unha homilía. Sen embargo, amigo lector, destes dous conceptos, da realidade “intramundana”, que chamamos física (deixemos de lado os afeites conceptuais), do INMANENTE, e do TRANSCENDENTE (tamén sen excesivos axustes, filosóficos e teolóxicos), que se sitúa fora, a veces considerado como algo enigmático e “numinoso”, non podemos prescindir.

Pola súa importancia son considerados centrais nas conferencias do Dr. Ortiz Osés, e, na miña modesta opinión, pode conducirnos o seu reducionismo, cara a un polo ou a outro, a considerar unha das concausas que determinan esa concepción do home e da muller como un ente INCONSISTENTE, precisamente cando se perde a súa función integradora e complementaria.

Reparen que así o confirman as seguintes palabras do profesor citado: “Se o perigo relixioso consiste en negar a inmanencia e renegar da realidade inmanente do mundo e da vida, o perigo da ciencia está en renegar de toda transcendencia”, caendo nun peche categorial – engado eu – que non se xustifica (por agora!) dentro da mesma ciencia, porque, neste caso, os científicos razoarían no marco dun círculo vicioso: Explicar a orixe da realidade (e permítanme, non matizar máis) dende ela mesma, e a súa existencia dende esa mesma orixe.

Pero, se me seguen dispensando algunha atención, insiramos as razóns de todo isto que deixamos dito nun contexto epistemolóxico máis amplo.
Nosoutros vivimos na inmanencia dunha realidade que, hoxe por hoxe, e pese os recentes avances da astrofísica e da cosmoloxía, aínda non ten en si a explicación de si mesma, e, polo tanto, con independencia de calquera confesionalidade relixiosa, hai fundadas esperanzas de que a teña nun estado PRE-BIG-BANG, enerxético, dinámico e potencial (o baleiro cuántico: teses dalgúns estudosos), transcendente ao universo (ou, multiverso, nalgunhas hipóteses), que non ten que identificarse coa NADA NIHILISTA, pero sen descartar que a explique. Así están as cousas.

Pois ben; que o home / a muller é unha realidade persoal inmanente como calquera outra neste noso mundo, é evidente; pero que aspira a transcenderse, non pode tampouco negarse, porque o científico máis entregado a súa función de investigador, non tería base RACIONAL para non considerarse transcendente ao experimento que está levando a cabo, incluso sen prescindir da súa posible interferencia no mesmo, resaltada por algúns científicos.

Pero aínda que o experimento está suxeito a leis necesarias ou de alta probabilidade estatística para garantir a fiabilidade, o observador goza de liberdade nalgunhas pautas de comportamento. Así, pois, a inmanencia comporta NECESIDADE, e a transcendencia, LIBERDADE.

Sen embargo, indiscutiblemente, o home e a muller xogan con ambas polaridades, e non é previsible que poidan ver protexido o exercicio da súa independencia nunha sociedade que desvincule os instrumentos de normalización de algún xeito de fundamento transcendente: A “Xustiza”, sempre tan solicitada, confundiríase, por exemplo, coa “xusteza”.
Polo tanto, penso que é correcto concluír que o remedio da inconsistencia do home, a que fixemos alusión máis arriba, terá que pasar pola integración do inmanente (ciencias) e do transcendente (outros saberes), xa que ambos son elementos constitutivos da realidade persoal humana, evitando caer nos coñecidos reducionismos. E precisamente neste ámbito integral penso que é onde se deben buscar fundamentos para a Ética.

Consecuentemente, se dedicáramos un pouco de máis tempo a reflexionar acerca dos cementos das estruturas sociais, o edificio tería máis consistencia e os que teñen atribuídas competencias para xestionalo, ou aspiran a telas, non sentirían receos en abrir as fiestras e ventilar as distintas dependencias, para que os inquilinos (enténdase cidadáns) puidesen formarse mellores xuízos críticos; non habería pagos en B, nin desvíos dos fondos europeos destinados á formación; non se cualificaría á ATTAC (“Asociación por la Tasa de las Transacciones Financieras y por la Ayuda a los Ciudadanos”) entre as organizacións anti-sistema: no peor dos casos refutaríanse os seus argumentos, aducindo razóns convincentes e concluíntes; non soportarían os de sempre os “botellós” capitalistas, e tampouco se poñerían en dúbida as estatísticas de Caritas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES