Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Números e persoas

jueves, 24 de abril de 2014
O que vou compartir con vostede, benquerido lector, aconteceume hoxe mesmo -onte para a lectura- en pleno centro da capital (direi o lugar, por ser un espazo público) no edificio de Correos, e adianto, para evitar malestares gratuítos, que non o traio a esta columna con ningún afán de crítica, nin contra o sistema xeral de correos, nin moito menos contra o traballador que me atendeu -que foi amable e correcto nas súas explicacións e non fixo máis ca cumprir co seu traballo-, senón a modo de reflexión pública sobre o sistema de organización social que pouco a pouco nos imos dando a medida que evolucionamos e que aínda que hai uns anos semellaban cousas da ciencia ficción, agora empezan a semellar que non o son tanto.

Era unha hora na que non había moita afluencia dentro. Co meu sobre ordinario na man subín as escaleiras principais e dende a porta de acceso botei unha ollada xeral para definir qué dirección deberían tomaren os meus pasos posteriores. Ó fondo lin dous carteis onde estaba escrito "admisión" e por baixo dun deles o mostrador baleiro cunha persoa ó outro lado do mesmo e en aparente estado de "on", é dicir, de disposición para atender a quen se lle puxera por diante.

Finalizado o proceso analítico, decidín que os meus pasos deberían dirixirse cara alí. E así o fixen, dándolle os bos días ó meu interlocutor e colocando o sobre por riba do mostrador. Entón o traballador preguntoume qué número tiña, ó que respondín cun "ningún" envolto nunha expresión de evidente sorpresa, engadíndolle que eu simplemente vira o espazo dispoñible e entendín que alí podería ser atendido sen máis requisito có de facer a solicitude correspondente.

En cadea o empregado de Correos informoume -repito dunha forma amable e correcta- coa seguinte explicación: "Pero ten que retirar o número igual. Vouno atender o mesmo, pero debería ter collido o seu número na entrada. É por unha estatística que temos que levar..."

Como pode supoñer, a miña reacción -tamén no ámbito da corrección dialéctica- non se fixo esperar e exclamei: ¡Somos números e non persoas!

É dicir, para o servizo de correos, alí non se achegou Antonio Piñeiro a enviarlle unha carta á súa irmá. Que va...! Entrou o número cento e pico do día para deixar un correo ordinario destinado ó código postal 36 mil e pico. E punto.

E non foi atendido por un trebello con lector de código de barras porque aínda non foi peneirada a estatística. Pero será... Para incomodo do usuario "X" e desespero do traballador, que quedará sen traballo.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES